Véndoas a brincar, custa crer que case que non dispoñen de tempo libre; pois o pouco que lles deixa a inesgotable xornada de estudantes emprégano noutras actividades igual de esixentes en dedicación e entrega.
Son alumnas do IES de Teis -como o serán algún día os seus fillos e os seu netos-, e os que as coñecemos no instituto sabemos que nunca amosaron nin mala cara nin medo ante ningún desafío académico. Ata o día de hoxe -desexamos que non cambien- sempre se gobernaron por unha actitude que reconcilia a calquera docente coa súa profesión.
O motivo polo que falamos de Jacqueline Casal Barros e de Marta Fernández Prelch é a exposición de pintura que van realizar na Casa da Xuventude (Vigo) dos días 9 ó 20 de xuño. Non é a primeira exposición que realizan, mais esta destaca por dous aspectos: imaxinación e estilo alternativo. No programa de man explícano en poucas palabras: "A temática é variada e abarca dende a inventiva fantástica ata o campo realista". Recoñecendo a dificultade para describir este evento, resúmeno nas cinco palabras que roubamos para pórlle título a este post: "Ven pacá que cho pinto".
As nosas artistas considéranos traballos de aprendizaxe, pero ata un profano en arte é quen de ver unha madurez pouco usual en xente da súa idade.
Na revista Perfil 9 sairá un artigo con máis datos técnico cós que agora podemos dar. O que queremos facer nesta páxina é darlles os parabéns e manifestarlles que para nós é unha honra telas de alumnas.
Saúde e sorte.
(Imaxes facilitadas por Jacqueline Casal e Marta Fdez. Prelch.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario