Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Vigo, Xerais, 2007.
CUESTIONARIO
- Á luz da lectura, comenta esta frase: "Todos os paraísos teñen data de caducidade, aínda que eu daquela non o soubese" (p. 139).
 - Céntrate no conto "Despois de tantos anos" e comenta os cambios de comportamento que se foron operando dunha xeración a outra.
 - Comenta: "A memoria é traidora, vai e vén polos camiños que quere e xoga con nós sen que poidamos evitalo. Pero a imaxinación é máis fiel, podemos mandar nela ao noso antollo" (p. 161).
 - A ilusión como recurso literario e como recurso vital. (Para empezar, podes ver os relatos "Un río de palabras" e "Unha foto na rúa").
 - Comenta a presenza da morte na obra. (Repara especialmente no relato "Despois de tanto tempo", p. 145, e confróntao con outros relatos que tratan o tema.)
 - Fai o mesmo co mundo de ultratumba. (Repara: "Esta estraña lucidez", "Unha historia de fantasmas"...)
 - Despois de ler a obra, ¿podemos describir o que chamamos amor?
 - Á luz da lectura da obra, comenta a cita de Orhan Pamuk que a encabeza.
 - Repara na explicación final do autor ("De amores e de libros") e explica por que razóns os libros poden ser obxecto do noso amor.
 - En todos os contos se establece unha relación directa entre o sentimento amoroso e a palabra. Comenta este aspecto.
 - Cita e comenta o sentimento da terra ou dos lugares nativos que se manifesta nos personaxes dalgúns contos. (Por exemplo, "Amor de agosto", "Ríos de memoria" ou "Meditación ante o álbum de fotos familiar").
 - Na presentación editorial dise que "hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro". ¿Cales poden ser os fíos desa trama?
 - Relaciona e comenta brevemente aqueles relatos en que os protagonistas ven dirixida a súa vida polas fortes presións familiares. (Repara, p. ex., en "Un radiante silencio", "Amor de agosto"...)
 - Os libros e os estados de ánimo dos personaxes. Repara, por exemplo, en "Un radiante silencio", p. 18. Cita máis casos.
 - Comenta a presenza na obra do sentimento de frustración.
 - Repara no conto "Un amor de agosto" e describe a vida nunha vila rural na época do "desarrollismo": contacto co mundo, relacións sociais, sistema de ensino, economía familiar, usos e costumes...
 - Analiza o papel da memoria na obra, especialmente dende a óptica dos protagonistas. ¿Pódese dicir se a soleira dos relatos está na lembranza? (Cfr.: pp. 145-146 como punto de partida.)
 - Escolle dous ou tres contos, os que che parezan máis axeitados,
 e analiza neles a grandeza e a miseria das relacións de parella. - Comenta a percepción subxectiva do espazo. (Podes empezar por "Meditación ante o álbum de fotos familiar", nomeadamente polo que di na páxina 136.)
 - Na obra son tan numerosas as citas bibliográficas coma escasas as referencias á música e ó cine. Así e todo, estas últimas tamén son significativas. Comenta este aspecto, reparando especialmente no relato "Despois de tantos anos".
 - Se considerases esta obra como un manual de educación sentimental, ¿que ensinanzas tirarías del?
 - Repara nas ilustracións de Pablo Auladell e dá a túa explicación sobre a presenza de anxos con ás cativas.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario