10.4.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (3)

2.3. Así e todo, se temos que sinalar un sentimento predominante nos personaxes da obra parello ó da paixón amorosa, temos que apuntar o sentimento de frustración. Podemos escoller exemplos case que ó chou:
  • De María ("Ríos de memoria") dise: "Alí atrás quedaba a súa infancia, afogada sen remedio no río do tempo. Agora comprendía que sempre deixamos unha parte da nosa vida nos lugares onde vivimos, abandonada neles coma eses farrapos de néboa que quedan enganchados entre as pólas das árbores..." (p. 102).
  • Margarida ("Loanza da filatelia"): "Era bo home, si, pero non tiña moita disposición. Se ben se mira, moitas manías lle levo aturado!" (p. 109).
  • O narrador de "Meditación ante o álbum de fotos familiar": "A vida, cando menos nos aspectos económicos, foime moi favorable; dos outros mellor non falar, non é este o momento de desenterrar as miserias que os anos nos reservan a cadaquén" (p. 140).
  • A narradora de "Despois de tantos anos": "...quizais consiga que a miña memoria quede ancorada para sempre na imaxe de Adrián, o mozo que me agasallou co primeiro libro autenticamente meu, o home co que quizais o destino me ofrecía a fortuna de emprender unha vida máis feliz" (p. 163).
2.4. Canda a frustración amorosa temos que considerar o paso do tempo. Nas citas anteriores resulta ben visible. O paso do tempo queima as ilusións mellor fundadas e leva a vida por vieiros impensados. Mais aquí, o tempo non queima a lembranza, mellor dito, a lembranza esperanzada: "Entre elas [as persoas], dimo o corazón, estará tamén a muller que agardo, ese descoñecido amor co que espero compartir todos e cada un dos días da miña vida" (p. 172).
Diríase que a lembranza recupera o sentido da vida dos personaxes; mesmo a daqueles que foron gobernados por vontades alleas ("Un radiante silencio", "Amor de agosto", por exemplo).
A soleira destes relatos alicérzase na pervivencia da lembranza, como lle acontece á narradora de "Despois de tantos anos": "O que de verdade me importa son as lembranzas" (p. 146).

2.5. Outro dos trazos comúns que presentan varios dos protagonistas é o da percepción do espazo.
Temos por unha banda os personaxes que necesitan un paraíso: a casa onde naceron ou pasaron os mellores momentos da súa vida:
Debe ser certo que non só o tempo, senón tamén o espazo, teñen moito de subxectivo, porque, mirado coa perspectiva de hoxe, resulta ridículo que a viaxe desde Lugo ata aquí me parecese unha aventura, cando agora non se tarda máis de media hora en percorrer os trinta e poucos quilómetros que hai. Pero, daquela, eses quilómetros que separaban a cidade do paraíso duraban moito máis tempo e sempre prometían ser tan longos e apaixonantes coma as viaxes por terras exóticas emprendidas polos protagonistas das novelas de Verne que devoraba naqueles anos" (p. 136).
Dun xeito semellante á vivencia amorosa, estes paraísos "teñen data de caducidade" (p. 139). Así e todo, son espazos ós que se torna para recuperar as raíces perdidas da vida.
Por outro lado, temos o sentimento da saudade da terra do emigrante. É o que lles acontece ós protagonistas de "Amor de agosto" ou "Ríos de memoria".
Esta necesidade de ver os espazos perdidos ou de adquirir a casa dos devanceiros non sempre é comprendida nin compartida pola familia. A vivencia do espazo tórnase tan subxectiva coma a vivencia amorosa.
______________________
Imaxe de Fora-da-estante, blogue que cómpre non perder.

Ningún comentario: