Os traballos que recolle este libro conforman un profundo capítulo da sociolingüística dos últimos cen anos no que portén ao campo da administración de xustiza. Céntrase na época das Irmandades e chega aos nosos días. Ofrece relación e biografías sucintas dos xuristas salientables: Manuel Banet Fontenla, Fermín Bouza Brey, Salvador Cabeza de León, Roberto González Pastoriza, Arturo Noguerol Buján, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo, Luís Porteiro Garea. A nómina alárgase coa relación de persoeiros comprometidos coa lingua e, directa ou indirectamente, relacionados co Dereito (pp. 22-26). Os estudos de Xosé Manuel Pacho Blanco e Xaquín Monteagudo Romero ofrecen un amplo panorama da época, do movemento irmandiño e dos xuristas achegados, así como do panorama previo do século XIX.
Mais non se trataba só de levar a lingua ao exercicio da xustiza, tamén cumpría estudar o Dereito galego, especialmente o civil. Así o podemos ver nos traballos dedicados especificamente a Lois Peña Novo (da autoría de Manuel Roca Cendán), a Roberto González Pastoriza (de Xurxo Martínez González), a Fermín Bouza Brey e Trillo (de Clodio González Pérez), a Manuel Banet Fontenla (de Henrique Harguindey Banet) e a Lois Tobío (de Xulio Ríos).
Do momento actual ocúpanse senllos traballos de Carlos García Varela (“A situación do galego na administración de xustiza segundo os informes do Consello de Europa”) e Dalila Dopazo, Sandra Piñeiro e Luís Villares (“Un conto centenario”). Analizan o percorrido e os atrancos da lingua para a súa normalización neste campo.
No remate de contas, estamos hoxe case que na mesma. Lembramos e recoñecemos un mundo de xente que loitou pola dignidade da lingua --que tamén é dignidade persoal-- en tempos escuros e difíciles, que logrou transmitir ilusión e esperanza, pero que, pasados cen anos, os soños desta xente aínda están lonxe de se veren cumpridos. Soños que se resumen nos derradeiros parágrafos deste libro:
“As verbas de Porteiro Garea volven a nós coma ecos non escoitados nas esferas do poder: cómpre esixir a galeguización completa da administración, dos seus axentes e dos seus medios, como única garantía para a cidadanía de xustiza e fidelidade.Todo o demais, son contos” (p. 192).
Dictiografía
- Xosé González Martínez, “Xuristas das Irmandades da Fala demandaron o uso do galego nas instancias xudiciais”, Mundiario, 25-07-2016.
- Xosé González Martínez, “En Monforte de Lemos co dereito”, Faro de Vigo, 08-03-2016.
- Francisco Albo, “Monforte recupera a figura do dirixente galeguista histórico Manuel Banet”, La Voz de Galicia, 07-06-2016.
VARIOS, Xuristas das Irmandades da Fala. Vigo, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario