“Eu creo que os escritores témo-la nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explica-lo mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso. Estes ensaios son reflexións, pero nas que reflexiono narrando, sobre literatura, sobre outros escritores, sobre pintura. Verémo-lo que sae de aí. Polo menos espero que a xente non se aburra”.(Ana María Platas Tasende, “Conversación con Carlos Casares”, Revista Galega do Ensino nº 21, novembro de 1998.
Capa 1ª edición |
Amigos e coñecidos teñen acollida nestas páxinas: Ramón Piñeiro --por suposto--, Basilio Losada, Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Miguel Torga, V. S. Naipul, Torres Queiruga… Constitúen a primeira malla dunha rede que se vai estendendo a outras figuras coas que suxiren ou establecen algún tipo de relación que serve para explicar ou ilustrar unha obra, un feito, unha actitude.
Dado o principal oficio de Casares, non resulta estraño na obra o peso dos escritores: de Torrente Ballester ocúpase en dous textos; noutros dous, de Otero Pedrayo; Cunqueiro, Risco e Piñeiro ocupan a cada un seu, sen contar as amplas referencias a escritores que hoxe son alicerce da literatura universal. Tampouco esquece a súa propia obra: en “A maquillaxe dun bispo”, vencidos os reparos que lle produce a seriedade académica, o autor descríbenos a construción do personaxe principal de Ilustrísima (1980).
Imaxe: Editorial Galaxia |
As reflexións sobre a literatura están esparexidas pola obra de Carlos Casares, ademais de en entrevistas e conferencias. N’Un país de palabras achamos o miolo da súa propia teoría da creación literaria, da que podería dicirse que foi unha busca que lle durou toda a vida. Xa de neno se atopou na encrucillada de dous estilos narrativos:
“Tal vez foi a inxenuidade á que me refería antes a que me levou a narrar os meus primeiros contos da mesma forma que o meu avó me contaba os episodios máis destacados da súa longa vida, é dicir, mantendo a orde que seguiran no seu desenvolvemento real” (p. 136).
Non fai falla sinalar que se trata de relatos orais. O trazo da oralidade considérase unha característica xeral da súa narrativa. Con todo, “as maneiras de narrar de meu avó e da miña avoa diferían de forma radical” (p. 138). Mentres el enche as historias de feitos reais, datados, vividos ou presenciados, ela opta polo misterio, o medo, o inconcreto e atemporal. “Entre estas dúas formas de contar, sempre me seduciu a primeira, talvez porque a miña curiosidade infantil se sentía máis atraída pola concreción atraente do real que pola vaguidade neboenta do fantástico” (p. 139). Andando o tempo, esta escolla máis ou menos inconsciente acabaría caracterizando o labor narrativo do autor: “En termos técnicos considérome un narrador lineal, o que non ten para min outro significado que o puramente instrumental, nunca o dun valor estético de tipo estrutural” (p. 140).
As reflexións sobre o carácter do escritor son unha constante ao longo da vida de Casares, e saltan ao falar doutros autores e obras. Lembremos a imaxe do diamante pulido ou en bruto cando fai a comparanza entre Castelao e Otero, ou cando cita, entre outros, os chamados “viaxeiros de cheminea”, acusados de impostores porque inventan lugares que non coñecían. Casares apostila: “Hai realidades que só poden ser comprendidas desde a literatura, nunca desde a reportaxe ou a crónica” (p. 60).
Idea semellante desenvólvese, ao tocar o tema da sinceridade do escritor, no texto “O día que me regalaron a Miguel Torga”. O portugués non comparte a máxima pessoana que reza que “tudo poeta é um fingidor”. Así e todo, a creación literaria imponse:
“Para esta, todo escritor é un manipulador, un fabricante de artificios, mesmo cando manexa aquelas palabras que ten máis preto do corazón, como as que emprega para escribir o seu diario. Pero tamén as outras, as que utiliza nas súas memorias ou nas súas novelas. Non hai ilusionismo sen truco. O máis que se nos pode pedir, como nos ocorre cos magos, é que non se note” (p. 33.
No remate de contas, n’Un país de palabras atopámonos ante un escritor seducido pola literatura, e a ese reino da literatura, como el mesmo admite, pertence o corazón do home.
Falan da obra
Carlos Casares, Un país de palabras. Vigo, Galaxia, 1998.
Ningún comentario:
Publicar un comentario