7.4.12

Valentín Paz-Andrade. Galiza lavra a sua imagen

Imaxe: web dedicada a Valentín Paz-Andrade.
Galiza lavra a sua imagen é un libro epigonal. Non se trata dun testamento intelectual, pero debe considerarse un perpiaño máis na construción do edificio do país. Dátao na súa casa de Samil en 1984 e ve a luz o ano seguinte. Quéixase Valentín Paz-Andrade ó editor da tardanza da publicación (“ O livro Galiza lavra sua imagem estase facendo vello antes de saír do prelo”; Paz-Andrade, Epistolario. Carta a Isaac Díaz Pardo, 6-5-1985), mais non é un libro que se arruíne co paso do tempo, porque o que nel se trata está nos alicerces do país. Neste sentido podemos dicir, usando unha palabra do propio autor, que é unha obra “endorresistente”.
No limiar distingue o autor entre dous conceptos: personalidade e imaxe. Ambos os dous insertos no mesmo corpo e conformados pola “mesma relación consciente e responsábel dos cidadáns coa súa terra” (p. 8). Recoñece no limiar que se trata dun libro misceláneo, de variada temática unida por unha “coordenada subxacente” (p. 12), isto é, o fío da vida do país, que se vai tecendo coas vidas e obras das súas xentes, contempladas no seu conxunto. Nesta obra, Valentín Paz-Andrade convida a rematar a sementeira e a aprender a aproveitar as colleitas (p. 13).
Este conxunto de ensaios trae á memoria do lector aqueloutro libro fundacional do rexurdimento literario. A Galicia cómprelle un cambio de imaxe. Ás xentes de cada momento só teñen que seguir o exemplo e a actitude doutros coterráneos que co seu saber e o seu facer foron marcando o camiño e creando tradición.
Sostén Paz-Andrade que a un país non o conforman só as súas xentes. Recolle unha cita de Ganivet que reza: “Lo más permanente de un país es el espírito del territorio” (p. 17). Defende esta tese na parte titulada “Semiótica da paisagen”. Cada terra ten o seu símbolo, a súa árobore, a súa flor, o seu paxaro produtor da melodía do país (p. 24). Mais non é soamente a semántica da paisaxe a que conforma a personalidade do país. Tamén está o xenio das súas xentes e da elite creadora. A lingua é a máis grande obra colectiva e a máis identitaria: o carné e biografía de Galicia; pobre na casa e rica na expansión, pero xa fóra do control dos creadores orixinais.
Canda a lingua, pon Paz-Andrade a obra de pintores, arquitectos, científicos, literatos, publicistas... como esteos da personalidade do país e configuradores dunha imaxe coa que presentarse dignamente ante o mundo. Mais non se pense que Galiza lavra a sua imagen sexa un libro propagandístico e autocompracente. A diagnose que fai do país e dos seus traumas parécenos atinada e crúa (p. 118). Define a Galicia como un pobo á defensiva (p. 49), como país apouvigado por pauliña de vello (pp. 177-8). Mesmo aqueles que “tentaron coa materia de Galiza, case sempre deron na ferradura. No cravo ben poucas” [veces] (p. 123). Nin sequera as institucións estiveron á altura dos tempos; unha ollada histórica fáinolas ver “de recú” (p. 178), incapaces de abordar as reformas necesarias (p. 180).
Malia debuxar un país sen liberdade de opción nin potencia decisoria (p. 131), Valentín Paz-Andrade nunca abandona a esperanza e anima a pórse á tarefa de gañar imaxe e pelexar contra a rutina.


Valentín Paz-Andrade, Galiza lavra a sua imagen. Edicións do Castro, Sada, 1985.

Ningún comentario: