Imaxe: Editorial Galaxia |
Julia Fernández estrutura este manual en tres capítulos. O terceiro, moi breve, contén a despedida e a expresión do desexo de conseguir o éxito na tarefa da educación emocional. O primeiro ten carácter teórico e ofrécenos as propostas e método para a educación dos sentimentos. No segundo, de carácter práctico e literario, atopamos o diario que narra a experiencia hospitalaria dunha rapaza sobre a que se van propondo actividades para traballar sentimentos concretos.
Este manual para educación da emotividade nace en grande medida da experiencia do traballo hospitalario da autora, que define a emoción como “a cor da nosa mirada” (p. 22). Julia Fernández fainos ver a necesidade de aprender a enfrontarnos ás emocións, así como a necesidade de aprender a crear emocións positivas porque son a base para gozar da vida.
Sostén que o proceso educativo das emocións comeza por un mesmo, porque as emocións tamén se herdan e, daquela, cómpre mellorar a herencia antes de lla ir pasando aos sucesores.
O seu método sinala os seguintes pasos:
- Poñerlle nome ás emocións (teño medo, estou triste, contento, anoxado…) coa maior precisión posible, porque é o primeiro paso para facer o diagnóstico do estado anímico de cadaquén.
- Analizar os efectos somáticos das emocións: tremer, arrubiar, suar…
- Estudar a conduta que provocan as emocións: fuxir, quedar varados, gritar…
- Analizar as consecuencias da conduta nos seus aspectos positivos e negativos.
- Buscar respostas ás condutas provocadas polas emocións.
- Adestrarse en técnicas de control, en especial das condutas inadecuadas e
- Analizar as causas das emocións.
O método apóiase na soleira do optimismo. Cómpre deixar de enzoufarse na lama da desgraza para potenciar todo aquilo que funciona e nos senta ben. Os optimistas non son parvos e a actitude optimista axuda na resolución dos problemas que vaian xurdindo e, insiste a autora, o optimismo tamén se aprende.
Para ir levando a termo esta aprendizaxe emocional, Julia Fernández vai debullando técnicas e consellos, exemplificados con casos prácticos que, aínda sendo cotiáns, sinxelos e de sentido común, case que sempre se esquecen na tarefa educadora: aprender a gozar das cousas boas da vida, aceptar normas e límites, saber afrontar a frustración, manter boas relacións sociais partindo do coñecemento de si mesmo, desenvolver a autoestima.
Lémbrasenos no libro un antigo adaxio que nestes tempos tan ensimesmados que vivimos cómpre ter moi presente: a educación é tarefa da tribo enteira.
Dictiografía
- Pequenas historias. Ficha do libro e noticias relacionadas na páxina da Editorial Galaxia.
- Julia Fernández Rodríguez no blog da Editorial Galaxia. Referencia a:
- Elena Chedas entrevista a Julia Fernández Rodríguez pola presentación de Pequenas historias… (La Voz de Galicia, 10-07-2015).
- R. Suárez, “Julia Fernández autora de Pequenas historias para falar de emocións”, en Atlántico Diario, 08-07-2015.
Julia Fernández Rodríguez, Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos. Vigo, Galaxia, 2015.
Ningún comentario:
Publicar un comentario