22.3.09

Xosé Manuel Fernández Castro. Misterio en Guernica

1. Parella nova que foxe da represión e da guerra cara a Francia na compaña dunha "viúva de paredón". Polo camiño atopan outra muller que malamente pode andar porque rompera un pé na fuxida. A ponte fronteiriza fora bombardeada e teñen que recuar. A saída nalgún barco élles moi cara. Sobreviven e tentan aforrar para a pasaxe nun matadoiro de polos, acollidos pola propietaria. Nese refuxio, a parella ten un fillo.
A saída para o estranxeiro vólveselles imposible. Nin contando coa axuda do cabalo e mais do touro o darían logrado. O bombardeo (de Guernica) acaba por convertelos nunha estadea que berra: "Queremos vivir".

2. A peza preséntanos un combinado de viacrucis e Nadal (Epifanía entre viacrucis e tableau vivant", leva como subtítulo) representado polos personaxes do cadro de Picasso. Os personaxes padecen persecución; procuran unha fuxida salvadora que os leve a terras máis acolledoras; sofren caídas e golpes; axúdanse; temos un nacemento, mais non nun pendello, senón no matadoiro; o neno non nace chorando: fala e non ten boas novas que contar, porque sabe, o mesmo que os animais, que a morte xa vén polo aire.

3. Aínda tratándose de teatro para monicreques, os personaxes teñen a consistencia de seres de carne e óso. Viven e fannos vivir a crueldade absurda das guerras.

4. O cadro de Picasso resulta case que imprescindible para entender esta obra. Mais a historia que nos conta non sae do cadro; é a historia a que "instala" o cadro ó xeito dun portal-teatro: " O portal de Guernica está baldeiro, nin sequera vemos os animais" (Instalación, p. 39). Cara a ese inevitable portal camiñan os personaxes coa pesada carga das súas vidas. Cando o bombardeo estrague xentes, animais e facendas, dese "portal" sairá unha estadea que clama pola vida, e a súa ladaíña quedará ecoando nos oídos do espectador: "Queremos vivir".

5. Acompaña ó texto unha ampla e variada proposta musical que lle dá fondura ás palabras e suxiren aquilo que o espectador non ve: Gipsy Kings, Beyoncé, Leo Delibes, Shakira, Emma Shaplin, Vangelis, John Wiliams, Sash, Haendel, Héctor y Tito, Rubettes, Bryan Adams...

6. Páxinas que axudan á comprensión da obra: afarIIREP

Estudos do autor sobre teatro en :Signa; en formato pdf .



Xosé Manuel Fernández Castro, Misterio en Guernica, IGAEM / Baía Edicións , A Coruña 2007. III Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Imaxe vía lg3 literatura

Ningún comentario: