11.3.09

Centenario do Futurismo (3)

Velaquí uns retallos do artigo de Maurizio Serra, autor do libro Marinetti et la révolution futuriste, Éditions de L'Herne.

O artigo completo: "Poésie et politique", en Le Figaro.

Sostén Maurizio Serra que, nestes cen anos de Futurismo, dúas das súas características máis salientables --a carraxe contra o decadentismo e o evidente belicismo-- suscitaron abondos malentendidos.
En Francia este movemento de "hixiene social" impulsado por Marinetti provocou os primeiros embates n escena internacional. O italiano, nado en Exipto, apaixonado polo simbolismo, rexeitou calquera concesión ós outros ismos que lle disputaban o primeiro posto no panorama artístico parisiense. Non se trataba só de vaidade persoal. Os compañeiros de aventura (pintores, escritores, arquitectos, cineasstas...) pretenderon unha renovación total do home, da moral e mesmo da natureza contra todo pasatismo, o decadentismo e o refuxio nos fastos da Belle Époque. París era unha presa que cumpría conquistar.

Dende as orixes, o Futurismo converteuse nun signo anunciador do belicismo (I Guerra Mundial etc.). Marinetti canta a tomada de Libia ós turcos, dálles a benvida ás treboadas de aceiro que estralampaban no ceo escuro de Trípoli. Tamén lle atopamos o gusto do compañeirismo viril das trincheiras de todas as guerras, ó que nunca renunciou (marcha voluntario á fronte rusa en 1942, con 66 anos; o seu derradeiro poema é unha louvanza do guerreiro aviador, logo kamikaze). Pero Marinetti é incapaz de personalizar a violencia que, ós seus ollos, non é se non a técnica posta ó servizo do mito: non ten nada que ver coa percepción física do horror e do sufrimento. Para Maurizio Serra trátase dunha transfiguración poética da realidade que anuncia moito máis que a chegada dos gulags e dos campos de exterminio.

Por outra banda, a perspicacia política que se autoatribúe lévao a cometer o erro fatal da súa vida: cando, na inmediata posguerra, se decata de que un partido futurista non é quen de tomar poder en Italia, adhírese á causa mussoliniana. Marxinado por un réxime que se pretende revolucionario, pero que prefire cortexar as vellas xerarquías reaccionarias e clericais da Italia de outrora, o modernismo futurista acaba de vez. O movemento logo abate as ás: entre os que morreron na fronte (Sant'Elia, Boccioni) e os que abandonan ou se exilian, xa non aflúen para as súas fileiras máis que mozos de talento inseguro, mentres se van cerrando as fronteiras da autarquía fascista, e a chamada "!Futuristas do mundo, unídevos!" resoa dun xeito cada vez máis patético.

Pero polo menos dúas veces na súa vida fixo ben a súa escolla sen ningunha dúbida: en 1914-1915, militando con d'Annunzio e o -demasiado- esquecido Guglielmo Ferrero pola intervención do seu país a carón da "irmá latina", contra "espírito teutón" que el abomina. Vinte anos máis tarde, cando interrompeu ruidosamente unha xira na Alemaña nazificada e cando se comprometeu despois nunha desobediencia activa no momento en que o fascismo adopta unha servil lexislación racista, a finais 1938, chegando á devolución simbólica do seu barrete de académico. E todo indica que, o 10 de xuño de 1940, a entrada de Italia na guerra de Adolf Hitler foi para el un día de loito futurista, mesmo se o seu deber de militante e de soldado o obrigaba a calar.

Existen moitas contradicións en Marinetti, como en todo creador, e o personaxe non fixo nada para resolvelas. A súa ansia infantil de pendurar unha etiqueta futurista a calquera sector da vida cotiá, do deporte ó mobiliario, da moda á gastronomía, (...) ¿acaso non anuncia a gran confusión (ou fusión ) dos valores da modernidade? E o seu desdén pola obra de arte relixiosamente concibida e insubstituíble, ¿non será retomado por Andy Warhol ou Stockhausen?

O autor do artigo recoñece que o debate é longo, pero con todo cómpre felicitarse por estes cen anos tan ben levados.

Imaxes de Corriere della Sera e decitre.fr

Ningún comentario: