20.1.16

Rodrigo Cota / Jano, Nacho Camacho

Imaxe: Demo Editorial
Avísasenos en nota introdutoria que o álbum recolle as tiras do personaxe Nacho Camacho creado para a revista Retranca (desaparecida).
Os autores presentan o personaxe como macho alfa, macizote de ximnasio (aínda que non o pise), materialista e admirador de Clint Eastwood. O seu mellor amigo espétalle na cara que “ademais de ser imbécil es un homófobo impresentable”. Quizais o salve que Nacho Camacho descoñece os significados das dúas últimas palabras. A nai/sogra non é menos benigna: “anormal” e “borracho” (recado transmitido a través da inocencia do neto).
Pero o problema que máis o tortura, así e todo, é a homosexualidade do fillo preadolescente. Séntese incapaz de “curalo”, de convertelo nun home de verdade. O fillo demostra máis madurez, naturalidade e sentido común ca o seu proxenitor, a quen trata sistematicamente por Nacho (nome familiar / ghicho calquera).
A reflexión máis profunda sobre si mesmo é unha visión dende fóra e tópica; séntese identificado con certa imaxe de político: cacique, ladrón, corrupto, puteiro, borracho, mentiroso e oportunista. Sen querelo, descobre que daría un “alcalde perfecto”.

Se fose de carne e óso, Nacho Camacho daría pena, malia que provoque a risa. Estariamos ante un individuo antisocial, incapaz de soportarse a si mesmo, tal como nos amosa a tira da páxina 11. Tira que tamén insinúa que este tipo de individuos son de imposible corrección.
O cómic presenta a estrutura do medio para o que foi creado: tiras que contan historias breves e completas. Esta estrutura anecdótica, ganduxada pola personalidade do protagonista, dá aos ollos do lector a sensación de historia unitaria e completa.

Sobre a obra:

Rodrigo Cota / Jano, Nacho Camacho. A Coruña, Demo Editorial, 2014.

14.1.16

Manuel Mandianes. Viaxe sen retorno

Imaxe: Sotelo Blanco Edicións
Manuel Mandianes analiza nesta obra o fenómeno da emigración na actualidade, sen perder de vista outros tempos máis ou menos recuados.
O lector galego pode verse perfectamente reflectido neste estudo, pero pode afirmarse que a análise ten un carácter universal. O emigrante é un transterrado forzado. As razóns da emigración son basicamente económicas: cómpre buscar unha terra que permita gañar o pan. Este condicionamento será tamén básico á hora de establecer a relación entre o emigrante e a terra de acollida. Será unha relación distinta á do deportado, á do fuxido, á do exiliado, á do viaxeiro…
O estudo de Mandianes céntrase no custo humano da emigración. O emigrante acaba por converterse, en máis casos dos desexables, nunha persoa desenraizada. No país de acollida sempre será estranxeiro e no de orixe irase convertendo nun descoñecido. Os seus símbolos identificativos sofren o mesmo proceso: non se identifica cos do novo país e vai esquecendo os que deixa atrás ou perdendo a súa evolución do paso do tempo. Se o emigrante ten fillos e quedan en mans da familia, non deixará de sufrir un sentimento de desleixo; se ten os fillos no país de acollida, converteranse, máis cedo ca tarde, en cidadáns dese país. Pode dicirse, en síntese, que o emigrante é estranxeiro en calquera parte.
Mandianes analiza tamén fenómenos relacionados coa emigración que resultan preocupantes nestes últimos anos. Trátase das tribos urbanas (maras, por exemplo) ou dos grupos islamistas, que medran no estranxeiro mellor que no propio país de orixe.
Estamos ante un libro meritorio da primeira á derradeira palabra. Se cadra, o mérito máis grande sexa --como manifesta o autor-- expoñer con palabras un sentimento tan difícil de expresar.

Viaxe sen retorno na rede:

Manuel Mandianes. Viaxe sen retorno, Santiago, Sotelo Blanco, 2014.

4.1.16

Iban Zaldua e Julen Ribas. A vitoria final


A tenente da policía Sigfrid Frisch ve interrompida a lectura d’ A vitoria final porque o seu compañeiro Ernst lle dá o aviso da aparición dun cadáver no río. A vítima non presentaba trazas de ter morto afogada nin accidentalmente. Levaba aferrado na man un anaco de papel que resultou ser dun cómic coma o que estaba a ler a tenente e tiña embigo, cousa moi estraña en 2050 na Alemaña vencedora da II Guerra Mundial. O caso presentábase complicado porque non se trataba xa dun simple crime, senón da aparición dun elemento infiltrado nunha sociedade de individuos racialmente seleccionados.
A investigación da tenente, ademais de botar luz sobre o caso, serve para poñer ante os ollos do lector unha problemática permanente na historia da humanidade, independentemente do marco cronolóxico que se lle asigne. A tenente Frisch personaliza a loita do individuo fronte os sistemas sociais asoballadores, o valor da persoa libre fronte a burocracia esmagadora.

Así, na Alemaña vencedora de mediados do século XXI atopamos unha sociedade protocolizada ata o máis mínimo detalle. Os avances científicos permiten a selección da raza e a creación de individuos á carta (ata hai un ministerio do ramo). Tamén o pensamento está controlado e nin a policía se libra de padecer o control doutra policía.  A burocracia encorseta a actividade e saltar as súas prescricións significa situarse perigosamente fóra das normas. O estraño debe ser controlado e o disidente, eliminado.
Ademais da pureza racial, do control ideolóxico e a burocracia, ao lector resultaralle familiar a Gestapo, as SS, os uniformes, o antisemitismo e a propaganda oficial como creadora de verdades dogmáticas: gaba as marabillas do réxime e nega as súas miserias. Neste panorama, a tenente Frisch non deixa de ser unha subversiva que, malia ser tolerada, debe someterse ao control da autoridade competente. O seu ex marido é un home de éxito, con influencia social; a ela retiráronlle a custodia do fillo. A nosa protagonista non dubida en enfrontarse á policía ideolóxica nin en saltar as regras para o desenvolvemento do traballo; tamén viste dun xeito informal, fuma no coche e recoñécese voraz lectora de “estúpidos” cómics, ese “lixo para proletas”.
O cómic convértese no tema central do propio cómic. A actividade da protagonista (en color) desenvolve a acción da lectura interrompida (en branco e negro). A historia que nos conta o cómic que temos entre mans vén sendo a consecuencia do final da historia que a protagonista está a ler. Mais o terrible da situación é que para o lector, sexa cal for aquel final, o resultado será o mesmo: ter embigo ou deixar de telo será un problema se así o decide quen dite a norma; cambiarán as roupas e os uniformes, pero os portadores desempeñarán os mesmos papeis; a burocracia e os seus protocolos seguirán sendo igualmente abafadores… E o lector sentirase, en ambos os dous casos, unha vítima potencial á que non lle queda outra que a subversión.

Falan da obra

Iban Zaldua e Julen Ribas. A vitoria final. Compostela, Urco Editora, 2014. Tradución Karlos Cid Abasolo e Ricardo Pichel Gotérrez.

1.1.16

Noticias de literatura-168. Decembro de 2015

Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplmente conto como un home, fuxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas (M. O., Sermos Galiza, 30-11-2015).
El homenaje a Blanco Amor, organizado por el Pen Club gallego, ha recuperado con este acto, que incluyó una ofrenda floral en el camposanto, la figura de este escritor, actualmente vigente gracias a la difusión de la película de A Esmorga y la traducción de su novela a otros idiomas (El Correo Gallego, 2-12-2015).
A nena e o mar é un libro para nenos que tamén aborda unha cuestión social moi actual, o envellecemento da poboación (Isabel Blanco, El Correo Gallego, 08-12-2015).
Baixo o título Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común?, o programa Conversas Nortear "permítenos achegarnos ás letras galegas e portuguesas da man dos seus protagonistas actuais, os autores e as autoras, nun formato distendido e coa participación activa do público", asegurou Anxo Lorenzo (El Correo Gallego, 08-12-2015).
“Mar ao fondo” amosa unha escolla de refachos cambiantes, mesmo bruscos –atados en curto, a distancia na que máis se move a autora- nestas cousas (more castelao) escritas e pintadas por Soledad, poeta e pintora, que nos fai ver anacos escolleitos, na depuración dos días –tamén na edificación interior-, retrincos corcosidos, versos sangrados pola esquerda que denotan notable habelencia poética. “Mar ao fondo”, trinta e dous poemas e case que tantas pinturas a sabor (Luís Cochón, El Correo Gallego, 10-12-2015).
A partir de la correspondencia, y mediante entrevistas que fue dando el intelectual desde el 62 en adelante, Monteagudo articuló un relato "en el que siempre es Piñeiro el que habla", además de añadidos para contextualizar el periodo concreto (El Correo Gallego, 10-12-2015).
Lourenço é, a súa maneira, un rebelde. Un xograr que soña con ser trobador. Mais bate unha e outra vez co clasismo dunha sociedade desigual cunha elite tan parasitaria como ignorante e despreciativa. Como agora. Así é ‘Lourenço, xograr’ (Galaxia), a novela coa que Manuel Portas gañou o García Barros 2015 (Praza Pública, 11-12-2015).
Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) é un enxeñeiro técnico industrial que iniciou a súa traxectoria na literatura galega en 2013, cando gañou o X Certame de microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña e o Premio Merlín coa obra O castañeiro de abril. Tamén publicou Xildas en Sushi Books e O grilo máxico este mesmo ano en Galaxia (Sermos Galiza, 11-12-2015).
Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro, nunca deixou de escribir. Tanto foi así que estaba prevista a súa participación na presentación da súa nova obra, un acto que finalmente se celebrou onte en Santiago e que fai de Romaría de historias (Galaxia) o seu libro póstumo (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 16-12-2015).
Castelao non perdeu nin un chisco da súa vixencia. Algúns dos seus debuxos son testemuño do seu tempo, pero a situación que retratan segue a cravarse na retina do espectador grazas á súa finura, concisión e, en moitos casos, retranca. E logo están as viñetas centradas na atemporalidade da alma, dende os sentimentos ata as ilusións: esas asombran igual que o primeiro día (La Voz de Galicia, 23-12-2015).
A noite enriba, (Xerais) a nova obra de Diego Ameixeiras, pertence, por suposto, ao xénero negro. Mais tamén é un libro sobre novelas e sobre a escrita (Montse Dopico, Praza Pública, 27-12-2015).
27 de decembro, cúmprense 80 anos da publicación dos Seis poemas galegos de Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. Escritos en galego entre o 1932 e o 1934 coa colaboración lingüística de Ernesto Guerra da Cal, o poeta andaluz concibiunos como unha homenaxe ao país a raíz das súas viaxes á Galiza en 1916 e en 1932 (Sermos Galiza, 27-12-2015).
Dos múltiples significados latentes en Alicia no país das marabillas, das diversas lecturas que alentan na novela de Lewis Carroll e da taxonomía psicolóxica duns personaxes que cumpren 150 anos de vida falaron onte na Libraría Couceiro de Santiago os responsábeis da nova tradución deste clásico da literatura universal, publicado agora por El Patito Editorial no sesquicentenario da obra (Fran P. Lorenzo, El Correo Gallego, 30-12-2015).

Lugrís colaborou cando era mozo en xornais como La Noche e posteriormente traballou en Londres na sección española da BBC. Despois, trasladouse á ONU. É tamén autor do ensaio Vicente Risco na cultura galega (La Voz de Galicia, 02-12-2015).
Fernández Ferreiro, autor da primeira novela de vaqueiros en galego, A morte de Frank González, ingresara na Real Academia Galega o 9 de marzo de 2013 con un discurso titulado Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas (La Voz de Galicia, 17-12-2015).

28.12.15

Alberto Ramos. Máscaras rotas para Sebastian Nell

Imaxe: Editorial Galaxia
Dous personaxes fronte a fronte libran un feroz combate de boxeo. Non usan os puños, senón as palabras para golpearse coas súas miserias. Son Sebastian Nell, actor británico, e Rebecca Graham, responsable de cultura do The Guardian. Profésanse un recoñecido odio mutuo e trátanse na entrevista cunha corrección desapiadada: “Este é o noso derradeiro asalto”, di o actor (p. 302). Máscaras rotas para Sebastian Nell preséntase como libro que recolle a trascrición desa entrevista non publicada no seu momento. Ambos os dous personaxes pretenden, grazas ao intercambio de roles,  amosarse na súa verdadeira cara. A estrutura de entrevista permite que os propios personaxes vaian tirando as máscaras e se presenten sen hipocrisía, entendida no sentido etimolóxico do termo (representación). A entrevista está chea de pactos, intercámbianse preguntas -mesmo incómodas- e os contendentes esíxense sinceridade. Algunhas das concesións que se fan considéranas unha derrota.
A novela ten basicamente dúas lecturas. Unha como memorias dos personaxes, póstumas no caso de Sebastian Nell; outra como axuste de contas pendentes, pois entrevistadora e entrevistado atácanse lembrando personaxes que foron importantes nas súas vidas.
Sebastian resulta un personaxe repugnante porque o que realmente sentiu toda a súa vida foi noxo de si mesmo e das súas orixes: “En cada recanto de Cambridge respirábase diñeiro, aristocracia, elevadas formas herdadas das mellores escolas. Que pintaba eu alí? Nada. Sentíame perdido, sufrindo complexos…” (p. 43). A periodista dá unha breve descrición xeral do personaxe no momento de abandonar Inglaterra, pero que poden considerarse trazos caracterizadores da súa forma de ser: “Así marchou, coma se se tratase dun moderno pioneiro americano: coa cultura británica no caletre, a sensación de exilio na alma e o rancor tatuado na pel” (p. 152).
Ante os ollos do lector vanse construíndo dous personaxes a medida que pretenden destruírse. Atópase así cun Sebastian Nell caprichoso, posesivo, alcohólico, maníaco-depresivo (bipolar), diabético e enfermo de alzhéimer fronte a unha Rebecca Graham fría e ambiciosa que disfraza de rectitude a súa falta de virtudes. Mais non todo son cruces nestas moedas; tamén atopa o lector con dous individuos con grande capacidade de superación, esforzados e exitosos no seu traballo, que foron levando as desgrazas vitais sen escatimar sacrificios. O lector non rematará a novela sen dubidar da historia que se conta, pero sen chegar ao extremo do actor doente, que se sente un pouco os personaxes que interpretou: cítaos nas súas respostas e recoñéceos, ademais, no seu propio comportamento; por exemplo, imitando a Hamlet ou a Otelo, Sebastian Nell utiliza a periodista para que sexa o heraldo da súa historia. O actor, sen que se lle poida achacar totalmente á súa doenza, xoga coa confusión realidade / irrealidade: “Cando menos o agardas, cázate a irrealidade” (p. 302). En certa medida, o lector goza desta confusión.
Por razóns argumentais, a novela dá un amplo repaso ao mundo do teatro e do cine inglés e americano. Tampouco deixa de lado o marco histórico que lle tocou vivir ao personaxe principal, nomeadamente o situado entre a segunda guerra mundial e o thatcherismo, sendo este período o máis desenvolvido por mor da postura política do protagonista, que explica que cando os números se tornan vermellos a xente vólvese “furibundamente conservadora” (p. 315). Así e todo, ao lector non lle queda claro se a toma de postura política ou o compromiso de actor con causas sociais se basean na autenticidade, na teatralidade ou en ambas.
A novela estrutúrase en sete partes. Alterna o relato da xornalista coa transcrición da entrevista e remata, a xeito de apéndice, cunha cronoloxía da vida do actor.


Dictiografía


Alberto Ramos, Máscaras rotas para Sebastian Nell. Vigo, Galaxia, 2014. Premio García Barros 2014.