Imaxe: Demo Editorial |
Avísasenos en nota introdutoria que o álbum recolle as tiras do personaxe Nacho Camacho creado para a revista Retranca (desaparecida).
Os autores presentan o personaxe como macho alfa, macizote de ximnasio (aínda que non o pise), materialista e admirador de Clint Eastwood. O seu mellor amigo espétalle na cara que “ademais de ser imbécil es un homófobo impresentable”. Quizais o salve que Nacho Camacho descoñece os significados das dúas últimas palabras. A nai/sogra non é menos benigna: “anormal” e “borracho” (recado transmitido a través da inocencia do neto).
Pero o problema que máis o tortura, así e todo, é a homosexualidade do fillo preadolescente. Séntese incapaz de “curalo”, de convertelo nun home de verdade. O fillo demostra máis madurez, naturalidade e sentido común ca o seu proxenitor, a quen trata sistematicamente por Nacho (nome familiar / ghicho calquera).
A reflexión máis profunda sobre si mesmo é unha visión dende fóra e tópica; séntese identificado con certa imaxe de político: cacique, ladrón, corrupto, puteiro, borracho, mentiroso e oportunista. Sen querelo, descobre que daría un “alcalde perfecto”.
Se fose de carne e óso, Nacho Camacho daría pena, malia que provoque a risa. Estariamos ante un individuo antisocial, incapaz de soportarse a si mesmo, tal como nos amosa a tira da páxina 11. Tira que tamén insinúa que este tipo de individuos son de imposible corrección.
O cómic presenta a estrutura do medio para o que foi creado: tiras que contan historias breves e completas. Esta estrutura anecdótica, ganduxada pola personalidade do protagonista, dá aos ollos do lector a sensación de historia unitaria e completa.
Sobre a obra:
- Nacho Camacho, de Rodrigo Cota e Jano. Presentación editorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario