A tenente da policía Sigfrid Frisch ve interrompida a lectura d’ A vitoria final porque o seu compañeiro Ernst lle dá o aviso da aparición dun cadáver no río. A vítima non presentaba trazas de ter morto afogada nin accidentalmente. Levaba aferrado na man un anaco de papel que resultou ser dun cómic coma o que estaba a ler a tenente e tiña embigo, cousa moi estraña en 2050 na Alemaña vencedora da II Guerra Mundial. O caso presentábase complicado porque non se trataba xa dun simple crime, senón da aparición dun elemento infiltrado nunha sociedade de individuos racialmente seleccionados.
A investigación da tenente, ademais de botar luz sobre o caso, serve para poñer ante os ollos do lector unha problemática permanente na historia da humanidade, independentemente do marco cronolóxico que se lle asigne. A tenente Frisch personaliza a loita do individuo fronte os sistemas sociais asoballadores, o valor da persoa libre fronte a burocracia esmagadora.
Así, na Alemaña vencedora de mediados do século XXI atopamos unha sociedade protocolizada ata o máis mínimo detalle. Os avances científicos permiten a selección da raza e a creación de individuos á carta (ata hai un ministerio do ramo). Tamén o pensamento está controlado e nin a policía se libra de padecer o control doutra policía. A burocracia encorseta a actividade e saltar as súas prescricións significa situarse perigosamente fóra das normas. O estraño debe ser controlado e o disidente, eliminado.
Ademais da pureza racial, do control ideolóxico e a burocracia, ao lector resultaralle familiar a Gestapo, as SS, os uniformes, o antisemitismo e a propaganda oficial como creadora de verdades dogmáticas: gaba as marabillas do réxime e nega as súas miserias. Neste panorama, a tenente Frisch non deixa de ser unha subversiva que, malia ser tolerada, debe someterse ao control da autoridade competente. O seu ex marido é un home de éxito, con influencia social; a ela retiráronlle a custodia do fillo. A nosa protagonista non dubida en enfrontarse á policía ideolóxica nin en saltar as regras para o desenvolvemento do traballo; tamén viste dun xeito informal, fuma no coche e recoñécese voraz lectora de “estúpidos” cómics, ese “lixo para proletas”.
O cómic convértese no tema central do propio cómic. A actividade da protagonista (en color) desenvolve a acción da lectura interrompida (en branco e negro). A historia que nos conta o cómic que temos entre mans vén sendo a consecuencia do final da historia que a protagonista está a ler. Mais o terrible da situación é que para o lector, sexa cal for aquel final, o resultado será o mesmo: ter embigo ou deixar de telo será un problema se así o decide quen dite a norma; cambiarán as roupas e os uniformes, pero os portadores desempeñarán os mesmos papeis; a burocracia e os seus protocolos seguirán sendo igualmente abafadores… E o lector sentirase, en ambos os dous casos, unha vítima potencial á que non lle queda outra que a subversión.
Iban Zaldua e Julen Ribas. A vitoria final. Compostela, Urco Editora, 2014. Tradución Karlos Cid Abasolo e Ricardo Pichel Gotérrez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario