14.10.07

A Mennulara no país

A Mennulara tamén tivo éxito entre nós. Deixo enlazados uns cantos botóns de mostra.
O texto da presentación editorial recollido na páxina do Consello da Cultura: http://www.culturagalega.org/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=519
No mesmo portal achamos a recensión de José Ignacio Cabano Vázquez.
Unha sinopse da novela atoparédela na páxina de Andel.
Non podía faltar a noticia na prensa, que nos fala da novela e mais de actividades de xente que le. (Hai xente para todo.)
Para rematar esta sucinta visión dende o país, temos o catálogo da editorial, de onde tomamos a foto da capa.
Para que o sinalado club de lectores d' A Mennulara se vaia documentando coido que deixo indicacións dabondo.
E non esquezades que tedes uns cadernos dixitais que devecen polas vosas opinións. Os cadernos e mais os lectores de orella. Os veciños do norte van lanzados. Vede, se non, o blog da biblioteca Monte Alto. Podedes empezar por intentar responder ás cuestións que propoñen no blog.
Dádelle duro e sen dó.

13.10.07

A Mennulara, novela siciliana

(Para o club de lectores d' A Mennulara)
É interesante achegarse a unha novela dende a perspectiva dos membros da sociedade nela retratada. Para tal cometido, resulta unha boa axuda a recensión de Marilia Piccone.

Desta recensión cómpre salientar:


a) O carácter siciliano da novela. Xa o deixara indicado a propia autora nunha entrevista enlazada uns post máis abaixo. Aínda que a Sicilia descrita está nunha fase de transicións, o carácter de illa obriga a que os cambios vaian amodo.


b) O carácter de serva e patroa da protagonista, papeis antagónicos que complican a visión que se ten do personaxe.


c) A sorpresa do testamento, que converte a novela nunha sorte de busca do tesouro; técnica que se combina co uso do dixomedíxome para que o lector se achegue ó personaxe.


d) Os encabezamentos dos capítulos, que seica achegan un aire a relato antigo.
Así e todo, non deixedes de ler a recensión indicada, porque se cadra lin mal.
E lede tamén o "INCONTRO CON SIMONETTA AGNELLO HORNBY", tamén asinado por Marilia Piccone.
Non perdades tampouco:
http://www.italialibri.net/opere/mennulara.html; sinala o artigo a "sicilianidade" e a dobre "existencia" da protagonista.
http://www.rivistaprometheus.it/rivista/ii37/mennulara.htm; caracteriza a muller siciliana como omnipresenza silenciosa: "La loro onnipresenza silenziosa, la loro intuizione del come il cedere l'apparenza del comando consente di mantenerne l'esercizio, il loro sapere che l'esigere di rado consente di riuscire ad ottenere sempre".
http://it.wikipedia.org/wiki/La_Mennulara
Por hoxe, vai chegando.
Abur.
(Imaxe de http://www.stradanove.net/.)

9.10.07

A Mennulara en Italia

Da recensión deste editor italiano destacamos a cualificación d' A Mennulara como novela coral.
A crítica francesa tamén caracteriza a figura da muller protagonista como serva-padrona; talvez sexa o par de palabras que mellor defina este personaxe.
A recensión sitúa os grupos sociais e insinúa os cambios que se van operando nunha sociedade en transformación, mesmo "dans une Sicile toujours prisonnière de ses traditions".
Opinións moi semellantes -non podía ser menos- son as que aparecen na páxina de ocio do diario Marca.
Segundo a Wikipedia, a novela foi traducida a doce linguas.

A Mennulara. Achegas do mundo francófono

Entrevistan a autora por mor da edición de La tante marquise. Mais o que di sobre esta obra, válenos para a que estamos a ler:





Les résumés, en tête de chapitre, ont le ton d'une déposition.
L'avocate déteint sur la romancière?
S.A.H. Je n'ai jamais écrit que du droit. Dans mes romans, je suis précise et, en même temps, je ne veux pas en dire trop. Il faut un sens de la mesure. En Sicile, les gens parlent peu. Ils pèsent les mots. Les Italiens parlent beaucoup plus.

Reparade en que os encabezamentos dos capítulos non son exclusivos d' A Mennulara, e que non serven só para fornecer o lector dunha síntese do que van tratar; tamén son un recurso técnico da prosa forense.


A Mennulara: versión francesa



Na versión francesa, esta novela que citamos tivo máis éxito ca na lingua orixinal, a xulgar polo número de edicións. Déixovos uns enlaces por se tedes gana de lle botar unha ollada.


Unha reseña de librería: http://www.lianalevi.fr/litterature/330_0.htm. Conta o que xa sabemos cunha sinxela lectura da novela. Así e todo, insiste na dobre visión que se ten do personaxe (visión que se nos dá a través dos outros personaxes, porque a pobre da muller xa está dando malvas). ¿Coinciden todos os personaxes en que a protagonista tiña mal carácter? Iso é o que afirma quen fai a recensión. ¿Concorda con esta afirmación o club de lectores desta novela?


Na mesma páxina de Liana Levi (http://www.lianalevi.fr/auteurs/hornby.htm) atopamos unha pequena biografía de Simonetta Agnello, unha entrevista e unha bibliografía hoxe moi superada.


Na entrevista destacan algúns aspectos de interese para a interpretación da novela: a dobre vida cultural e lingüística da autora, a profesión de avogada (reparade que a novela ten moito de informe).


Abonda por hoxe. Mañá buscaremos máis pistas.


Abur.

8.10.07

Dinamiteiros da fala

Anda un pobre colega adoecido cuns seus pupilos de 13 ou 14 anos. "Teño unha depresión de cabalo... Dunha recua de cabalos", di. O coitado esconxúrase xurando ata en linguas mortas.



-¿E logo?

-¿E logo? Pois mira ti mesmo.

E guíndame unhas follas de exercicios. Pasáralle unha foto ós discípulos e pedíralles, entre outras poucas cousas, que lle inventasen unha posible historia.

A foto (e o texto que a compañaba, pero que escamoteou ós rapazolos) son da autoría de Juan Millás, quen os publicou na revista Mujer Hoy.

O meu pobre colega pensou que, aínda sendo algo macabra a escena -ou precisamente por iso- estimularía a imaxinación dos escolares.

Velaí van a munición e mais os tiros:




¿Que lle podería dicir?

-Home, se cadra isto é ese famoso bilingüismo harmónico do que tanto se fala.

Tamén pensei que a este coitado profesor infiltráronlle na aula uns sicarios de Xasesabequén para demostrarlle que o galego é unha lingua urticante para rapaces novos. Mais coideime ben de non facer o comentario, porque non quería comer os exercicios.

No remate de contas, vai ter razón Mariano R. Cómpre deixarse de morondangas, e veña inglés e tecnoloxía. A ver en que se alicerzan.

Do que xa non me lembro é de se cando eu tiña trece anos redactaba deste xeito. Supoño que non, porque non estaría vivo para contalo.

Ó meu compañeiro e a outros coma el estalles ben empregado o castigo por non seren intelixentes e fuxiren da escola a fume de carozo.

Ánimo, colega. Arriba los corazones.

7.10.07

Cemiterio de elefantes

Anúnciasenos unha nova edición de Cemiterio de elefantes (Fran Alonso). Lembro que non hai moitos anos propuxemos esta lectura no instituto e mesmo viñera o autor para falarnos dela. Non pasaron tantos anos, pero parecen outros tempos. Os grupos de alumnos estaban máis cheos e os participantes facían preguntas.

A nova edición sae actualizada na ortografía e cunha "revisión estilística, que fixa un texto máis definitivo".

Trátase dun mangado de relatos ambientados na noite. Constitúen un retrato da vida noctámbula viguesa entre as doce da noite e as oito da mañá. Esa vén sendo a xornada de estudo dun dos personaxes. E mentres este se encerra, a vida bole por fóra, escura e perigosa.

6.10.07

Rajoy linguaxeiro

Rajoy: ´Garantizaré por ley el uso del castellano en la escuela y la
administración´ (Faro de Vigo, 6-10-07) (...) promoverá "una ley que
garantice el derecho de usar el castellano en la escuela y en las
administraciones".Tras denunciar "el nacionalismo obligatorio y la cultura única
que están arrinconando al castellano".


Ergo o dedo, porque teño que facer unha pregunta:


¿E logo non estaba xa garantido o uso do castelán na escola e mais nas administracións?


¿E logo Rajoy non ten que facer papeleo para decatarse do que se fala nas administracións? ¿Mesmamente en las consejerías?


¿E logo a Constitución non establece certos deberes para co castellano?


¿E logo castellano non acarrexa cultura única?


¿E logo que significa "nacionalismo obligatorio"?


"El nacionalismo obligatorio e la cultura única están arrinconando el castellano", ¿nos Estados Unidos, en Guinea Ecuatorial ou en Filipinas?


Mentres non aclaro as dúbidas, rezo para que se lle ocorra garantir por lei o uso do galego na escola e na administración. Porque este idioma é testán. Non quere prestixiarse. No lo quiere y no lo quiere.


A ver se coa garantía da lei... e a axudiña do Apóstolo e mais de santa Ritiña. E que Deus nos teña da súa man para que non volvan tempos coma os da octavilla.


Tocante ó AVE, ás autovías, ás hipotecas, os minipisos... xa veremos o que opinan os meus tataranetos. Porque o que hai, ven se ve; e do resto, ¿que queredes que vos diga?
(Imaxe da octavilla en http://conjura.bloxus.com/)

3.10.07

Soidades de Ana. Opinións de lectores

Atopo neste foro unha interesante opinión que copio aquí. Reparade no matiz.


SOLITUDS DE L'ANNA Doncs solituds de l'Anna està escrit desde el punt de vista de la germana de "L'Anna" . L'Anna és una noia ke es keda embarassada i es mor x culpa d'una hemorràgia. Sabent això, la germana vol esbrinar tot el ke li va pasar a l'Anna.. mm.. aket llibre vol demostrar ke "prohibir" no és el mateix ke "protegir". A mi em va agradar .. xo .. nse, no és un llibre ke eet faci riure ni re, és un llibre com x coincienciar (s'escriu així ? xD )
Algo moi semellante vémolo nestoutra opinión:

Una novel·la compromesa i directa que denuncia la situació d’aïllament en què es troben els adolescents que han d’acarar un embaràs no desitjat. Un títol recomanat no sols per als joves, sinó també per als adults que encara entenen que prohibició és sinònim de protecció.



¿Como enfoca a novela o tema do fracaso educativo? Se cadra, podemos debater esta cuestión co gallo da lectura da novela.




Confuso

Segundo este xornal
"O 90% dos escolares galegos ten ordenador Setenta e cinco de cada cen posúen MP3 ou MP4 e nove de cada dez usan messenger habitualmente, segundo Audiovisual nas aulas".

Lido o artigo así, de súpeto, veume á cabeza a vella definición de fe deprendida na catequese: "Creer lo que no vemos".

Se acredito no xornal -e non teño por que non facelo- os meus prezados alumnos mentíronme. Se cadra, para que evitar propostas de traballo, agacharon datos nas súas fichas. E se acredito nos meus prezados alumnos -e tampouco non teño por que non facelo- estamos nun instituto depauperado, que non merece estar neste primeiro mundo que nos venden.

E velaí está a miña pobre neurona sen saber a que carta quedar. E canda o desazo que produce a incerteza vénme ó espírito -se é que o teño- o desasosego da sospeita de non ter pedigrí.

Tampouco me convence moito o feito de que haxa máis ordenadores ca móbiles. O outro día lin nun xornal -non lembro cal- que había nas Españas uns oito millóns máis de móbiles ca de habitantes... Mais así e todo, se o din as estatísticas...

No que si acredito é nos índices de lectura. Facendo a operación polo método da vella nin saen a cinco libros por alumno e ano. O que significa que nin sequera se debruzan sobre os libros propostos por eses profes sádicos, maníacos da lectura. E isto si que me cheira a experiencia coñecida.

Se asociamos o permiso para ir de botellón ás lecturas realizadas, teriamos un país abstemio. Salvo esa ducia de ratas lectoras que andarían calcadiños perdidos.

29.9.07

Cemiterio de libros

Lemos esta noticia no Galicia Hoxe:
"O PP deixou un "cemiterio de libros" na Deputación de Lugo
Antonio Veiga, do BNG, describe a paisaxe coa que se atoparon na institución, con cuartos cheos de edicións que nunca se distribuíron".

Quen se decida ler a noticia enlazada atopará datos interesantes sobre a política editorial das institucións do país. A xente do meu gremio pode contar anécdotas sobre a cuestión para rir e chorar. O asunto xa vén de vello, e non é cousa dunha soa deputación nin só das deputacións.

Se hai algo bo nesta noticia é que nos informa dunha das utilidades deses organismos. Non hai tanto tempo había quen se preguntaba para que servían as tales deputacións. Pois velaí vai un detalle. E podemos engadir que tamén serven para xestionar o chapapote das corredoiras e as luces da entrada ós eidos (aínda que disto último non estou moi certo).

Volvendo ó lerio dos libros, quero incidir na suxestión que se fai na propia noticia. Non importa que algúns deles os usen os políticos para acantazarse, pero seguro que algúns dos "mortos" dese cemiterio poderían volver á vida nas bibliotecas públicas, nos centros docentes, nos círculos e asociacións culturais, nas encrucilladas de libros... Xa non me atrevo a dicir nas mans dalgúns particulares interesados en profundar en certas áreas do coñecemento e contribuír á súa difusión. (Isto último igual cheira a corrupción. ¿Meter diñeiro público en mans privadas? Claro que tamén se poden comprar se se poñen á venda.)

O que non se comenta na noticia é se ás institucións lles resulta máis caro editar en galego ca en calquera outro idioma. É unha dúbida que sempre tiven.
Tamén entendo que haxa xente que comprende esta política de cemiterio libresco. Non invento a queixa dun titor que informaba ó pai dun alumno que nunca levaba libros á clase. O pai, aínda non sendo do país, respondíalle á galega:
-¿Libros? ¿Pa qué?
(Imaxe dun libro editado pola Deputación Provincial de Lugo. http://www.culturagalega.org/bd/extra_detalle_imaxe.php?id=252.)

27.9.07

Día europeo das linguas

Onte seica foi o Día europeo das linguas. Na nosa comunidade educativa (como diría un pedagogo) pasou sen pena nin gloria. Esta nota vén ser como chegar ó fume das velas. Mais non hai caso, porque aquí somos multilingües e sachamos no idioma que nos poñan por banda. ¡Ai, logo!
Así e todo, enlazo aquí esta noticia e mais este vídeo que atopei no Vieiros. Non vos vén mal ós de bacharelato, agora que andades metidos na fariña da lingua e a sociedade. Mirade que traballo máis guapo fixeron os rapaces do vídeo. E ademais de faceren un traballo estupendo, parecen inmunes ó sarabullo que lles provoca a cuestión da lingua a algúns dos comentaristas da noticia. Nos tempos que corren é bo sinal.

24.9.07

Fran Alonso. Cartas de amor

Cartas de amor, de Fran Alonso (Vigo, Xerais, 2006)

O título é algo enganoso, mais o autor avisa: “non penses que son cartas de amor convencionais”. E aclara que “o amor e o desamor poden ser o motivo que leva as mulleres protagonistas destas historias a redactar as cartas. Pero nada máis”.
O lector vaise atopar con nove relatos en forma de carta (en papel ou para cibercorreo) encabezados por un título que apunta o tema central de cada un deles: “Ilegal”, “Desde as tebras”, “Confesión”, “Sáhara, améndoa amarga”, “Zé, volcán de amor”, “O que nunca me preguntaches”, “A carta inesperada”, “A guerra”, “Lonxe”.
En conxunto, forman un mosaico do convulso mundo actual e, asemade, botan unha ollada ás vidas tronzadas das protagonistas; vidas que foron levadas pola enxurrada dos acontecementos e que non se puideron vivir seguindo as escollas persoais:
1. A senegalesa Ndeye, que vai parir un fillo español, cóntalle á súa cuñada as peripecias da viaxe e a morte do marido (“Ilegal”).
2. Sabela Piñeiro, cooperante en moitos infernos deste mundo e agora abafada no pozo negro da guerra de Iraq, esconxura os seus fantasmas na carta que lle envía a un amigo (“Desde as tebras”).
3. Mónica confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
4. Besmeh Haumdi, estudante retornada ós campamentos de refuxiados do Sáhara, escríbelle ó seu namorado. A carta é un lamento: sente o deserto coma un cárcere e lamenta non poderen vivir nesa patria soñada pero descoñecida, porque está ocupada por outros.
5. Belinha vai emigrar para os Estados Unidos. Levará con ela os seus fillos. Cabo Verde só é miseria para ela. Mais antes escribirá ó marido, meterá a carta nunha botella e deitaraa no mar. O marido tamén emigrara, a Lisboa, pero non a quixera levar canda el e foi deixando de escribirlle e de mandarlle diñeiro. Belinha tivo que deixar de ver o seu marido como “Zé, volcán de amor”.
6. Dyana, rapaza filipina de 17 anos, vive da prostitución. Namorada dun vigués (cliente europeo), mándalle nunha carta a cara triste da súa vida. Aspecto este polo que o vigués nunca se interesou (“O que nunca me preguntaches”).
7. Begoña, señora de Núñez, pídelle a un antigo mozo, fuxido republicano, que non lle volva escribir. “Nada quero saber de ti”. “A carta inesperada” retrotraeuna “a un pasado doloroso e moi equivocado”. A señora de Núñez ten a súa vida edificada sobre a solidez dunha familia. Así e todo...
8. Maida leva unha vida bailando de conflito en conflito. Xa non soporta “unha ollada máis doutra vítima das guerras”. A carta que envía a Saraievo para Dzevad, “a quen tanto amei”, é a carta dunha suicida (“A guerra”).
9. Bárbara pon fin ó seu amor adolescente. No correo electrónico que envía a Luís Alberto disuádeo da aventura na que este pretende embarcarse e exponlle con claridade e madurez as razóns polas que o seu amor non ten futuro estando tan “Lonxe”. Cómprelles renunciar ó pasado. “Un océano de auga gorda interponse entre nós”.
Temos nestes relatos unhas vidas tronzadas, desviadas da vontade das protagonistas e gobernadas por acontecementos que non poden controlar. Son retallos de vidas de sobreviventes. As protagonistas sofren de saudade, viven con ansia de regreso ó seu país ou á súa vida perdida, agachan a realidade ás familias... Viven no temor dun futuro incerto e a desesperanza é un sentimento común. Guerras, inmigración, exilio e homofobia son as pragas que asolagan o mundo descrito nas cartas.
Os acontecementos concretos referidos nos relatos son todos moi recentes. Quitada “A carta inesperada” (1946), o resto das cartas móvense nun abano temporal entre 2000-6. As dúas cartas sen datar tampouco precisan dun esforzo especial para situalas: calquera guerra posterior á de Bosnia (“A guerra”); tocante ó sexo mercenario asociado ó turismo ou ós negocios que latexa en “O que nunca me preguntaches” tampouco hai que ir ós manuais de historia para datalo.
A temática do libro tráenos á memoria O brillo dos elefantes, polo que ten de identificación e compromiso cos desfavorecidos do mundo. Obviamente, no resto dos aspectos non son obras comparables, aínda que ambas as obras enfocan a historia dende a perspectiva de quen a padece. Tamén ambas resultan de incuestionable interese se se pensa na educación en valores. Pero aquí só falamos de lectura, non vaia ser que se pense que estamos a defender a inmigración, a guerra, a homosexualidade ou a prostitución. Estas situacións aínda hoxe non son de libre elección. Tampouco as elixiron os personaxes desta obra. Pero intentan vivir con dignidade e soñan cun mundo unha migalliña mellor do que lle tocou en (mala) sorte.

23.9.07

Himno. Xénese e interpretación

Achamos no Galicia Hoxe dous artigos de interese para escolares.

Ambos os artigos tocan o tema do himno (galego). O de Neira Vilas -"A xénese do Himno"- vén sendo un novo artigo da serie que sobre este tema vai publicando no xornal citado. O de Xosé Manuel Beiras -"Do Courel a Corrubedo. VII. 'Imbéciles e escuros'"- trata da interpretación de certas palabras que sentan tan mal a algunha xente (lembro un historiador, teólogo, xornalista...). Este segundo artigo toca, cun evidente ironía, outros temas non directamente relacionados co himno, pero si co país.


En fin, aquí só chamamos a atención sobre os aspectos escolares de ambos os dous artigos. Quen teña ollos para ler, que lea.


(Foto publicada no Galicia Hoxe.)

22.9.07

Velorio multitudinario

Velorio multitudinario, pero non polo número de asistentes, senón polo número das defuntas.
Atopamos no Galicia Hoxe esta noticia:

"Tres mil linguas en perigo de extinción
Tamén está en perigo a
diversidade lingüística do planeta, de xeito que xa se dá por segura a perda de tres mil variedades idiomáticas –das sete mil que se falan no mundo– nos Andes, en Siberia, en Australia e nos mesmos Estados Unidos. A colonización xogou un papel determinante neste imparable proceso de extinción".

Recollo a noticia para tranquilizar a conciencia. ¡Hai que ver cantos lingüicidios se cometen no mundo! Menos mal que a nós os lingüicidios ráscannola. Porque neste recuncho que habitamos xa hai ben tempo que somos monolingües -como Dios manda-, e vivimos en algolingüismo harmónico, sen exclusións nin exclusivas.


Ademais, como deixou dito alguén por aí, a morte dunha lingua non é ningunha desgraza. Desgraza si que o é a desaparición das baleas, por exemplo.
O que non lembro ben é en que idioma se fixo esta última afirmación. E tampouco sei valorar ben se importa ou non que desaparezan todos os usuarios dunha lingua ou se algún queda que se vexa obrigado a vivir nunha lingua na que non o pariron.
Nota sen gastos: a información do artigo que se cita é interesante para os que estudan bacharelato; incluídos os monolingües. E, de paso, como exercicio de sensibilidade non está de máis pensar en cantas cousas máis se van detrás dunha lingua que morre.
Así e todo, cómpre non esquecer que haberá moita xente que se alegre. No século XXI, coma no XIX (dezanove) hai ben xente que pensa que a diversidade lingüística é un encordio. E que hai linguas, como a galega, que deberían desaparecer do mapa en aras da unidade nacional, da paz social e do progreso. E non pensan así só os paifocos que non contribuíron ó avance da humanidade en ningún idioma; tamén atoparedes o mesmo pensamento entre as elites de carreira que se consideran fóra do mundo se non se pasan á lingua do diñeiro.

O desprezo, o prexuízo, a fachenda... non desapareceron cos dinosauros.
Tocante a relación amorosa coa lingua galega, lede o post "Pedagoxía á carta", no Aletófilo do Morrazo. Recolle aspectos que se entenden de seu, salvo que non se queiran entender.