23.5.14

Luis Davila. O bichero. Menudo día!!

Para os lectores de Faro de Vigo e os seguidores do blog de Luis Davila os personaxes do álbum O bichero. Menudo día!! sonlle como da familia ou, polo menos, da parroquia. O lector que percorre as tiras d’O bichero vai enganchando con siña Palmira ou con Merseditas, Encarnasión, Mucha, Sinda, Concha, Marselino, Moncho, Benito, Argimiro ou mesmamente Tucho (q.e.p.d.), e vai sabendo das novas que lle concirnen mellor que lendo un xornal. Porque ás historias d’O bichero pódeselles pór data, nomes e apelidos; son noticias debuxadas e ben explicadas.
Aínda que o mundo urbano non é estraño, nestas tiras cómicas achamos unha representación sui generis da aldea global. Os parroquianos anteditos móvense con absoluta seguridade e confianza polo mundo. Tanta que nin sacan o pano da cabeza nin tiran a gorra. Sexa cal for a novidade ou o trebello tecnolóxico, pasará o conveniente proceso de interpretación, asimilación e modificación ata convertérense en ideas ou obxectos de toda a vida. Velaí están, por exemplo, o robot de limpeza cunha fouce implantada (robot con plug-in) ou a planadora tuneada.
Coma no país, abonda n’O bichero a xente da terceira idade, ou próxima a ela, e escasean os mozos. Pero todos eles amosan unha evidente calma retranqueira e un aguzado instinto de supervivencia, do que tamén participan os animaliños que fornecen a nosa despensa. Estes parecen estar animados do mesmo espírito cós humanos.
As tiras están agrupadas tematicamente e o lector non bota en falta ningunha faceta importante da actualidade. No álbum está o retrato da sociedade e da política (corrupción, recortes en sanidade e educación, paro, preferentes, xustiza…), do mundo do deporte (coas súas virtudes e corruptelas), das relacións humanas (familia e parella, sobre todo), do tempo de lecer (vacacións, viaxes, consumo), das ferramentas tecnolóxicas e o seu uso, da meteoroloxía e os seus efectos… Non falta nin o feísmo.
En fin, O bichero péscanos retallos da vida diaria que coñecemos por propia experiencia. Ofrécenos, en definitiva, un vital menú do día!!

Sitiografía

Luis Davila, O bichero. Menudo día. Pontevedra, 2014. Edición autor.

Ningún comentario: