27.9.16

Iria López "Ika" / José Estévez e colaboradores. Foron, somos

Imaxe: redelibros
"Non está claro que esta obra sexa unha novela", lemos na presentación do libro. Non o parece, dende logo. Pero a expresión resúltalle familiar ao lector, pois cando alguén que padecera en carne propia a guerra civil, a represión feroz ou os anos da fame se animaba a lembrar a experiencia remataba cun colofón semellante: este feito, ese, aqueloutro... daban para escribir unha novela. Non é que os relatores non soubesen distinguir a realidade da ficción. Teño para min que se negaban a recoñecer como reais uns feitos que non lles quedou outra que vivir.
A guerra de 1936 marcou aos que a sufriron e ás xeracións posteriores, como é sabido. Mesmo hoxe en día, malia considerarse acontecemento superado, volve ao primeiro plano do debate social. Non hai máis que lembrar as críticas, por veces viscerais, á Lei de Memoria Histórica.
O libro do que falamos recolle trestemuñas da guerra dos avós, daqueles que sufriron as consecuencias dun réxime que gobernou para os vencedores dunha guerra que usaron indiscriminadamente a represión e o xenocidio para perpetuarse. Os autores botan man de dúas voces narradoras --Xenebra e Xoel-- que se reúnen e dialogan para estruturar esta "novela" que ten como obxectivo "devolverlle a dignidade aos vencidos da guerra". Non fai falla sinalar que entre os vencidos están os que a sufriron e varias xeracións posteriores.
Nese diálogo constante das voces narradoras vanse ganduxando os relatos dos colaboradores e tamén se van comparando as condicións de vida dos avós coas dos netos que honran a súa memoria. Trátanse, asemade, outros temas relacionados coa xustiza social e mesmo temas anódinos, de pasar o camiño, que indican ao lector o tipo de compromiso social ou de relación persoal das dúas voces narradoras principais.
O cainismo español botou terra sobre cadáveres de inocentes. Non debiamos permitir que tamén a botase sobre a súa memoria. Nisto último colabora meritoriamente o libro do que estamos a falar, porque ningunha novela superou na ficción a miseria moral e a crueldade reais que trouxo consigo a guerra do 36.

Iria López "Ika" / José Estévez e colaboradores, Foron, somos. Vigo, Redelibros, 2016.

Ningún comentario: