16.9.16

Manuel Sánchez Gálvez. Maelström, Maelström

Imaxe: El bazar de Jim
"A idea orixinal do libro chegou a min cando estaba vendo unha pintura do pintor surrealista Urbano Lugrís na que se pode ver a un mariñeiro fumando en pipa e pechado nunha botella de cristal. Naquel momento, pensei como podería estar un mariñeiro que non pode saír, e inmediatamente identifiquei o mariñeiro con Nemo, e á botella de cristal coa cidade de Vigo” (entrevista con Isabel Blanco, El Correo Gallego, 10-08-2016).
A trama argumental é a suma de dúas historias sen relación aparente. Por un lado, temos o capitán Nemo, atrapado na maldición de Maelström, condenado a vivir en terra na cidade que beirea a ría que agacha a súa caixa de caudais (o tesouro de Rande). O pauto mefistofélico impídelle achegarse ao mar. O feito de pisar un barco ou calquera intento de romper ese pauto acarrexa desgrazas alleas da que Nemo se sente culpable: o naufraxio do Santa Isabel, por exemplo.
Nemo aparece en Vigo en 1868, pouco despois do afundimento da fragata que perseguía o Nautilus.
Imaxe: Editorial Galaxia
Nesa nova etapa dunha vida case que eterna á que está condenado, o capitán, baixo a identidade do enxeñeiro Antonio Uribarri, vai participando nas medras da cidade de Vigo, dirixida por García Olloqui, e vai celebrando feitos sociais e económicos relevantes, como a inauguración da vía férrea Vigo-Ourense (1881).
A presenza obsesiva de Maelström tórnase máis viva cando en 2005 instalan a estatua de Verne sentado nun polbo diante da vivenda de Nemo. Ao capitán antóllaselle que o monstro “regresou para quedar” (p. 70) e non o dá sacado da cabeza. Pero a presenza de Xiana, filla de Amanda, que xoga onda a escultura serviulle de axuda para liberarse do monstro e dos seus medos. Nemo farase cun barco pequeno e navegará xa para sempre cara ao solpor.
As memorias que Nemo escribe nun caderno  atópaas Amanda no ático que acaba de comprar. Polo
seu lado, o monstro que goberna a vida da moza chámase éxito profesional e o tributo que ten que pagar consiste na dedicación case que exclusiva ao traballo, no fracaso matrimonial e no abandono da crianza da filla en mans dos avós. Un dos tentáculos máis visibles do monstro é o teléfono móbil, que Amanda cortará simbolicamente guindándoo ao mar.
Ademais do espazo físico que comparten, as dúas historias teñen como nexo a paixón que  Amanda tiña cando nena polo personaxe do capitán (aínda que hoxe lle inspire unha certa pena) e a versión infantil de Vinte mil leguas baixo dos mares que lle vai lendo á súa filla.
Os protagonistas da novela comparten tamén, tras a longa loita cos seus monstros, o retorno ao que consideran vida.

Sitiografía

Manuel Sánchez Gálvez, Maelström, Maelström. Vigo, Galaxia, 2016

Ningún comentario: