1.9.16

Noticias de literatura-176. Agosto de 2016

Na casa non colle a memoria. Nos caixóns, agardan os papeis dun enxoval literario que a poeta vén de poñer en mans da Xunta (La Voz de Galicia, 01-08-2016).
[...] inclúe a versión de vinte e cinco contos e fábulas clásicos «que se contaron sempre e pasados polo filtro particular» de Carlos López, que fai «unha recreación libre e humorística dirixida a nenos de todas as idades», sen distincións. Para construír o seu relato, o narrador recorre a unha expresión esaxerada, desenfocada, a unha mirada histriónica sobre a peza orixinal, e despois o ilustrador busca esa escena que máis o inspira en cada un dos títulos recollidos para realizar a súa estampa a cores (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 01-08-2016).
Estamos moi unidos en ambos os dous sitios á Idade Media, temos un pasado de literatura medieval moi importante, vimos dunha sociedade moi rural, onde durante moitos séculos e aínda hoxe segue moi marcada polo caciquismo. Se non non se explican os escándalos políticos e económicos que aínda están a saír. Desde o punto de vista da responsabilidade política, en Galiza escribir en galego é un verdadeiro acto político. O mero feito de publicar en galego é un acto moi político e de resistencia. E é algo moi necesario. En Islandia directamente non o é tanto, vivimos nunha tremenda diglosia (entrevista de R. Castro, Sermos Galiza, 01-08-2016).
A escritora analiza na que é a súa primeira novela as inseguridades típicas da adolescencia e a necesidade de pertencer a un grupo durante eses anos (Isabel Blanco, El Correo Gallego, 05-08-2016).
Lémbrome existe porque lin primeiro os I remember de Joe Brainard… O de George Perec xa está feito a partir do de Brainard. Despois souben do Mi ricordo de Mastroniani. Así que, se non lese o de Brainard, Lémbrome non existiría ou sería diferente. Mais o importante do libro, para min, é que consiga activar os resortes da memoria. É unha estrutura moi elemental, coma unha salmodia, un mantra: Lémbrome, Lémbrome… É o que fai Brainard, pero el é máis kamikaze. Conta as cousas sen pudor. Eu tirei máis polo camiño do medio: hai cousas que son lembranzas miñas, pero outras que son parte da memoria da miña xeración, pero non lembranzas da miña vida entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 05-08-2016).
A autora viguesa será homenaxeada o 15 de agosto na cidade olívica, no parque que leva o nome da escritora e feminista (Sermos Galiza, 08-08-2016).
[...] desde o selo salientan que a historia de Paula «cumpre coa traxedia muda de moitas mulleres que no tempo actual, pola asfixia emocional do ambiente no que viven, non enfían a vida pola cara que máis lles convén» (Rodri García, La Voz de Galicia, 10-08-2016).
Esta é unha novela que xorde dun relato breve e na que se mesturan dúas historias, que non teñen nada que ver na forma pero moito en común no fondo. Unha é a historia do capitán Nemo das Veinte mil leguas de viaje submarino, que tras o afundimento do Nautilus aparece en Vigo, onde a súa vida trascorrera paralela ao desenvolvemento da cidade dende o momento no que era unha aldea de pescadores ata o século XX. A outra é a historia dunha muller que é directiva nunha multinacional da industria naval en Vigo e merca unha vivenda ao carón do porto, na que atopa o diario do capitán Nemo (Isabel Blanco, El Correo Gallego, 10-08-2016).
García-Bodaño enxalza o valor emotivo e de iniciación daqueles concursos, que lle serviron á súa xeración como toma de contacto, de coñecemento e de intercambio, para ver que había outros que pensaban de forma similar e tamén para trabar unha certa amizade. «De aí moitos foron caendo cara a defensa do idioma, da cultura. Empezamos a vivir Galicia como unha unidade, máis aló das catro provincias, asistiamos a un sentido de país en construción, a unha afirmación paulatina sen necesidade de moito ruído» (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 11-08-2016).
O xurado apreza en Fóra de mapa unha obra de gran ambición “cun guión rico, ben documentado e estruturado; un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante” (Mario Álvarez, El Correo Gallego, 13-08-2016).
Este escenario permítelle ao autor abordar cuestións presentes na cidade naquel tempo, entre as que cita as descubertas, os inicios do escravismo, o Renacemento ou a imprenta (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 13-08-2016).
Emilio Fonseca Martín (Ourense, 1978), reside en Barcelona e é licenciado e investigador en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid. Ten traballado no ámbito do vídeo, a animación, a ilustración, páxinas web ou recursos educativos e artigos de investigación (Sermos Galiza, 12-08-2016).
`[...] ten por protagonistas principais a unha monxa, unha prostituta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións. Un quinto personaxe, unha escritora chamada Inma, completa esta historia na que López Silva non renuncia aos recursos metaliterarios (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 17-08-2016).
[A editorial] nace dunha xuntanza con Eduard Velasco e Alicia Fernández, os responsables da libraría, hai cousa de un ano. Eles falaban de facer unha editorial para publicar os nosos traballos, pero finalmente fomos moito máis alá e sacamos adiante un proxecto moito más amplo e ambicioso. Tamén están neste barco Manolo Martínez, que se encarga do deseño, e Gonzalo Hermo (entrevista de Carlos Rei, La Voz de Galicia, 20-08-2016).
A actualidade volve ás paxinas desta serie de misterio. A explotación da muller, a inmigración e a especulación son algunhas das cuestións que se incorporan á vida do detective (Ana Escudero, La Voz de Galicia, 24-08-2016).
Unha novela de "non ficción" que se achega á figura do "pai da nación" e ao do líder do PC en Galicia co obxectivo de non furtar miserias. Nin de esaxerar grandezas. Cun discurso, por veces, desmitificador dos enfoques épicos. No que o narrador conta e xulga os feitos (Montse Dopico, Praza Pública, 26-08-2016).

Ningún comentario: