Ás veces no recreo, cando non estamos castigados (que vén sendo as máis da veces), aproveitamos para botarlle unha ollada á prensa. Un día andaba unha compañeira á procura dun xornal e ofrecinlle o xa finado Galicia Hoxe. Colleuno, relaxouse e comezou a lectura das letras grandes.
Segundos despois, o periódico aterraba sobre a mesa da sala:
--¡Ah, pero te está en gallego! --foi o seu comentario, pronunciado cun acentiño que os meus alumnos non dubidarían en cualificar de montuno.
En todos os gremios hai xente pa tó. E este triste país glotófago, de tanto comerse a si mesmo acabará coma as vacas tolas. Xa lle faltou máis.
Lamento a morte do Galicia Hoxe. Foi o medio que máis se debruzou sobre a cultura do país (que vai máis aló do Gaiás) e o que nos achegaba o resto do mundo na nosa lingua. Era dos poucos xornais --se non o único-- que tiña unha sección (Aulas) dedicada ó mundo do ensino.
Non será semente que caia en terra seca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario