Álvarez Blázquez desenvolve a trama en capítulos curtos, todos de extensión semellante, centrados normalmente nun personaxe. Mais isto non empece que o lector teña ante si un colectivo que se comporta como tal: convive, axúdase, critícase; viven, en definitiva, con conciencia de tribo.
A conivencia autor-lector é constante. Atribúese aquel o papel de cronista e detense sempre que o desexa para explicar os pormenores da marcha do relato:
“O autor sospeita que nesta triloxía de potencias que en toda obra literaria se establece, entre os actores do drama, o autor e o lector mesmo, existe sempre unha xorda pugna, na que infaliblemente corresponde a este último a peor parte” (p. 41).
“O autor recoñece (...). A culpa, en todo caso, é só do autor (...) (p. 61).
“Ineludibles tarefas persoais mantiveron o autor afastado durante algúns días desta historia, tan amorosamente rastrexada” (p. 145).Pódense relacionar máis citas que abondarían no mesmo sentido. O autor trata de establecer unha complicidade co lector, pórse da súa parte, investigar o asunto canda el.
Insinúa tamén o modelo literario do personaxe investigador:
“O bo sacerdote da nosa novela en pouco se parecería aos que ordinariamente ocupan as páxinas dos libros, e existe un risco moi grave de que o culto lector se deixa arrastrar pola lembranza dese inimitable padre católico, cuxas divertidas e aleccionadoras aventuras relatou un contemporáneo escritor inglés, xa por desgraza falecido” (p. 62).
“O autor desprega unha mirada bondadosa sobre os personaxes (o que nos fai recordar a Chesterton e nunca a novela negra americana) e segue unha tradición humorística presente nalgúns autores cultos do primeiro terzo do século” (Estro Montaña, cit.)
4. A novela ambiéntase nalgunha vila francesa. Os nomes dos personaxes axudan a completar este marco xeográfico. Mais así e todo, a descrición do espazo, a caracterización dos personaxes, o seu comportamento... lévannos a pensar que podemos estar en calquera vila do noso país. Mesmo algunhas referencias tales como o alto de San Bartolomeu ou os dolmens suxírennos espazos de especial querencia do autor.
5. Bibliografía que se cita:
Álvarez Blázquez, Xosé María, Na vila hai caras novas, Vigo, Ir Indo, 1993. Introdución e tradución de Alfonso Álvarez Cáccamo.
Martínez Cachero, José María, La novela española entre 1936 y 1975, Madrid, Castalia, 1989.
Montaña, Estro, “Na vila hai caras novas”, Faro de Vigo, 18 de xuño de 1994.
(Fotografía de http://www.viveaonatural.xunta.es/EN/aloia.htm.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario