24.8.07

Casas baratas.

Antón Riveiro Coello, Casas baratas, Vigo, Galaxia, 2005.

O conxunto de relatos curtos que se agrupan baixo este título reconstrúen, por medio dunha única voz, a infancia e a mocidade do narrador no escenario dun barrio que hoxe se coñecería como de protección oficial.

A expresión tivo fortuna. Os predios marcados co xugo e as frechas pasaron a denominarse "Casas baratas" en moitos concellos do país, coma se se tratase dun verdadeiro topónimo. Cómpre recoñecer que, no seu momento, significaron o acceso de moita xente a unha vivenda digna. Neste sentido, a voz narradora sinala o traslado a este escenario como unha mellora nas condicións de vida da familia. Pero noutros aspectos, a sombra da ditadura segue pairando coma unha negra sombra.

Dende a alegría vital que dá a mocidade, o autor pasa revista á vida do país tal e como se vai vivindo nas casas baratas. O pluriemprego dos pais e doutros membros da familia, o cambio xeracional (que supón cambio de actividade e hábitat), o ensino, o divertimento, as bromas entre amigos e familiares, a nova música, os namoros...
É un libro de interesante lectura, de trazos que semellan autobiográficos.
O autor honrounos coa visita ó noso centro. Falounos de As rulas de Bakunin e mais de Homónima.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Os meus parabéns polo voso blog. Son docente de galego e parecenme fantásticos os vosos contidos. Ánimo e seguide traballando na dignificación da lingua e demostrando que o galego é unha lingua válida para a tecnoloxía.