1.4.14

Noticias de literatura-147. Marzo 2014

É de salientar que a primeira posta en escena de O refugallo tivese lugar o 19 de xaneiro do 2013 no Salón Teatro de Santiago, moito antes da súa publicación, e a cargo de Berrobambán (Laura Blanco Casás, El Correo Gallego, 01-03-2014).
Ruína é estafa. Devastación. Abandono. Explotación. Desmemoria. Narcotización
colectiva. Submisión. Pantomima democrática. E contra todas elas érguese Xesús Rábade Paredes no seu último poemario, Sobre ruínas (Alvarellos). Versos atravesados pola protesta, pola denuncia, e tamén pola esperanza (Montse Dopico, Praza Pública).
A primeira edición de do seu libro poético “Raíz de fenda” (Xerais), premio Johán Carballeira, esgotouse en tan só un mes. En dous meses Galaxia mandou ao prelo a segunda edición da novela “O último libro de Emma Olsen”, gañador do premio Repsol e ao tempo sorprendía con “A fuxida” (Biblos), o seu primeiro libro de literatura infantil (Sermos Galiza).
xa está dispoñible nunha edición en dobre deuvedé que recolle máis materiais extra arredor do escritor de Celanova (La Voz de Galicia, 04-03-2014).
[...] a través de Embora, acaba de ver la luz Cos ollos do avó, una obra orientada a niños y niñas a partir de diez años, en la que Concha Blanco adentra al lector en una situación paranormal a través de un abuelo y su nieto cuando visitan una aldea anegada por la construcción de un embalse (El Correo Gallego, 05-03-2014).
O punto de partida deste álbum reside nun feito absolutamente banal: Nicomedes, a pesar de ter unha boa cabeleira, ben visible na cuberta do álbum, así como vai pasando o tempo, perde todo o seu cabelo. Non conforme coa súa nova aparencia calva, procura, ao longo das páxinas, solucións cada vez máis orixinais para o seu problema (El Correo Gallego, 06-03-2014).
Con vinte anos o libreiro Pedro Vindel «aínda non sabía ler», lembraba na noite de onte Xesús Alonso Montero na sé da Real Academia Galega (RAG). Pero este rapaz, que estaba en Madrid pero nacera en Cuenca en 1865, era espilido e sabía preguntar (La Voz de Galicia, 06-03-2014).
La voz del escritor Carlos Casares, fallecido hace 12 años, guiará una ruta literaria por lugares de la ciudad de Ourense y Castro de Beiro relacionados con su vida y obras, gracias a la reproducción de discursos y lecturas que podrán escucharse mediante códigos QR (El Correo Gallego, 08-03-2014).
O Sempre en Galiza publicábase por vez primeira en Bos Aires o 10 de marzo de 1944. Desde o exilio, Castelao achegaba ao pensamento nacionalista o que estaba chamado a ser un libro fundamental (Sermos Galiza, 08-03-2014).
Con Anamnese a poeta Eli Ríos vén de gañar a segunda edición do Premio Lueiro Rey de poesía convocado polo concello de Fornelos de Montes e a Asociación de veciños O Cruceiro da Laxe. Despois de títulos como nós escoitando o badalo de Marienplatz (Espiral Maior, 2010) ou o recente Maria (O Figurante, 2013), Eli Ríos achéganos unha poesía que quere provocar preguntas e facer pensar (Sermos Galiza).
Na presentación de estrea, Manuel Guede cualificou esta peza de "referencial" dentro do teatro norteamericano e sinalou que a calidade da súa montaxe permitirá "dignificar" o teatro galego, que "vai estar á altura" (Galicia Hoxe,18-03-2014).
El libro "Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas" recupera en un mismo volumen tres obras que hacen referencia a la emigración gallega a Cuba durante más de un cuarto de siglo: "A lingua galega en Cuba", "Rosalía de Castro e Cuba" y "Galegos que loitaron pola independencia de Cuba" (El Correo Gallego, 18-03-2014).
Narra a investigación dunha xornalista sobre varios crimes nos que comparte protagonismo con pequenos bonecos de colección dos anos 80, que aparecen nos lugares onde se cometeron os asasinatos (Galicia Hoxe, 22-03-2014).
Eduardo Maroño, “A BD galega que vén”, Praza Pública. Unha ampla achega ao panorama da banda
deseñada en galego.
Contra a desesperanza que se impón, a escritora defende o activismo para cambiar o mundo.Parte da súa experiencia de vinte anos de traballo en cooperación internacional para apostar pola filosofía que subxace nos Grupos de Axuda Mutua, un “palleiro alternativo” que parte de dúas liñas de actuación que se encontran, o feminismo e a súa condición crítica (Sermos Galiza).

29.3.14

María López Sánchez. A forma das nubes

A protagonista desta novela curta usa a escrita como terapia. Unha historia de desamor esmágalle o ánimo e tráelle á memoria acontecementos que cría perdidos, porque cando o desamor chega "todo fala das cousas que se perden" (p. 11).
A narradora ten agora 36 anos e comeza o relato coa viaxe nun cruceiro cando tiña 13. Nese cruceiro coñece a súa atriz favorita, feito que condicionará a súa vida: converterase en fotógrafo profesional e nas súas viaxes coñecerá os seus amores, o pai da súa filla e o desamor.
O desamor é o tema central da novela. "O efecto máis devastador é o que exerce sobre o ego: íspenos de dignidade e déixanos expostos á intempreire de nós mesmos" (p. 34). A loucura e o suicidio da nai corroboran esta afirmación. Como antídoto, a narradora ten a súa teoría da felicidade: "A persoa feliz [...] é capaz de tirarse na herba a contemplar as nubes e deixar a mente en branco [...]. Para a persoa feliz o movemento das nubes serve simplemente como marcador do tempo, intensifica a súa percepción do presente" (p. 31).
Lecturas e películas tamén se converten en nubes que debuxan o estado de ánimo da narradora: "Sempre que lembro A metamorfose penso nese oco baleiro na cama, ese oco que podía ocupar unha muller, imaxino o seu horror, a súa incomprensión, o seu sufrimento" (p. 75); "fiquei hipnotizada pola luz do sol, polo aire no rostro, pola intensa perfección. Veume á mente Grace Kelly en Atrapa un ladrón" (p. 78). Mesmo o remate da historia é unha homenaxe literaria ao tempo que a clave da situación psicolóxica da narradora: Bonjour tristesse.

Sitiografía


María López Sández, A forma das nubes. Vigo, Galaxia, 2012. VI Premio de Narrativa Breve Repsol.

22.3.14

Dúas letras (de Fina Casalderrey). Test de lectura

Actividade para entretemento do club de lectura de Dúas letras, de Fina Casalderrey / Eloy Varela.
O exercicio, que ocupa menos de cinco minutiños, consiste en responder se son verdadeiras ou falsas as afirmacións que se fan sobre o relato citado.
Outras actividades sobre Dúas letras:

15.3.14

Xosé Neira Vilas, Esperando o leiteiro.

Vinte anos ten o rapaz que fala consigo mesmo mentres agarda polo camión do leite para
saír da aldea e chegar a tempo ao barco que o ha levar a Buenos Aires. As despedidas e consellos da familia fixéronlle perder o autobús e obrigárono a facer unha camiñata coa maleta ao lombo ata o Empalme para ver de atopar outra forma de chegar ao destino.
A desacougada espera convértese nun monólogo interior que non remata ata a despedida. Nese monólogo, nun ton por veces carraxento, o protagonista repasa a súa vida e, asemade, a da aldea (que vén sendo o mesmo que a do país enteiro). Estamos nos inicios da década dos cincuenta do século XX e na memoria de mozos e vellos está presente moita miseria fresca. O silencio non sempre a dá tapado: unha guerra civil, outra mundial, represión, medo, necesidade… En suma, “a pobreza perpetua” que vive o mundo do protagonista.
Desa pobreza certa e de tres perigosos anos de servizo militar foxe o rapaz cara a un futuro incerto: non sabe se dará marchado e aínda menos se logrará retornar para devolverlle o corpo á Terra.
Xosé Neira VilasNo Empalme esperan canda o protagonista outras tres persoas: Manuel e o seu fillo cegarato, que tentan chegar a Santiago para ver que lle di un oftalmólogo de sona, e mais a señora Emilia, “a mulleriña dos figos”, “pobre muller, pobre de vez con dous fillos lonxe, que ata é posible que non lle dean un carto” (p. 99). O rapaz, enviso nos seus pensamentos, non lles presta moita atención, agás cando se converten en personaxes principais do fío do seu discurso.
Non son os citados os únicos personaxes do relato. O monólogo do protagonista achéganos os membros da súa familia, os veciños, os amigos, a moza (que espera poder reclamar cando se instale no novo mundo), don Eladio, “fino como el era”, sempre citado en castelán, “que xa de por si é unha maneira de estar do outro lado do noso xeito de ser, da nosa fala” (p. 74); era o opoñente de don Anselmo, o cura, “un anaco de pantrigo” (p. 74). Todos eles caracterizados por trazos moi esenciais, escasos pero suficientes para facérmonos unha idea cabal do personaxe e do que representa.
Aínda que ao protagonista llo pareza, a espera non foi longa. Tampouco o é o relato, mais na súa brevidade temos un intenso estudo do que pasa pola cabeza de calquera persoa que se vexa na obriga de coller a maleta e marchar.

Sitiografía




Xosé Neira Vilas, Esperando o leiteiro. Vigo, Galaxia, 2012.

9.3.14

Fina Casalderrey / Eloy Varela. Dúas letras. Cuestionario

Foto: Editorial Galaxia
Para o club de lectores e espectadores de Dúas letras.
Velaquí deixo este CUESTIONARIO co ánimo de que poida servir de punto de partida para os debates dos grupos de lectura  e visionado desta obra de Fina Casalderrey e Eloy Varela.


  1. Situade a historia no seu marco cronolóxico e comentade as características da época.
  2. Comentade o que vos resulte máis chocante na lingua das cartas, así como outros aspectos formais da literatura epistolar.
  3. Axudándovos do texto e mais da película describide as condicións das casas do rural na época en que se ambienta a historia.
  4. Facede o mesmo co vestiario dos personaxes.
  5. A veciña “soldado” dille á protagonista: “Áurea, e non fuches á misión!”. Buscade información sobre o que realmente lle estaba a dicir.
  6. Describide e comentade o estilo de vida dunha mestra (ou dun mestre) nos arredores de 1951. Podedes empezar preguntando á xente da casa.
  7. ¿De que guerra se nos fala no relato? ¿Como nos falan dela os personaxes?
  8. ¿Que papel desempeñan os calendarios no relato e na película?
  9. Das queixas de siña Áurea podemos sacar unha idea do casorio e do papel da muller nel. Comentade este aspecto.
  10. Analizade o tópico das viúvas de vivos e de mortos segundo se pode percibir no relato e mais na película.
  11. Entre o que siña Áurea dita e a mestra escribe hai evidentes diferenzas. ¿En que sentido se producen os cambios?
  12. No relato fálase do sustento diario. ¿En que consiste? ¿Con que medios se logra?
  13. Comentade os aspectos máis salientables da relación nai-fillo.
  14. ¿Podedes situar nun mapa Cedofeita e Casaldourado? ¿Trátase de lugares reais, literarios ou ambos os dous?
  15. Comentade como se trata no relato e mais na película o despoboamento do rural.
  16. O peso da historia cae sobre os ombros das mulleres. Aínda así, ¿que se pode dicir dos homes que aparecen no película e mais no relato?
  17. Coa perspectiva que dan 70 anos de distancia, comentade que permanece e que cambiou no paso da emigración á “movilidad exterior”. [Lembrade que estamos no ano 2014.]


Fina Casalderrey / Eloy Varela, Dúas letras. Vigo, Galaxia, 2012.