Foto: Editorial Galaxia |
Para o club de lectores e espectadores de Dúas letras.
Velaquí deixo este CUESTIONARIO co ánimo de que poida servir de punto de partida para os debates dos grupos de lectura e visionado desta obra de Fina Casalderrey e Eloy Varela.
- Situade a historia no seu marco cronolóxico e comentade as características da época.
- Comentade o que vos resulte máis chocante na lingua das cartas, así como outros aspectos formais da literatura epistolar.
- Axudándovos do texto e mais da película describide as condicións das casas do rural na época en que se ambienta a historia.
- Facede o mesmo co vestiario dos personaxes.
- A veciña “soldado” dille á protagonista: “Áurea, e non fuches á misión!”. Buscade información sobre o que realmente lle estaba a dicir.
- Describide e comentade o estilo de vida dunha mestra (ou dun mestre) nos arredores de 1951. Podedes empezar preguntando á xente da casa.
- ¿De que guerra se nos fala no relato? ¿Como nos falan dela os personaxes?
- ¿Que papel desempeñan os calendarios no relato e na película?
- Das queixas de siña Áurea podemos sacar unha idea do casorio e do papel da muller nel. Comentade este aspecto.
- Analizade o tópico das viúvas de vivos e de mortos segundo se pode percibir no relato e mais na película.
- Entre o que siña Áurea dita e a mestra escribe hai evidentes diferenzas. ¿En que sentido se producen os cambios?
- No relato fálase do sustento diario. ¿En que consiste? ¿Con que medios se logra?
- Comentade os aspectos máis salientables da relación nai-fillo.
- ¿Podedes situar nun mapa Cedofeita e Casaldourado? ¿Trátase de lugares reais, literarios ou ambos os dous?
- Comentade como se trata no relato e mais na película o despoboamento do rural.
- O peso da historia cae sobre os ombros das mulleres. Aínda así, ¿que se pode dicir dos homes que aparecen no película e mais no relato?
- Coa perspectiva que dan 70 anos de distancia, comentade que permanece e que cambiou no paso da emigración á “movilidad exterior”. [Lembrade que estamos no ano 2014.]
Ningún comentario:
Publicar un comentario