15.3.14

Xosé Neira Vilas, Esperando o leiteiro.

Vinte anos ten o rapaz que fala consigo mesmo mentres agarda polo camión do leite para
saír da aldea e chegar a tempo ao barco que o ha levar a Buenos Aires. As despedidas e consellos da familia fixéronlle perder o autobús e obrigárono a facer unha camiñata coa maleta ao lombo ata o Empalme para ver de atopar outra forma de chegar ao destino.
A desacougada espera convértese nun monólogo interior que non remata ata a despedida. Nese monólogo, nun ton por veces carraxento, o protagonista repasa a súa vida e, asemade, a da aldea (que vén sendo o mesmo que a do país enteiro). Estamos nos inicios da década dos cincuenta do século XX e na memoria de mozos e vellos está presente moita miseria fresca. O silencio non sempre a dá tapado: unha guerra civil, outra mundial, represión, medo, necesidade… En suma, “a pobreza perpetua” que vive o mundo do protagonista.
Desa pobreza certa e de tres perigosos anos de servizo militar foxe o rapaz cara a un futuro incerto: non sabe se dará marchado e aínda menos se logrará retornar para devolverlle o corpo á Terra.
Xosé Neira VilasNo Empalme esperan canda o protagonista outras tres persoas: Manuel e o seu fillo cegarato, que tentan chegar a Santiago para ver que lle di un oftalmólogo de sona, e mais a señora Emilia, “a mulleriña dos figos”, “pobre muller, pobre de vez con dous fillos lonxe, que ata é posible que non lle dean un carto” (p. 99). O rapaz, enviso nos seus pensamentos, non lles presta moita atención, agás cando se converten en personaxes principais do fío do seu discurso.
Non son os citados os únicos personaxes do relato. O monólogo do protagonista achéganos os membros da súa familia, os veciños, os amigos, a moza (que espera poder reclamar cando se instale no novo mundo), don Eladio, “fino como el era”, sempre citado en castelán, “que xa de por si é unha maneira de estar do outro lado do noso xeito de ser, da nosa fala” (p. 74); era o opoñente de don Anselmo, o cura, “un anaco de pantrigo” (p. 74). Todos eles caracterizados por trazos moi esenciais, escasos pero suficientes para facérmonos unha idea cabal do personaxe e do que representa.
Aínda que ao protagonista llo pareza, a espera non foi longa. Tampouco o é o relato, mais na súa brevidade temos un intenso estudo do que pasa pola cabeza de calquera persoa que se vexa na obriga de coller a maleta e marchar.

Sitiografía




Xosé Neira Vilas, Esperando o leiteiro. Vigo, Galaxia, 2012.

Ningún comentario: