29.3.14

María López Sánchez. A forma das nubes

A protagonista desta novela curta usa a escrita como terapia. Unha historia de desamor esmágalle o ánimo e tráelle á memoria acontecementos que cría perdidos, porque cando o desamor chega "todo fala das cousas que se perden" (p. 11).
A narradora ten agora 36 anos e comeza o relato coa viaxe nun cruceiro cando tiña 13. Nese cruceiro coñece a súa atriz favorita, feito que condicionará a súa vida: converterase en fotógrafo profesional e nas súas viaxes coñecerá os seus amores, o pai da súa filla e o desamor.
O desamor é o tema central da novela. "O efecto máis devastador é o que exerce sobre o ego: íspenos de dignidade e déixanos expostos á intempreire de nós mesmos" (p. 34). A loucura e o suicidio da nai corroboran esta afirmación. Como antídoto, a narradora ten a súa teoría da felicidade: "A persoa feliz [...] é capaz de tirarse na herba a contemplar as nubes e deixar a mente en branco [...]. Para a persoa feliz o movemento das nubes serve simplemente como marcador do tempo, intensifica a súa percepción do presente" (p. 31).
Lecturas e películas tamén se converten en nubes que debuxan o estado de ánimo da narradora: "Sempre que lembro A metamorfose penso nese oco baleiro na cama, ese oco que podía ocupar unha muller, imaxino o seu horror, a súa incomprensión, o seu sufrimento" (p. 75); "fiquei hipnotizada pola luz do sol, polo aire no rostro, pola intensa perfección. Veume á mente Grace Kelly en Atrapa un ladrón" (p. 78). Mesmo o remate da historia é unha homenaxe literaria ao tempo que a clave da situación psicolóxica da narradora: Bonjour tristesse.

Sitiografía


María López Sández, A forma das nubes. Vigo, Galaxia, 2012. VI Premio de Narrativa Breve Repsol.

Ningún comentario: