3.11.07

Cunqueiro. Unha biografía

De interese para os bachareis.
Atopamos no Galicia Hoxe esta recensión da biografía que Manuel Gregorio González dedica a Cunqueiro. É o seu título completo Don Álvaro Cunqueiro juglar sombrío. Segundo a recensión, a obra promete. Resulta un traballo de doada lectura, a xulgar polo anaco que levo visto. Teño a sensación de que enfoca o autor a través da súa obra, pero non o podo asegurar co que levo lido. Para datos miúdos, o autor cita a "minuciosa biografía de Cunqueiro" de Armesto Faginas (1987).

Esta nova biografía tamén se acompaña dun interesante álbum de fotos en páxinas interiores.

Como tocaremos o tema na aula, aínda que non queiramos, xa vos falarei máis polo miúdo do asunto. Mentres tanto, teredes que conformarvos coa recensión enlazada.

Aburiño.

2.11.07

Algún médico saca a lingua

Facemos referencia a un par de noticias relacionadas co uso das linguas minoradas no gremio dos médicos. Aínda que suscitan comentarios a mazo, realmente non o precisarían. Pero causan algo de pasmo e cómpre manifestalo.
A primeira das noticias atopámola en Vieiros: un facultativo pide socorro para que lle traduzan ó español o formulario no que se lle solicitaban probas radiolóxicas. Fai ben. Cómpre andar seguro. Nalgunha ocasión xa se teñen trabucado e o paciente acabou coa perna boa amputada e a mala ó lombo.

A outra noticia referida aparece en El País (xornal belixerante en cuestión de lingua): "La exigencia del euskera agrava la falta de médicos en el País Vasco
En la oposición puntúa casi tanto el idioma como todos los méritos científicos"
. Visto así, case parece terrible. Coma se te botasen fóra do traballo por descoñeceres o euskera. Mais na mesma noticia lemos que os méritos por coñecer tal idioma sumarían como máximo 16 puntiños (Euskera. Existen dos perfiles lingüísticos: el 1, que otorga ocho puntos y el 2, que supone 16. Este último equivale al cuarto curso de la Escuela Oficial de Idiomas), sobre ¿cantos?: El baremo máximo suma 176 puntos. El propio examen otorga hasta 100. Es necesario obtener 50 o más para aprobar.

Nos xornais tamén cómpre ler a letra pequena. E o xornalismo debería ser obxectivo. E os médicos...

Méndez Ferrín e Bretaña, Esmeraldina

De interese para os de segundo de bacharelato.
Enlazo esta entrevista con Anxo Angueira na que se fala da novela citada e se sitúa o seu autor, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, no panorama literario galego.

Sobre a edición desta obra tamén atopamos noticias en Brétemas e mais no Anuario de estudos literarios.

30.10.07

Xosé María Álvarez Blázquez. Na vila hai caras novas (2)

3. Para o escritor Estro Montaña “Na vila hai caras novas é unha das mellores novelas policiais da época pola sinxeleza e lirismo da súa linguaxe, pola elegancia e ironía desenvolvidas en cada páxina, polo ritmo medido da escritura e o final imprevisto do desenlace” (Faro de Vigo, 18-6-1994).
Álvarez Blázquez desenvolve a trama en capítulos curtos, todos de extensión semellante, centrados normalmente nun personaxe. Mais isto non empece que o lector teña ante si un colectivo que se comporta como tal: convive, axúdase, critícase; viven, en definitiva, con conciencia de tribo.
A conivencia autor-lector é constante. Atribúese aquel o papel de cronista e detense sempre que o desexa para explicar os pormenores da marcha do relato:
“O autor sospeita que nesta triloxía de potencias que en toda obra literaria se establece, entre os actores do drama, o autor e o lector mesmo, existe sempre unha xorda pugna, na que infaliblemente corresponde a este último a peor parte” (p. 41).
“O autor recoñece (...). A culpa, en todo caso, é só do autor (...) (p. 61).
“Ineludibles tarefas persoais mantiveron o autor afastado durante algúns días desta historia, tan amorosamente rastrexada” (p. 145).
Pódense relacionar máis citas que abondarían no mesmo sentido. O autor trata de establecer unha complicidade co lector, pórse da súa parte, investigar o asunto canda el.
Insinúa tamén o modelo literario do personaxe investigador:
“O bo sacerdote da nosa novela en pouco se parecería aos que ordinariamente ocupan as páxinas dos libros, e existe un risco moi grave de que o culto lector se deixa arrastrar pola lembranza dese inimitable padre católico, cuxas divertidas e aleccionadoras aventuras relatou un contemporáneo escritor inglés, xa por desgraza falecido” (p. 62).
“O autor desprega unha mirada bondadosa sobre os personaxes (o que nos fai recordar a Chesterton e nunca a novela negra americana) e segue unha tradición humorística presente nalgúns autores cultos do primeiro terzo do século” (Estro Montaña, cit.)
4. A novela ambiéntase nalgunha vila francesa. Os nomes dos personaxes axudan a completar este marco xeográfico. Mais así e todo, a descrición do espazo, a caracterización dos personaxes, o seu comportamento... lévannos a pensar que podemos estar en calquera vila do noso país. Mesmo algunhas referencias tales como o alto de San Bartolomeu ou os dolmens suxírennos espazos de especial querencia do autor.
5. Bibliografía que se cita:
Álvarez Blázquez, Xosé María, Na vila hai caras novas, Vigo, Ir Indo, 1993. Introdución e tradución de Alfonso Álvarez Cáccamo.
Martínez Cachero, José María, La novela española entre 1936 y 1975, Madrid, Castalia, 1989.
Montaña, Estro, “Na vila hai caras novas”, Faro de Vigo, 18 de xuño de 1994.
(Fotografía de http://www.viveaonatural.xunta.es/EN/aloia.htm.)

29.10.07

Lois Pereiro

De interese para os bachareis.

Na edición de El País para o país vén este artigo sobre a poesía de Lois Pereiro. Non estará de máis botarlle unha ollada.


Na páxina da BVG atoparedes esta ficha biográfica. Tamén ten interese esta noticia que publica Vieiros. Máis reducido é o artigo da Wikipedia.


Que tiredes bo proveito da lectura. Aburiño.

28.10.07

Boas palabras

Cóntanos A Voz que nunha tribo beduína condenaron a un piropeador a rebandarlle a lingua por lle dicir "boas palabras" a unha muller. Librouse (en todas as partes hai avogados das silveiras) cunha substanciosa multa.
Reparade en que eran "boas palabras". Por estes lares, falar mal xa non é nin pecado. As nosas avoas non saen do pasmo. Pareceralles que esgarramos as palabras. ¿Onde andará metida a vontade de estilo que tiñan os aldeaniños? Imos esquecendo que a xente é, en boa medida, o que fala. Esquecemos que a lingua é a defensa dos dentes e que a mellor palabra é a que aínda non se dixo.
Se traemos a este noso primeiro mundo a lei chapodadora de falabaratos, ¿que lle habería que facer ós que xuran ou prometen cumprir e facer cumprir a lei e fan dela lei de funil cando non a desobecen sen máis? ¡Quen nos dera poder mandalos cos beduínos!
Sálvanse porque vivimos entre cristiáns civilizados. Que se non...
Que somos civilizados -por algo estamos no primeiro mundo- demóstrano os nosos hábitos (a)culturais (inflámonos de televisión), o éxito escolar na ESO (un de cada catro alumnos queda pola popa), por non falar desas catro mil persoas que viven en chabolas...

Claro que noutros sitios cocen consoladoras caldeiradas de fabas. La France, mesmamente: ils sont plus de 100 000, un peu partout en France, à loger dans une caravane ou un cabanon. E non é que estean de vacacións precisamente.

En fin, hoxe se cadra vén algo triste a prensa. Pero, polo menos, podemos empezar a falar ben aínda sen a ameaza de que nos chapoden a lingua. Tampouco non hai necesidade de andar coma Xan de Ventraces.

Soidades de Ana. Non é unha novela

Para o prezado club de lectores de Soidades de Ana.

Non lembro que estudoso dixo que cada obra literaria, o mesmo que o autor, son fillos da súa época. O caso é que ten razón. A noticia que enlazo, aínda sendo posterior ó relato que estamos a ler, ten o valor de actualizar a novela e debería servirnos para que a reflexión sobre esta peza literaria fose algo máis ca unha actividade intelectual.

Tomémolo en serio. A cabeciña, antes de que nola estrague a demencia senil, debe levar sempre o goberno da nosa vida.

Volvendo ó noso traballo académico, a noticia pode axudar nas respostas ás cuestións relacionadas coa protagonista e o seu círculo de amigos.


26.10.07

Jordi Sierra

Para o club de lectores de Soidades de Ana.


O autor desta novela é hoxe noticia literaria pola concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil. Enlazo a noticia e pego aquí a entrada:
El escritor Jordi Sierra i Fabra ha sido galardonado hoy con el Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil correspondiente a 2007 por su obra 'Kafka y la muñeca viajera'. El Premio lo concede el Ministerio de Cultura para distinguir una obra de autor español, escrita en cualquiera de las lenguas oficiales del Estado y editada en España durante 2006.



Parabéns.
(Imaxe de http://www.estrelladigital.es/.)

Xosé María Álvarez Blázquez. Na vila hai caras novas (1)

Na vila hai caras novas, de Xosé María Álvarez Blázquez (Vigo, Ir Indo, 1993).
0. A presentación editorial sinala o feito de ser esta novela finalista do premio Nadal (convocado por primeira vez no outono de 1944 e outorgado o día de Reis de 1945), mais tamén sinala o esquecemento inxusto que sufriu.
Son moi ilustrativas as palabras de José María Martínez Cachero ó falar desa primeira edición do premio Nadal (La novela española entre 1936 y 1975, Madrid, Castalia, 1989, p. 86): “Concursaron veintiseis novelas y, por tres votos contra dos, Nada, de Carmen Laforet ganó a En el pueblo hay caras nuevas, del escritor gallego José María Álvarez Blázquez”.
1. Consta a novela de 29 capítulos, distribuídos en tres partes: simétricas as dúas primeiras (capítulos I-XII e XIII-XXIV, respectivamente) e máis reducida a terceira (XXV-XXIX). O autor preséntanos na primeira parte os principais personaxes e o feito que motiva o relato: o asasinato do coronel Le Coste; na segunda, o inspector Flandín vai levando a cabo os traballos da investigación ata chegar a un punto morto que resolve, a gusto de case que todos, a rara mestría do señor abade.
2. Na vila non pasa nada fóra do habitual. A xente vai levando a vida pouco a pouco, coma sempre. Todo resulta previsible. Mais o día do seu aniversario, o coronel Le Coste aparece morto. Todo apunta a que foi “asasinado a traizón no seu propio xardín” (p. 25). A partir de aí, o ambiente da vila comeza a rexistrar unha “tola efervescencia”.
O autor documenta os estraños comportamentos dos personaxes, centrándose nos máis significativos que, capítulo a capítulo, focalizan o desenvolvemento da narración. Ante os ollos do lector pasa toda unha galería de personaxes que constitúen as forzas vivas da vila: o coronel retirado, a fillastra, o tolo oficial da vila, o zapateiro alcohólico, a solteirona que non perde a esperanza de casar algún día, o alcalde pasteleiro, o servizo do coronel (mordomo, secretario), o médico flegmático e humorista (trazo compartido por varios personaxes), o mestre, a sombreireira murmuradora, o fotógrafo, o xuíz, o abade...
A estes hai que sumarlles as caras novas que son enviados para facer as pescudas pertinentes: o inspector Flandín, o axudante Reynolds (quizais o máis parvo do corpo), o capitán Savigni...
Todos acaban desconfiando de todos e algúns chegan a denunciarse mediante anónimos. Aínda que as autoras dos anónimos eran coñecidas de sobra: recorrían a este método sempre que querían botar unha loia a correr.
Saen a relucir as virtudes dos personaxes, pero tamén as súas pequenas miserias. O autor preséntaas ante o lector envurulladas nunha grande comprensión e sentido do humor. O humorismo é sen dúbida un dos trazos máis salientables da novela.
Funeral á parte, a obra ten final feliz: aclaración dos feitos, volta á normalidade, casorio... e fe, corroborada polos feitos, na bondade humana.

(As imaxes da igrexa de San Bartolomé de Rebordáns están en http://www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?ctre=121&crec=4597&cidi=C.)

24.10.07

Rubén Ruibal. Limpeza de sangue

Queremos sumarnos á vaga de felicitacións a Rubén Ruibal polo Premio Nacional de Literatura Dramática. A noticia do evento podemos lela en varios medios:

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=223886, http://www.lavozdegalicia.es/cultura/2007/10/24/0003_6255793.htm

ou http://www.l-v.es/ (24-10-07, páxina 12, pdf).

Sobre esta obra, os estudantes de segundo de bacharelato podedes ler a recomendación do seu editor e a crítica de Inma López Silva.
En Vieiros temos unha entrevista co dramaturgo.
De novo, parabéns ó autor.


23.10.07

Soidades de Ana. A vida herdada

Pois con esta pregunta só procuro unha pequena reflexión sobre os condicionamentos que nos impón o ámbito familiar no que nacemos. Non herdamos só os bens materiais que nos deixen os nosos maiores, descontado o quiñón que leva Facenda. Herdamos tamén boa parte das súas virtudes e dos seus defectos. Non fai falla que nolo diga a prensa rosa: sabemos perfectamente que somos fillos de... (por sorte ou desgraza). Mesmo hai familias que van deixando en herdo o nome duns membros para outros: María nai, María filla, María neta, María bisneta... Filipe I, II, III...
Algúns personaxes que aparecen nesta novela loitan en boa medida contra esta imposición do clan familiar. Outros aceptan a situación sen especial dificultade. Se analizades a relación da irmá de Ana e mais o seu noivo decaterédesvos de que manteñen posturas contrarias ante o estilo de vida herdado.
En resumo: mirade en que medida os pais impoñen un comportamento, uns estudos, unha dedicación ó clan...

Se aínda non enfoquei a cuestión, preguntádelle ó profe. Para iso lle pagan, digo eu.

(Imaxe de http://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?p=14031.)

20.10.07

Necrolóxicas

Leo esta noticia e, de paso que tocamos madeira, non podo evitar que me veñan á cabeza certas vivencias. A última delas puramente lingüística: tiven que explicarlle a un alumno o que era unha necrolóxica. Fíxeno sinalando co dedo encol do xornal. O rapaz preferiu "esquela", porque "necrolóxica le daba mal rollo". Retruqueille que "mal rollo" sempre o daba; non tiña que ver o idioma. Con todo, o rapaz seguiu nas del e eu quedei en xaxún: ¿poderanse esconxurar os medos cambiando de lingua?

O meu párroco, cérnico galeguista, pretende convencernos de que Deus entende o galego. Pero estalle a resultar unha ensinanza moi sacrificada: atópase con fregueses que non se consideran ben casados nin ben enterrados neste idioma. E o que máis amola o pobre do abade é que lle pidan os oficios na lingua que rexeitan. Outro misterio máis, por se fosen poucos os da relixión.
Coñezo a alguén -supoño que haberá máis no seu caso- que ten ben avisada a familia: cando vaia para a pataqueira, que lle aproveiten o que teña da aproveitable e o resto que o incineren; as honras fúnebres, se non llas fan en galego, que os asistentes recen en silencio. (É de supoñer que cando iso ocorra aínda exista a lingua e haxa sacerdotes en activo.)
Cómpre avisar a familia para que non se deixe engaiolar pola compañía funeraria. Esa xente non pregunta polo idioma do defunto e, por defecto, saca os formularios na lingua oficial do Estado. E aínda cómpre presenza de ánimo para dicirlle que o finado deixou mandado de que o empanasen coa súa lingua de vivo. Se cadra, as empresas mortuorias deberían coidar tamén estes detalliños sen subir o prezo do servizo.
Mirade por onde, un feito tan sinxelo como estarricar a pata convértese nun acto oficial e reclama a atención e participación de varias institucións. A saber, ministerio de Xustiza, Rexistro Civil, algunha Igrexa, Facenda (esta lagarta está en todas)... Por iso está decidido de antemán que hai que dar co cu no tego, pero na lingua constitucional.
A ver se as autoridades sacan algún decretiño para que, por defecto, enterren o morto na lingua na que viviu, sen que a atristurada familia teña por riba que relear pola necrolóxica. ¿Non pode haber enterros cooficiais, ou que?

18.10.07

Botellódromo

"Hay que ponerles un sitio y controlarlos"

Ás veces propóñense actividades que converten a aula nunha especie de Madroa. Nesta ocasión collín un texto do xornal Que! e pedínlle a un grupo de rapaces que describisen o posible contexto no que puido ser usada tal expresión.
Non me resisto a relacionar os resultados, porque fan certo o dito de que a can fraco...
Vexamos:
O despistado cre que se refire a "células canceríxenas". Terei que explicarlle de novo o da concordancia.
Os libros, a tala incontrolada de árbores e a praga dos muraños de Castela tiveron cadansúa proposta.
Unha rapariga afirma que se refire ós homes, dende unha perspectiva de loita de "géneros". A rapaza non é feminista; é intelixente e sabe que os homes valen para ben pouco.
Hai outra rapaza que relaciona a frase co botellón. Polos datos que dá vese que xa leu o xornal, e ademais debeuno facer de camiño ó centro.
Por parellas temos os que pensan nas tribos urbanas e nos inmigrantes. E aínda hai outro par que confesa sentirse desnortado e non ter nin idea de que quere dicir a frase de marras.
Cinco dos participantes pensan en tolos ou enfermos, que deben estar metidos en cuartos especiais, vixiados por cámaras e asistidos por médicos. (Hai un tipo de xente que preferimos tela gardada.)
A proposta gañadora (seis votos) refírese á falta de respecto e á indisciplina dos adolescentes. ¿Suspicacia?
Así e todo, a resposta que máis me gustou foi a do badulaque espelido: unha frase coma esa non ten sentido ningún, e menos nunha clase de lingua. Non teño máis que dicir e morra o conto.

17.10.07

Erín Moure

Noticias coma esta debían lerse con prescrición facultativa, porque actúan como vacina contra a lingua do poder (sexa cal for). En realidade, a lingua do poder é o orneo, dito sexa con perdón dos cuadrúpedes.

A noticia é de especial interese para os bachareis por dúas poderosas razóns: unha, a información literaria que facilita; a segunda, máis importante aínda, a actitude que a autora amosa ante as linguas nas que se expresa.
Sobre a obra que se cita -Teatriños ou aturuxos calados- podedes consultar:
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20071015132535 e http://www.xeracion.com/nova/3632.html.


Que a lectura vos sexa de proveito.

16.10.07

Soidades de Ana: os pais e o noivado

¿Que quero preguntar con isto?

Nada.
O que pretendo e que me describades como se trata este tema na obra.
Reparade que estamos diante de familias ben situadas, conservadoras, celosas da súa honra. E a honra non é só unha cuestión moral; tamén é unha cuestión social: es honrado se te consideran honrado. Os pais da nosa protagonista -igual có resto dos personaxes que desempeñan este papel- teñen tal idea moi ben deprendida.
O noivado, ademais de ser unha cuestión persoal, tamén ten a súa cara pública e pode influír na consideración que a sociedade teña da familia. Por iso os pais miran con reparo as relacións das fillas. Nomeadamente das fillas. Nos fillos reparan menos. Así e todo, apuntan a relacións que vaian máis alá do ámbito persoal: cómpre mirar pola posición social, polas empresas...
Os pais sufriron a fiscalización do noivado polos seus propios pais e, cando lles toca a vez de fiscalizar os noivados das fillas atópanse con que esta xeración prefire moverse sen regras nin pexas.
A ocultación das relacións ós pais dá unha certa liberdade de movementos, pero liberarse da obediencia cega ós pais deixa os mozos sen o amparo do clan familiar, polo menos no caso da nosa protagonista.
Na loita xeracional pais-fillos, o noivado é un dos aspectos máis salientables.
Non sei se aclarei algo o que me preguntastes na aula. Se non é así, seguide insistindo.


Abur.