6.11.13

Marcos Calveiro, Todos somos

Todos somos narra a desaparición dunha nena de instituto. O feito sobresalta as familias da praza
Imaxe: Edicións Xerais
da Bichoca, corre como a pólvora por toda a cidade e altera a vida de todos: os nenos vanse sentir presos e vixiados, os pais amosarán unha cara ata ese momento descoñecida, as crises de parella acentuaranse, o temor e a cólera manifestaranse por calquera miudeza…
As reaccións ante a desaparición tamén ofrecen o mellor e o peor de cadaquén. O pai da Natalia (a desaparecida) préstase a actuar no circo  do telelixo a cambio da paga; a nai de Antón (amigo de Natalia) saca as unllas do seu áspero carácter; a presentadora de televisión non ten reparo en aproveitar a ocasión para promocionarse; cidadáns anónimos, xente de ben e bos veciños, montan patrullas que mallan no primeiro que lles resulte sospeitoso ou mesmo en quen tente mediar e poñer algo de cordura (o pai de Antón acabou en urxencias); os políticos sofren apupos cando van facer a foto coas vítimas; a policía, impotente e superada polos acontecementos, comete erros… En fin, todos senten a necesidade de dar co criminal para que se faga xustiza, para respirar tranquilos, para satisfacer a sede de vinganza ou para sacar tallada.
No medio desta maruxía achamos dous personaxes que tentan controlar o rumbo das súas vidas. A inspectora Lina Souto e o neno Antón aparecen unidos por unha mutua simpatía ademais de pola lembranza dun pasado que converte a Antón nun neno moi especial aos ollos da inspectora. Os dous falan de Natalia en presente e aférranse a calquera aruxiño de esperanza de atopala con vida, procurando non caer en falsas ilusións.
A novela remata sen solución policial. A inspectora logra soltar o lastre do pasado ao desfacerse da carpeta onde gardaba as noticias dun fracaso profesional que a marcara. A vida segue a devalar e o paso do tempo é quen de moer as tristuras máis resistentes.





Marcos Calveiro, Todos somos. Vigo, Xerais, 2013.

4 comentarios:

sini dixo...

Grazas polo resumen,levo case dous días buscando,pero so me viña o da parte de atrás do libro,moitas grazas.

revoltadafreixa dixo...

Agradecido eu. Alégrame que che teña sido útil. Así e todo, se aínda non tiveches tempo para rematar de ler o libro non deixesa da facelo. Paga a pena.
Saúdos cordiais.

revoltadafreixa dixo...

Quixen dicir "non deixes de facelo"; pero xa ves o que escribín. Paciencia...

Unknown dixo...

Moi bó o resumo!
Graciñas!!