Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature (www.galicianliterature.com) incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez (Luis Montero, El Correo Gallego, 03-01-2016).
Os elefantes representan a carga simbólica; están en perigo de extinción, son compasivos e intelixentes e deben enfrontarse ao risco que supón sobrevivir na natureza. A protagonista da novela é culta, unha muller preparada e amante do cine, é debe sobrevivir nunha sociedade que non lle dá as oportunidades que se merece (entrevista de Xosé Manoel Rodríguez, La Voz de Galicia, 04-01-2016).
- Montse Dopico, “Riveiro Coello: ‘A literatura non trata de pechar os feitos, senón de poñer en cuestión o establecido’”, Praza Pública, 07-01-2016).
O 5 de xaneiro de 1961 é un día grande na historia editorial de Galicia, concretamente na Galicia da diáspora. Ese día saíu do prelo, en Buenos Aires, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, relato que é un fito na narrativa do século XX galego (Luis Montero, El Correo Gallego, 05-01-2016).
Europa Express é unha novela psicolóxica na que hai un grupo de personaxes que viven unha experiencia traumática que condiciona as vidas dos protagonistas. Nese sentido é unha novela máis intimista cás anteriores, posto que afondar máis nos mecanismos psicolóxicos e na personalidade dos personaxes (Isabel Blanco, El Correo Gallego, 07-01-2016).
A editorial Toxosoutos vén de publicar Mar e lume, a antoloxía poética en galego de Maximino Cacheiro Varela. O libro reúne os sete poemarios galegos que reflicten o imaxinario simbólico e poético do profesor universitario a través do seu itinerario vital (Jorge Lamas, La Voz de Galicia, 07-01-2016).
Neste acto lembramos a figura de Castelao, fundamental na escena cultural e política galega da primeira metade do século vinte, que reflectiu na súa obra pictórica e literaria o compromiso que o unía a súa terra. Xa dixo Paz Andrade falando do seu amigo finado, que foi un home que traballou polo ben dos demais, pola sorte do seu pobo e pola ascensión do espírito (El Correo Gallego, 08-01-2016).
Tras este «proceso obsesivo» no que someteu a escrutinio cada palabra, era preciso coller aire. Mais respirar non semella unha función básica para quen procura o sen alento (Ana Abelenda, La Voz de Galicia, 08-01-2016).
Todo o patrimonio arqueolóxico galego está vencellado ao patrimonio inmaterial. Por exemplo, as lendas de mouros é a raza mítica á que se lle atribúe a construción dos castros, das mámoas, de calquera xacemento antigo que a xente identifica como algo que non fixeron eles nin os seus devanceiros. Dentro desta categoría están as mouras, que están moi unidas aos dolmens, ás mámoas, elas son as construtoras dos dolmens, portando as grandes pedras, mentres fían na roca e aleitan un neno (R. Castro, Sermos Galiza, 12-01-2016).
Adolfo Caamaño (Barro, 1959) ten publicado diferentes en varias editoriais do país, tanto de poesía como de narrativa, tanto para adultos como para nenos. No seu haber atopamos galardóns como o Manuel Murguía de Narrativa Breve en 2014, ou o Johán Carballeira en 1999 (Sermos Galiza, 12-01-2016).
- “Unha obra sobre o mito da moura galega gaña o XX premio Vicente Risco”, El Correo Gallego, 11-01-2016.
La obra [Soños de nenos] es, en palabras del jurado, un poemario de versificación ágil conformado por luminosas imágenes, todo un mundo de elementos tiernos y maravillosos, tejidos todos ellos por una persona que denota un perfecto conocimiento del alma infantil (El Correo Gallego, 24-01-2016).
É unha obra que reflexiona moito sobre a propia novela negra, sobre a experiencia de escribir. De feito, o protagonista é un escritor que tenta facer unha biografía novelada de David Goodis, un dos grandes mestres da novela negra norteamericana. Quizais sexa a novela máis metaliteraria, máis chea das referencias literarias e cinematográficas que a min me gustan (entrevista de Montse García, La Voz de Galicia, 25-01-2016).
Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral (El Correo Gallego, 26-01-2016).
Cortegoso ofrécenos dúas tramas paralelas ao redor dunha única mesa. Dúas historias que aparentemente non teñen relación, pero que se entrecruzan para rematar contando unha historia tráxica que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza ou a violencia (Alberto Ramos, Praza Pública, 29-01-2016).
Ningún comentario:
Publicar un comentario