3.2.15

Xesús Fraga, 'Reo'. Cuestionario

Imaxe: Reo, o blog.
Deixo este cuestionario sobre Reo, novela de Xesús Fraga, coa mala intención de que poida usarse como guía para os debates do club de lectura. 


CUESTIONARIO
  1. A primeira cuestión que se debate na novela é a do grafiti: arte ou vandalismo?
  2. ¿Como se reflicten na novela os efectos da crise económica?
  3. O protagonista está pasando a crise da adolescencia. ¿En que se apoia para superala?
  4. O grafiteiro ou “escritor” guíase por unhas normas de conduta non escritas. Poñédeas por escrito seguindo a lectura da novela.
  5. ¿Como se reflicte na novela a loita xeracional?
  6. ¿Como se trata na novela o mundo da emigración?
  7. Comentade o final do relato: ¿aberto?, ¿pechado?
  8. Cando o protagonista se atopa con traballos de seu pai mozo, ¿podería dicirse que se está atopando a si mesmo? (Véxanse pp. 100-103; 140-1).
  9. Na nosa literatura é doado atoparse coa figura da vella ou vello sabios. ¿Quen desempeña na novela este papel e por que?
  10. Se tivermos que etiquetar ideoloxicamente a Reo, ¿en que parte do abano ideolóxico o poderiamos situar?
  11. Se reparamos nos membros da familia do protagonista, ¿botamos algún en falta? ¿De que modelo de familia estamos a falar?
  12. Reo móvese ás veces guiado polo espírito da competitividade. Debátase este aspecto.
  13. Cando o protagonista pensa no futuro, ¿por onde encarreira o seu pensamento?
  14. Os rapeiros considéranse cronistas da sociedade. Debátase esta afirmación e coméntese se se pode aplicar a outras manifestacións artísticas destes tempos ou doutros máis recuados.
  15. Ao longo da vida relacionámonos con xente sobre a que cambiamos de opinión. ¿Acontece isto na novela? (Véxase, p. ex., p. 49).
  16. ¿Cal será a razón pola que o narrador non nos di o seu nome verdadeiro?
  17. ¿Os pais de Reo forman un matrimonio onde se reparten, implicitamente, os papeis?
  18. Comentade a imaxe da policía que se tira da lectura da novela.
  19. ¿Cales son os trazos característicos da postura rebelde de Reo?
  20. ¿Que idea se pode tirar da aquitectura urbana ao lermos esta novela?

Xesús Fraga, Reo. Vigo, Galaxia, 2014.

Ningún comentario: