18.2.15

J. Acuña (Filgueira Valverde), 'Agromar'

1
Agromar é un título ben significativo, pois recolle nunha palabra moitos dos degoros do galeguismo conservador  do primeiro terzo do século XX. Filgueira Valverde publica a obra baixo o pseudónimo de J. Acuña e asina o prólogo co propio nome. Dese prólogo cómpre salientar tres aspectos: a referencia a Losada Diéguez, espertador de conciencias e figura catalizadora do galeguismo; a clasificación da peza como teatro escolar; e o recoñecemento dese teatro como “inicial” e “necesario” para a nova Galicia que está a agromar.

2
A obra consta de dous lances e un remate.
  1. No primeiro lance dásenos noticia dun accidente entre un coche e un carro de bois. Morren os animais e o cristián que os guiaba. O chofer do automóbil queda malferido e precisa dunha transfusión. As mortes pretenden amañalas con indemnizacións, pero a transfusión xera máis problemas: o doador é un rapazolo da aldea e causa suspicacias entre os vilegos. Ademais, atravésase o asunto da recuperación dun can que atingue categoría de personaxe.
  2. A escena do segundo lance transcorre no pazo da Reigada, cuarto do convalecente. A historia vaise debullando en cinco escenas. Nito (señorito) e Xelo (doador aldeán) falan de traballos e coñecementos prácticos: enxertar, distinguir clases de árbores e froitos / cousas do señorìo (“a conversa bafúa, o facer que se fai, i-ese orgulo [...] esa fachenda de ser máis, de ter máis, que non sei de que vén”, p. 51). Chegan os “pitos cairos” co seu rebulicio e o seu castelán. Prodúcese un enfrontamente ideolóxico entre Nito e os outros catro “pitos”. Tamén recibe a visita dos rapaces da aldea. A familia rica propónse pagarlle os estudos a Xelo, como compensación pola desgraza que lle causaron co accidente e co engado da posibilidade de cambio social. Finalmente, don Enrique, o médico galeguista, fala das necesidades da Terra; entre elas, a de xente con estudos, enxeñeiros, médicos…
  3. No remate atopámonos coa conversión de Nito (señorito Juan) en Xanciño. A retesía verbal deste cun señorito marca as diferenzas aldea/cidade. Tamén aclara o concepto vilego de persoa: “Mi padre es un señor, viste de persona, tiene cheques en el bolsillo, se sienta en la acera del Casino a hablar de política, veranea, conduce su coche, fuma ingleses…” (p. 83). Xanciño estudará no estranxeiro e traballará na Misión Biolóxica. Oíu a “chamada da Terra”, segundo remata o mitin de don Enrique.

3
O didactismo e a ideoloxización os as características máis salientables da peza. Tamén o é a ausencia de personaxes femininas, pero cómpre sinalar que o “escolante” Filgueira pensou a obra para que fose representada polos seus alumnos, e daquela a escola non era mixta.
A peza xira sobre o eixo argumental da confrontación aldea / vila:
  • nos usos e costumes: traballo / folganza, vida de veraneo.
  • lingua: refráns e descoido na fala / castelán inzado de galeguismos. Falar galego / falar señorito. Voces como “irmanciño” na boca dos pitos cairos vén sendo unha forma despectiva de referirse aos galeguistas. Os señoritos atopan o galego “gracioso”, “cosa de criados” (p. 55).
  • consideración dos animais: como membros da familia / mascotas.
  • os falares dos vellos como fonte de aprendizaxe / o falar bafúo.
  • os cantares: Galicia, nai e señora / Pichi es el chulo que castiga.
  • as poses e os xestos: sacho ao lombo / cigarro na boca.
  • os locais: tabernas, viños e comidas / american bar, cabarets.
Como resumo deste mundo dicotómico: fronte ao señorito con falas de señorito temos o rillote que rouba mazás, fuma mataquintos, salta sebes, xura… O punto de equilibrio represéntao o médico galeguista don Enrique quen, aínda “que se le da por el gallego”, “fala coma un libro”.

4
Dictiografía

J. Acuña / Filgueira Valverde, Agromar. Farsa pra rapaces. Lugo, Palacios, 1936.
Personaxes: 11 (todos masculinos) + un can.

Ningún comentario: