28.2.15

Noticias de literatura-158. Febreiro de 2015

Rastros fala dun protagonismos colectivo, da explotación laboral desde a perspectiva das vítimas. Co concepto rastros fronte a rostros quérese sinalar a invisibilidade das vítimas. Só hai dous nomes propios no libro, o da percebeira Mercedes Veiga que morreu por non ser atendida a tempo e o do indixente O Pichón que apareceu morto na súa casa. Do resto, todos son sen nome (Carme Vidal, Sermos Galiza, 01-02-2015).

Ana Romaní tiña 25 anos cando vía a luz Palabra de mar. Aínda que recoñece que sempre tivo unha gran paixón pola lectura, a noiesa non acerta a lembrar cando comezou o seu idilio coas rimas: «Só sei que sendo unha cativa adoraba a obra de Rosalía de Castro. Non sei como chegou a min o libro, só que o atopei na casa por casualidade e quedei prendida del» (M. X. Blanco, La Voz de Galicia, 01-02-2015).

Con motivo da celebración, que aínda dura, ao redor de A esmorga, e en recordo do trinta e cinco anos da morte de Blanco Amor, María Xosé Queizán vén de publicar en Editorial Galaxia (a casa editorial de Blanco Amor, como ela mesma di) unha novela curta que talvez non sexa unha novela, senón un conxunto de fermosas revelacións, con Chile ao fondo (José Mguel Giráldez, “Blancoamoribundia”, El Correo Gallego, 07-02-2015).

Xohán Cabana considera que Dante «é o gran poeta do mundo, non atopei un libro no que estivese concentrada tanta humanidade como na Divina Comedia; se non é o mellor libro do mundo, é o libro individual de humanidade máis densa, máis cheo de condición humana, é unha auténtica xoia» (Rodri García, La Voz de Galicia, 05-02-2015).

Ovella descarreirada acolle un feixe variado de animais e temáticas complexas que encaixan unhas noutras para dar forma a unha especie de cosmovisión. Cada un dos animais protagonistas négase a tomar o camiño previsible ou agardado (Berta Dávila, El Correo Gallego, 11-02-2015).

Neira Vilas subliñou que ámbolos tres traballos comparten «un mesmo ton e afán evocador», títulos monosilábicos e unha forma poética (La Voz de Galicia, 12-02-2015).

É 1934, e a cidade recomponse tras o intento frustrado da proclamación do Estado catalán, nos días do estourido da revolución de Asturias. Coa loita de clases en plena efervescencia, os depredadores volven impoñer a súa lei. E Faraldo vese envolto na investigación dun asasinato e dunha desaparición que non son o que parecen. Diso vai Olympia Ring, 1934 (Galaxia), a nova novela de Xabier López (Motse Dopico, Praza Pública, 14-02-2015).

A lectura desta edición permite ler a Manuel Antonio do seu puño e letra, e coñecer mellor unha obra que se caracteriza pola «audacia, constancia e teimosía». Para Axeitos, nisto foron decisiva as reaccións negativas que suscitou o manifesto Máis Alá, de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro. «Fronte os que dicían que non tiña obra, púxose o reto de demostrarse, de ser capaz, a través dun traballo constante e sistemático» (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 16-02-2015).

Pierre corre A Diagonal dos Tolos, unha carreira case suicida, na illa Reunión, para gañar o dereito a recibir a súa herdanza e fuxir dun pasado familiar que doe. No mesmo lugar, e noutro tempo, o escravo P. loita por sobrevivir mentres o perseguen os seus amos. As vidas de ambos están unidas pola historia colonial (Montse Dopico, Praza Pública, 20-02-2015).

Este 24 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, repodúcense dunha beira a outra de Galicia (e mesmo alén do Padornelo) as accións de homenaxe á poeta, que neste ano mesmo chegaron á porta de Google, a través dun celebrado doodle (Praza Pública).

El nuevo formato de edición digital del Consello da Cultura Galega permitirá la consulta de sus publicaciones desde cualquier dispositivo electrónico, de modo que el contenido se adapte a las características del aparato y al tipo de pantalla, sean teléfonos móviles, ordenadores o tabletas. Las primeras serán las actas de los congresos sobre Alvaro Cunqueiro y Rosalía de Castro, de 2011 y 2013, respectivamente (Vicente Plaza, El Correo Gallego, 28-02-2015).

Sobre Os días condenados, un poemario construído a base de citas que abren a porta ás distintas partes do libro, subliñou a súa «vocación narrativa» en canto que conta «unha historia de amor e desamor» xunto con outros temas coma o sexo, o abandono, a identidade ou a memoria (La Voz de Galicia, 26-02-2015).

Un home de 90 anos, Eliseo Sandamil, encárgalle a Nivardo Castro que investigue a súa morte cando esta se produza. Porque ten inimigos que o queren morto. Xa que o pasado non perdoa. E a memoria tampouco. Así comeza ‘A vinganza do defunto’ (Montse Dopico, Praza Pública, 27-02-2015).

Luís Valle, As cicatrices do Sol , Premio Lueiro Rey de Poesía
“Percorre, con dicción poderosa, as realidades máis universais: o amor, a dúbida, a esperanza, a orfandade, o pasar do Tempo”, sinalan na acta na que tamén destacan a súa “elaborada rede simbólica” e a “arquitectura de gran solidez na que predominan as fórmulas breves, ancoradas nunha disposición gráfica inusual, que corta a cantil a liña escrita e pauta en curto o fluír dos períodos” (Sermos Galiza, 27-02-2015).

Ningún comentario: