Reo é o nome de guerra dun mozo urbanita: “Só teño 17 anos e son un rapaz de barrio” (p. 15). Nunca nos dirá o nome que figura no dni. Pouco importa. O principal é que Reo está a piques de pechar dúas etapas na súa vida: a da adolescencia e a de graffiteiro.
Iniciamos a lectura da novela cun Reo enfrascado na loita por manter o control do seu territorio a golpe de tags, guiado pola teimosía de non ceder un metro a ningún posible rival: se o rei claudica, acabará sumido no esquecemento. Cada “escritor” procura eliminar os posibles rivais coutándolles o espazo para a expresión artística.
A vida do graffiteiro tórnase clandestina porque a faceta artística o converte nunha persoa distinta que vive canda a real. Tamén hai xente que identifica o graffiteiro como gamberro e presenta denuncias ante a policía, á que non lle queda outra que vixiar. Se a policía o detén, supón a fin do fraffiteiro.
En primeira persoa, Reo vai contando a necesidade de “escribir” e describe os distintos aspectos da tarefa. Paso a paso introduce o lector no seu mundo: a panda e as peculiaridades dos seus membros, a aparición dun novo rival que desata a guerra de graffiteiros, o barrio no que vive, a familia e as ocupacións e gustos, a elección de carreira ao que remate o bacharelato, o namoro, a detención, a fuga para axudar a moza, o retorno á casa despois da segunda detención, o cumprimento do castigo, a morte e enterro do veterano da panda e a asunción de que Reo ten que deixar o sitio para que o ocupe a persoa que figure no dni.
2
Os 13 capítulos de Reo desenvólvense linealmente no tempo reducido do derradeiro curso do bacharelato. Preséntanos o narrador protagonista no cumio da actividade que lle dá sentido á súa vida. O relato sérvenos unha reflexiva exposición sobre o graffiti dende a óptica dun activista: concepto, sentido, finalidade, terminoloxía, técnicas, percepción social…
A novela comeza in media res e, aparentemente, tampouco ten final porque quedamos co protagonista á espera dun futuro incerto. Neste sentido, o autor adopta unha técnica acaída ao período psicolóxico descrito, impreciso no inicio e no remate. Pero o feito de escoitar no funeral o nome verdadeiro de Chagui sérvelle a Reo para enterrar esta etapa da súa vida e prepararse para a seguinte, sen remorsos nin pena. O rapaz aprendeu en cabeza allea que manterse sempre na mesma etapa vital significa aniquilarse como persoa. Esta parece ser a mensaxe.
Ademais da crise da adolescencia, outra crise percorre as liñas desta novela: a económica e social que estamos a padecer estes últimos anos. A perda do traballo converte o pai de Reo nunha especie de zombi familiar; malia a actitude rebelde do rapaz, a desgraza social esperta un sentimento de comprensión e simpatía polo pai e lévao a descubrir que se parecen máis do que pensaba: descobre que tamén pintaba cando mozo e dóese do tempo que ambos os dous se escamotearon.
O avó é o personaxe máis lúcido á hora de enfrontarse a ambas as dúas crises. Malia botar a vida metido no soto de traballo, amosa unha clara visión do mundo que lle tocou vivir e a súa experiencia serviulle de guía ao fillo e ao neto.
As relacións que os personaxes establecen entre si baséanse nos principios clásicos de familia, amizade, amor de parella.
No grupo de mozos nos que se integra Reo son ben visibles as diferenzas económicas, pero o sentimento de amizade, o sentimento artístico e o feito de se constituíren grupo marxinal na discoteca okupada dilúe esas diferenzas de clase.
4
Dictiografía
- Reo, unha novela de Xesús Fraga, o blog.
- “Xesús Fraga gaña con Reo o Premio Raíña Lupa”, La Voz de Galicia, 29-7-2013.
- “Xesús reflexiona en Reo sobre cambios e inquietudes de la juventud”, ABC, 15-12-2014.
- “Reo, de Xesús Fraga”, Caderno da crítica.
- “Reo. Xesús Fraga”, Bouvard e Pécuchet.
- Laura Blanco, “Nova proposta de Galaxia”, El Correo Gallego, 09-01-2015.
- Reo, blog Editorial Galaxia.
- Reo, en Trafegando Ronseis.
Xesús Fraga, Reo. Vigo, Galaxia, 2014.
Ningún comentario:
Publicar un comentario