15.8.13

Xabier Paz. Renacer

Cando morre Pietro Aretino, figura importante do Cinquecento, a súa filla Adria revisa os
documentos que deixara agachados en cartafoles. A rapaza ansía reencontrarse co seu pai, agora finado, e desexa coñecelo en todas as súas facetas: pública e privada, pai e personaxe, a persoa que foi e a que puido ter sido. A disección da figura paterna tamén lle servirá a Adria para explicarse a si mesma, entender as súas propias contradicións.
A noite que Adria pasa entre os papeis de seu pai sérvelle para repasar o que foron as súas vidas, reflexionar sobre o porqué de moitas decisións transcendentes, esculcar nos principios que rexen a sociedade do Cinquecento, criticar a súa hipocrisía, valorar os grandes logros artísticos, dar unha visión humana dos seus artífices.
Xabier Paz recrea en Renacer a sociedade italiana do Rinascimento e expón os seus temas candentes, entre os que destacan o concepto da arte, a polémica da lingua, a actitude ante a morte e a enfermidade, os matrimonios concertados, a liberdade da muller, a sexualidade... Temática que, con enfoques máis ou menos diferentes, non é estraña no mundo de hoxe.
No tempo en que nos deixa Pietro Aretino sopran ventos contrarreformistas e as mans da filla deitan na lareira os documentos máis comprometedores.


Sitiografía

Xabier Paz, Renacer. Vigo, Xerais, 2008.

Ningún comentario: