4.4.12

Paco Roca. Engurras

Imaxe: El Patito Editorial
A novela gráfica Engurras é unha homenaxe ós vellos. Céntrase na figura de Emilio, antigo director de sucursal bancaria, a quen o alzhéimer lle vai comendo o sentido ó tempo que a paciencia do fillo e da nora.
Intérnano nunha residencia de anciáns. Emilio, mal que ben, vaise afacendo a este novo fogar. Fai amigos, déixase levar por algún deles e vive aventuras propias de neno traste. Nos momentos de lucidez amósanos unha visión crítica e amarga dunha situación que, se hai sorte, nos tocará vivir algún día.
Emilio padece alzhéimer, pero na novela gráfica recóllese un amplo abano de alifaces propios da senilidade. Mesmo hai un andar na residencia ó que todos miran con receo, porque é a onde levan ós que non se poden valer. E de aí non se retorna.
Mais non todo é amarguexo da vellez. Os personaxes rezuman tenrura, experiencia, desconfianza, pillería e ansia de vivir. Teñen unha capacidade de prestar axuda ó compañeiro digna de admiración.
Imaxe CRTVG
Tampouco se lle aforran ó lector os aspectos comerciais das residencias de anciáns nin os remorsos das familias cando deciden internar os seus vellos neste tipo de aloxamento.
De entre os personaxes cómpre salientar a Miguel, compañeiro de cuarto de Emilio. Será o seu cicerone na residencia, quen o guíe por esa casa tan grande na que Emilio se sente perdido, quen lle conte a historia resumida dos residentes cos que se van atopando e quen lle explique o valor dos xestos aparentemente carentes de sentido.

Falan da obra:


Paco Roca, Engurras.Santiago, El Patito Editorial, 2012.

Ningún comentario: