8.8.11

Manuel Lourenzo González. Irmán do vento

Imaxe: Xerais
1. Irmán do vento cóntanos a historia de Khaled na súa propia voz. Preséntanolo o doutor Meira (Al-Galego), arqueólogo, que o coñecera con catro anos e que se despide del con 16 (maioría de idade para os koblai) cando marcha da aldea para pórse a salvo do exército norteamericano e mais para procurarse un futuro que, nese momento, é un soño.
A historia que se nos conta ten un marco cronolóxico preciso e céntrase maioritariamente nos anos da segunda guerra de Iraq. Un Khaled aínda neno vainos narrando o seu espertar á vida nun caderno que lle regalaran para ir adestrándose como contador de historias. A través das cartas que lle dirixe ao seu amigo Alberte --un fillo imaxinario do doutor Meira--, o lector vai tendo noticia da familia de Khaled, do lugar onde viven, dos medios de vida, da xerarquización do clan, das segundas nupcias do pai, da rapaciña que lle gusta e, sobre todo, dos rumores de guerra.
O protagonista atópase nun momento crucial: ten que aprender a ser home. A guerra vai ser o elemento catalizador polo que Khaled deixará de ser o neno da broma das ras para converterse no heroe capaz de traer o corpo do pai para que repouse entre os seus.
A guerra supón o esfarelamento da vida cotiá e o estrago de moitas vidas e familias. Mais ao noso protagonista, que sempre foi un neno preguntón, faille caletrar en temas coma o da identidade, o medo, a dignidade, o sacrificio polo país, os parasitos sociais, o sentido da vida... A guerra, afortunadamente, non lle dá acabado cos soños nin coas ilusións.

2. Irmán do vento, á parte de ser unha novela de denuncia, tamén é un relato de aventuras, especialmente a partir do capítulo 13, onde temos noticia da desaparición do pai de Khaled e o rapaz comeza a matinar no xeito de dar con el ou co seu corpo para traelo de volta.
Esta parte da novela constitúe toda unha viaxe iniciática. O protagonista escapa da casa sendo neno e retorna feito un home e coa misión cumprida. O autor faino coincidir coa data do aniversario que significa a maioría de idade.
A viaxe na procura do pai pon o rapaz en contacto con outros modos de vida e amósalle tamén os estragos que a guerra lle causa ao país.

3. Do outro lado do espello do relato principal está o conto que Khaled vai construíndo como
Foto: Xoán Carlos Gil / La Voz de Galicia
exercicio literario. Ese conto garda evidente paralelismo co relato principal e no seu argumento cúmprense aqueles soños que se frustran na vida “real”. Péchase cun final feliz que contrasta co final aberto da novela.

4. Ademais do conto, esparexido ao longo do relato, na novela aprécianse dúas partes. Unha formada pola introdución e mais o epílogo, onde a voz do doutor Meira conta o propósito da novela, presenta o protagonista, enmarca cronoloxicamente e remata a historia. A outra parte, que consta de 24 capítulos, consiste no caderno co que Khaled vai escribindo a súa propia historia para que algún día a coñeza o amigo Alberte, fillo imaxinario do doutor.

5. Do punto de vista temático, cómpre salientar a reflexión que se fai sobre os propósitos das guerras, sobre a diferenza de culturas e sobre a consciencia de identidade como pobo.

6. Outras lecturas


7. Para coñecer o autor

Etiquetas: , , ,

Ningún comentario: