22.8.11

Ana María Fernández, Historias que contan as paredes

Historias que contan as paredes é un precioso libro que cómpre ler dende a sensibilidade. Componse de 43 microhistorias -se non contamos mal- aparentemente sinxelas, pero que agachan retallos de vida ás veces moi complexa.
O título pode resultarlle enganoso ó lector. Non se pense en historias contadas co berro dun graffiti, senón no espazo físico no que transcorre calquera vida: as paredes da casa, do cuarto, unha ventá, unha horta, un autobús... En fin, calquera obxecto ou animal ou espazo familiar tórnase testemuña de retallos de vida e pode dar fe de aspectos que lle pasaron desapercibidos ó protagonista que os viviu. Por exemplo: o moucho que vixía os amores
novos, as saudades vellas, as alegrías e as tristuras que reúne unha festa; o cuarto do hospital, que sabe dunha conversa inacabada; o autobús e o condutor, que acaban coma sendo un... En definitiva, retallos das nosas vidas que seguen latexando, sen límites temporais,  nas paredes e nos obxectos que nos rodean, que se impregnan da nosa vida, que nos axudan a superar medos, que nos gardan segredos, que nos protexen.

Falan da obra:




Ana María Fernández, Historias que contan as paredes. A Coruña, Everest Galicia, 2008. Ilustracións de Manel Cráneo.


Etiquetas: , ,

Ningún comentario: