17.1.11

Presentación de "Cabalos do demo e outros invertebrados", de Isidro Novo

Deixo aquí pegado o correo que amablemente envía a Editorial Trifolium dándonos noticia da presentación de Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo. Neste mesmo documento dánsenos breves datos biobibliográficos de interese.
Velaí quedan.

Editorial TRIFOLIUM
Rúa do Hórreo, 2
15171 Iñás-Oleiros (A Coruña)
Tel. +34 660 530 525 
editorialtrifolium@gmail.com 
www.editorialtrifolium.com 
editorialtrifolium.blogspot.com



En Iñás-Oleiros (A Coruña), xaneiro de 2011


Presentación en Lugo do libro

CABALOS DO DEMO E OUTROS INVERTEBRADOS
 de ISIDRO NOVO

O vindeiro xoves día 20 do mes que andamos, ás 20,00 horas, vai ser presentado na Libraría Sargadelos de Lugo (Praza de Sto. Domingo, 4) o libro Cabalos do demo e outros invertebrados, do que é autor  Isidro Novo, publicado pola Editorial Trifolium na súa colección Litterae.

No acto de presentación o autor estará acompañado polo escritor Antonio Reigosa e polo editor do libro, Xan Arias




“Como cando tes fillos espallados por diferentes localidades e un día queres reunilos”, foi a idea que levou a Isidro Novo a reunir nun volume os cinco relatos, de temática diversa, que compoñen este libro. No primeiro deles, Cabalos do demo, subxace a lembranza real das estadías infantís e adolescentes do autor na bisbarra viveirense á que pertence a súa familia. O relato foi ganador do IV Certame Manuel Murguía de Narracións Breves alá polo ano 1995. Os outro catro relatos compoñentes do libro foron escritos para diferentes conmemoracións, sendo o derradeiro publicado no seu día nun xornal galego.

O libro está ilustrado na cuberta pola pintora galega Ánxela Pérez Meilán.


O Autor

De ascendencia mariñá, Isidro Novo é un lugués que agás pequenos parénteses sempre residiu na súa cidade de nacemento.

O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convérsese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado en 1994, sería o seu primeiro título individual. Seguiríalle o western Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa.

No 99 sae a rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerán, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte.

En tempos fixo radio (“Gomorritas e novas criaturas”) na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (“Guía do bebercio lugués” 92 e 95).

Últimamente e co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) impulsou a sección de recuperación do idioma “Palabras con memoria”, visible na web da devandita asociación.



Etiquetas: , ,

Ningún comentario: