1. Na primeira parte coñecemos a Antón Queguas, mestre (non frustrado) de profesión, que chega a unha casa de turismo rural onde quedara citado coo súa noiva Lidia.
As cousas comézanlle a torcer cando recibe carta dun avogado sobre asuntos relacionados coa súa futura paternidade. Coméntalle á súa moza a denuncia por embarazo e aínda que sostén que non tivera nada coa camareira,as probas de paternidade certifícano como pai. As evidencias están na súa contra e procura probas que demostren a súa inocencia. Non as dá atopado. Perde a moza e os amigos e as parellas retíranlle a palabra. Antón Queguas acaba por volver á casa de turismo rural para falar coa camareira Ubaldina e coñecer o fillo. Acaba vivindo con ela. O protagonista móvese como levado polo destino. Vive unha resignada felicidade.
2. Na segunda parte escoitamos a voz de Lidia, pintora e marchante de arte. No seu relato mestúranse aspectos da vida privada, os esforzos para asegurar o éxito laboral e as reflexións sobre a experiencia vivida con Queguas, marcadas por un certo resentimento. Nunha das viaxes de traballo, detense onda unha leira de millo e decide probar unha escopeta que un tío vello lle deixara en herdo. O espantallo ó que lle disparara resultou ser un home. Seguiu coa súa vida sen grandes remorsos de conciencia. Fai a venda de cadros que ela mesma consideraba invendibles. O crime cárganllo a un veciño.
3. Na terceira parte, unha voz omnisciente nárranos a vida de Luciano Bendaña dende que sae do cárcere polo asasinato que fixera a pintora. Luciano, que fora xoieiro, tenta refacer a súa vida coa axuda da familia e dos amigos. Ata decide visitar a súa antiga casa da aldea. Reencóntrase cos veciños e coa familia “inimiga”. Os fillos do asasinado agradécenlle que os librase do besta do pai. Ninguén parece acreditar na súa inocencia, malia recoñecer que o xuízo fora unha chambonada.
A vida non se lle dá endereitado. Un amigo cre que a muller lle pon os cornos co párroco e pídelle a Luciano que o mate: pagaralle o traballo e asumirá as culpas. Luciano segue o plan que lle preparara o amigo para desfacerse do párroco, pro decóbreno e detéñono. Remata o relato laiándose do absurdo da súa vida.
4. O primeiro que sorprende ó lector nesta novela é xustamente este laio de Luciano Bendaña: o absurdo da vida. Ningún dos tres protagonistas a controla. Sos os feitos que lles ocorren os que deciden por eles e os personaxes amósanlles unha vontade moi esmorecida. O absurdo acaba por facerse dono destas tres vidas que se van desenvolvendo ante os ollos do lector. No caso do terceiro protagonista aínda se fai máis patente ó non ser el o narrador. O autor cambia nesta parte o narrador-protagonista das dúas primeiras por un narrador omnisciente alleo ó personaxe.
Tamén é diferente o ritmo narrativo das dúas primeiras partes fronte ó da terceira. Naquelas, os feitos narrados van acontecendo sucesivamente; nesta, semellan desencadearse en poucas horas.
Consideramos importante o trato que o autor ofrece ós lectores no “aviso” inicial. A lectura, convertida nun xogo de complicidades, resulta máis gorentosa.
5. Sitiografía
Noticia da concesión Premio Repsol de Narrativa Breve en:
- La opinión.
- El País.
- ABC.
- Editorial Galaxia.
- Xornal de Galicia.
- Mujer hoy.
- Comentario de Gemma Malvido: “A melancolía galardoada”.
Artigos e entrevistas:
- "A lóxica do absurdo": recensión en Criticalia, blog de Armando Requeixo. Sitúa a novela na liña psicoloxista do autor e analiza as relacións lóxicas dos fíos que enlazan as tres historias.
- Ramón Nicolás: “Os fíos, de Xurxo Sierra”.
- Os fíos: presentación editorial.
- Xurxo Sierra Veloso fala con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe.
- Narrativa de final de 2010. Artigo de Dolores Vilavedra.
- Sierra Veloso: entrevista en La Voz de Galicia.
- "Os meus protagonistas caen mal": entrevista co autor en A Nosa Terra (21-02-2011).
Xurxo Sierra Veloso, Os fíos. Vigo, Galaxia, 2010.
Etiquetas: Sierra_Veloso, Os_fíos
Ningún comentario:
Publicar un comentario