Cando Lázaro é resucitado, Xesús pídelles ós presentes que o liberen da mortalla e que o deixen ir. Os que fomos criados na fe católica non nos preguntamos máis que foi de Lázaro. O interese do milagre non estaba en coñecer a vida do afortunado. Mais nesta novela, Paula Carballeira expón os posibles problemas que se orixinarían se os falecidos fosen devoltos a este mundo cunha especie de sucedáneo de vida.
Non tarda moito o lector en decatarse de que a autora non parece moi convencida das bondades de sacar os mortos da cova e mandalos a camiñar polo mundo. Neste sentido engancha cunha vella liña de pensamento que considera como castigo unha eterna vida terreal. Lembremos algunha prosa de Castelao que nos ensina que o peor castigo que lle podemos pedir a un inimigo é que viva ata sobrevivirse. Así Paula Carballeira, nunha escena chea de plasticidade e humor, faille dicir a un dos personaxes:
"Estou seguro de que se acontecese hoxe o episodio de Lázaro, alguén lle taparía a boca a Xesús para que non pronunciase as palabras que levarían ao outro a erguerse e a camiñar" (p. 22).
2. Cóntanos, pois, a historia de Lois des que morrera dun accidente: pisa unhas espinacas, esvara, cae polas escaleiras e esnócase. No mesmo día do enterro, Noelia sácao da cova valéndose dun escoxuro collido do Libro dos Mortos (literatura islandesa).
Para desgusto da rapaza, os ollos de Lois están sen vida. Por onde pasa o morto ambulante vai deixando un arrecendo a terra fresca e un ambiente xélido. O seu carácter tornouse retorcido. Anda como a procura de formar unha familia de mortos viventes e a súa presenza provoca acusadas alteracións na memoria e comportamento dos vivos e desarranxos nos obxectos.
3. O relato desenvólvese de forma polifónica: contribucións das voces dos protagonistas, informes, anacos de libros, conversas, cibercorreos, cartas, novas do xornal...
Papel salientable no desenvolvemento da trama téñeno a Empresa e mais o seu representante (Alexandre Doval). O lector quedará sen saber se a Empresa e os seus representantes son invento dunha mente atolada. Con todo, os "traballos" da Empresa consisten en procurar que os mortos sigan sendo mortos.
Os dous últimos capítulos resultan inquietantes para o lector, que queda sen ter moi claro en que mundo se moven os personaxes cos que acaba de tropezar.
4. Falan da obra:
- NetClub publica unha entrevista con Paula Carballeira, na que fala do conto, do público infantil e anuncia a publicación desta novela.
- Isabel Soto fai unha recensión da obra no portal do Consello da Cultura Galega.
- No blog Fomento lector, a autora responde ás preguntas que lle fan rapaces de segundo e terceiro.
- En Galicia Dixital vén o currículum e mais a bibliografía de Paula Carballeira Cabana.
- En Vieiros atopamos coa noticia da concesión de premio Manuel María de teatro. Tamén no Xornal de Galicia.
- Na páxina de Baía Edicións hai unha pequena ficha dos traballos en teatro, televisión e radio de Paula Carballeira.
- A entrada que a autora ten na wikipedia precisa unha boa ampliación (decembro 2008).
- A Nosa Terra recolle a nova dunha entrevista publicada polo un xornal ecuatoriano El Comercio na que Paula Carballeira fala do conto ecuatoriano en comparanza co conto galego.
Paula Carballeira, A era de Lázaro, Vigo, Galaxia, 2004.
Imaxes: Editorial Galaxia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario