22.12.08

Noticias de literatura (51)

Manuel Janeiro presenta A fada das lapas. Na presentación da obra, Ramón Nicolas di que o libro "propón unha parábola sobre o amor e as súas
escravitudes, a proxección nos fillos, as relacións de parella: unha
parábola do noso tempo, moi pegada á contemporaneidade, mais construída
a partir da recreación dos mitos clásicos, facendo unha nova e moi
suxerente lectura dos mesmos" (Xornal de Galicia, 14.12.2008).

Ás voltas coa casa de Castelao: Abuín de Tembra opina que xa vai sendo hora de que fose declarada ben de interese cultural.
Lorca, ese gran poeta que non tivo noxo a manifestarse en galego, difúndese na rede. A noticia (que lemos en La Voz e mais no Faro de Vigo) salienta tres páxinas: a da Fundación Federico García Lorca, a da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e a do Archivo Federico García Lorca.
Preséntase A batalla do paraíso triste, novela de Xosé Ramón Pena. Na entrevista publicada no Galicia Hoxe, o autor salienta as actitudes ante a lingua.
Xesús Constenla recolle na Estrada o premio García Barros 2008 que gañou coa novela titulada Shakespeare destilado. Segundo o autor, trátase dun longo monólogo desmitificador da literatura. Sobre a concesión deste premio xa lembramos as noticias de xullo publicadas no Galicia Hoxe: "Á espera do lusco fusco" e "Xesús Constenla desmitifica a literatura na súa nova obra".
Podemos ler en galego A elegancia do ourizo, de Muriel Barbery. A tradución de María Dolores Torres París edítaa Galaxia. E tamén podemos ler a Sergi Pàmies (Se comes un limón sen facer xestos), traducido por Antón Dobao. Ós autores citados podemos xuntarlles Platón e Freud.
Marcos Calveiro, finalista do Casino de Santiago con Festina lente "unha novela histórica que recrea a cidade de Santiago dos séculos XVI e
XVII. Segundo explicou o xurado, esta novela foi elixida como finalista
pola"boa documentación" que "presenta moi ben a situación do Santiago
desa época", a Galicia urbana, o contacto con Europa a través dos
portos e a oposición ás ideas de modernización por parte de certos
poderes sociais" (Galicia Hoxe, 19-12-2008).
Recuperar as perdas, de Xabier Xil Xardón, premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que outorga o concello de Dodro. En palabras do autor, "este poemario leva o selo de todos os que levamos a bagaxe da Limia e
do que esa terra perdeu, pero amplíase para ser unha metáfora de todas
as perdas do país galego, que debemos recuperar"(Galicia Hoxe, 22-12-2008).
______________
Imaxes deXornal de Galicia e La Voz de Galicia.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Ola! Quería acceder ás miniquest do blogue para facerlles un enlace desde Na punta da lingua, pero indícame que a páxina non existe. É o segundo día que o intento e segue dándome o mesmo erro. Supoño que non son de acceso restrinxido porque non vin indicacións nese sentido.
Parabéns, novamente, por este blogue e ánimo para continuardes o traballo.
Un saúdo
Rosa Salgueiro