O título vén dado pola distribución do campo de Les Barcarès: "Illote P, barracón 16 será de aquí en diante o punto de referencia do novo aloxamento en Les Barcarès e o enderezo que lles comunicaremos aos nosos familiares e amigos" (p. 41). Gaiola de ouro en comparanza co de Saint Cyprien, pero sen deixar de ser presidio.
Santiago Rodríguez Salinas conta neste libro a peregrinaxe dos republicanos españois derrotados polos campos franceses de Saint Cyprien, Le Barcarès, Argelès-sur-Mer, Toulouse e, novamente, Argelès. O relato segue a cronoloxía dos feitos: saída de España; condución coma rabaño á praia de Saint-Cyprien; organización da concentración cos agravantes da suspicacia e da miseria (ausencia de condicións de habitabilidade, falta de comida e auga, indisposicións por debilidade e mala saúde: a disentería fixo unha feroz estragueira nos refuxiados). Entre os recursos para sobreviviren está o comercio e o trapicheo cos poucos bens que se poden levar ao lombo, a astucia para estafar os soldados brancos ou senegaleses... Pero as máis das veces os refuxiados eran despoxados das súas últimas posesións.
A carón do campo principal de Saint Cyprien montouse outro máis pequeno para os que desexaban volver a España. Aquí traza o autor a diferenza entre os idealistas e os que foron levados pola enxurrada dos acontecementos. No mesmo senso apunta o magro éxito da campaña de recrutamento de españois para a Lexión Estranxeira: os refuxiados loitaran por un ideal, non por unha paga; así o demostrou o alistamento voluntario de españois cando os nazis invadiron Francia. Aos que desexaban volver recomendábaselles conseguir padriños que os avalasen como xente de ben e bos españois. O tempo demostrou que eran máis trapela de cazador que protección para o regreso.
O cambio para o campo de Le Barcarès, mellor equipado, comporta unha vida menos dura pero tamén un cambio de concepto: de campo de refuxiados a campo de concentración. Así e todo, dentro das arameiras os exiliados tentan imitar unha vida normal, o máis parecido á vida nunha sociedade que convive en paz. Repártese a pouca comida, procúrase ocupar o moito tempo libre, organízanse celebracións, equipos de fútbol, improvísanse charangas, xorde un minúsculo comercio, prodúcense obxectos artísticos artesanais... Mais tampouco non faltan os ramallazos da España cainita que asoma tanto nun partido de fútbol coma na confrontación da ideoloxía política:
E como os españois parece que estamos condenados a dividir drasticamente en dúas as nosas opinións, negando toda virtude á parte contraria e atribuíndo as máis exquisitas esencias da veracidade ao noso propio pensamento, de onde xorden as dúas Españas irreconciliables, tamén aquí, seguindo esa intransixente actitude carpetovetónica, foron dous os equipos causantes do cisma [...] (p. 65).
Aínda coas lixeiras melloras do campo de Le Barcarès, as penurias son o pan de cada día e as pillerías para ilas caneando, malia resultaren creativas, supoñen penalizacións ao seren descubertas. A invasión de Francia polos nazis carrexa desconfianza, maior control e arbitrariedades para os refuxiados republicanos. Supuxo tamén o traslado ao campo de Argelès-sur-Mer, naquela altura ruinoso e abandonado. O frío e a fame cóanse polas fendas das paredes dos barracóns. con todo, a celebración de festas sinaladas como boamente se pode (o Nadal, por exemplo) axuda a manter o ánimo e a esperanza.
O recrutamento xeral decretado en Francia converte a moitos exiliados en soldados da lexión estranxeira ou obreiros industriais. Para o noso memorialista supón o remate da primeira "estancia nos campos de concentración franceses que durara catorce meses e medio" (p. 120).
O novo oficio non supón o remate da situación de provisionalidade. As longas xornadas laborais esixidas polo esforzo da guerra rematan co descanso nuns incómodos barracóns. As penurias alcanzaban tamén a aqueles exiliados que lograron formar un simulacro de vida familiar en vivendas alugadas.
As xornadas laborais son longas e esgotadoras, pero aínda así queda algún tempo de lecer que se ocupa en "deambular dun lado para outro" (p. 149) polas rúas e cafés de Toulouse (Square Wilson, Pont Neuf, alameda de Jean Jaurès, rue du Canal...).
O avance imparable do exército xermano provoca a chegada de refuxiados belgas. O día da sinatura do armisticio franco-alemán os españois son despedidos do traballo e concentrados novamente en Argelès-sur-Mer. Como represalia por unha lea cun soldado senegalés, na que o noso narrador non participara, un grupo de españois foi entregado ás autoridades franquistas. Caéronlle dous anos e medio en batallóns disciplinarios e medio máis de "servicio" militar obrigatorio.
Aquí pon fin ás súas memorias de refuxiado, vistas dende tempos de paz e democracia, narrados co ton e ánimo de quen ten sobrevivido a duras probas que non llas desexa nin aos inimigos. E non remata estas memorias sen un sentimentos de comprensión e agradecemento para as autoridades francesas que, malia o trato duro e inxusto propiciado aos refuxiados españois, practicaron "o nobre exercicio do dereito de asilo que sempre distinguiu o pobo francés" (p. 167. Outros fixeron menos. Tampouco precisa o lector moita imaxinación para supor como sería o ton e o ánimo do relato se o autor nos contase a experiencia dos tres anos de estancia nos campos españois.
As descricións de espazos e situacións preséntaas o narrador espidas de detalles, pero resultan abondo claras para que o lector vexa a magnitude da traxedia vivida polos refuxiados republicanos perdidos no espazo e no tempo:
A nosa vida transcorría monótona e aburrida, tendidos a maior parte do tempo sobre a area, que sempre foi elemento característico dos campos de concentración franceses de refuxiados, establecidos en longas praias sen vestixio ningún de vida vexetal que rompese a desértica aridez do panorama (p.33).
Nunha prosa clara e sinxela conta situacións dramáticas coma quen fala de feitos anódinos e cotiáns. O recurso ao humor permite crear esta sensación narrativa.
Á parte do inicio do exilio son poucas as datas que nos dá o autor, pero abondas para situármonos no contexto europeo do momento e das concecuencias que tivo para os refuxiados. Velaí as datas destacadas:
- 3-9-1939: estado de guerra Francia-Alemaña
- 4-10-1939: traslado ao campo de Argelès-sur-Mer porque o exército francés necesitaba as instalacións de Le Barcarès
- febreiro de 1940: a marcha adversa da guerra para Francia converte os refuxiados "nun peso francamente molesto" que se reflicte "no parco das racións de comidas, que nunca foron abundantes" (p. 115)
- 13-2-1940: "O día trece fago os 23 anos. Coméntoo e Aniceto Martínez á vez que me felicita dime co seu fino humos andaluz 'Xa es maior de idade, de maneira que a partir de agora podes andar só pala vida'. Río do consello que chega con case catro anos de atraso" (p. 116)
- 14-6-1940: cae París.
- 22-6-1940: sinatura do armisticio Francia-Alemaña, que "Hitler, en desquite polo Tratado de Versalles, impón que se realice, como na guerra do 14, no bosque de Compiègne, no mesmo vagón utilizado daquela [...] (p. 153)
Como se pode apreciar, o autor pertence a esa xeración de mozos que maduraron a marchas forzadas, levados polos duros acontecementos que lles tocou vivir. O regreso forzoso a España supúxolle tres anos de prisión e a entrada nesa etapa que o poeta Celso Emilio Ferreiro etiquetou como longa noite de pedra.
_________________________________
SANTIAGO RODRÍGUEZ SALINAS. Illote P. Barraca 16. Vigo, Galaxia 2021.