30.9.14

Xosé Filgueira Valverde / Ramón Otero Pedrayo. Epistolario


Quen se debruce neste Epistolario recompilado por María Jesús Fortes Alén decatarase do enorme desequilibrio de cartas escritas por Ramón Otero Pedrayo fronte ao número case que simbólico das escritas por Filgueira Valverde. De usarmos estes documentos como fonte para o coñecemento destas figuras senlleiras, fariámonos unha idea bastante cabal de Otero, pero a Filgueira só poderiamos intuílo.
No estudo preliminar (bilingüe), Ramón Villares destaca:
  1. as diverxencias de formación e sensibilidade dos dous persoeiros.
  2. as diferenzas xeracionais.
  3. as diferenzas de estilo: metáforas “a cachón” en Otero; “prosa eficiente” e erudita en Filgueira (p. 21).
  4. os asuntos tratados tamén van cambiando segundo o tempo e as circunstancias:
  • a depuración, restitución no posto e cátedra de Xeografía na USC, tras “once anos de ostracismo” (p. 26);
  • o silencio sobre a cuestión política;
  • os asuntos do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega;
  • as diferentes visións dos proxectos Historia de Galiza / Galicia Histórica; o primeiro viu a luz en Bos Aires, o segundo gorouse.
A guerra e a inmediata posguerra supuxeron un cambio de lingua e un
ralentamento na frecuencia epistolar. O cambio de lingua tamén é un trazo que caracteriza as cartas de ou para as mulleres. Tamén é significativa a escolla lingüística nos grandes proxectos históricos: a Historia dirixida por Otero, editada na emigración, redáctase en galego; para o proxecto do Instituto Padre Sarmiento, agarimado por Filgueira, “o vehículo expresivo non sería o galego” (p. 164).
Especialmente tristes son as referencias de Otero a Castelao: enfermidade, ocultación ás irmás, imposibilidade de viaxe á Terra, saudade pola morte, incautación e venda dos bens, falta de retrato no Boletín da RAG, as cousiñas que piden as irmás de Castelao (pp. 290, 391-1) para teren un recordo… Nesas cartas reflíctese o estado de ánimo que a desaparición do guieiro provoca nun exiliado do interior.
O carácter de Otero Pedrayo, esixente consigo mesmo e xeneroso cos demais, aparece a miúdo nestes escritos. Como anécdota abonda citar o desazo que lle producen os suspensos dos examinandos de reválida. Otero pide máis para outros que para si e recorre a Filgueira, a quen presenta como home ben relacionado nas altas esferas, para que bote unha man en situacións precarias ou mesmo hostís.
Dada a lonxevidade dos protagonistas, as cartas cobren un longo período da nosa historia (1927-1976): unha longa noite de pedra enmarcada entre dous tempos de esperanza.


Noticia da presentación da obra:
Foto:
Ramón Leiro/La Voz de Galicia





Xosé Filgueira Valverde / Ramón Otero Pedrayo, Epistolario. Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2009.

19.9.14

"A semente" (de Víctor Campio Pereira)

No limiar, Xesús Alonso Montero descríbenos a un Víctor Campio Pereira González como persoa discreta e comprometida "coa causa universal da Xustiza". Defíneo como poeta elexíaco no senso machadiano do termo: "se canta lo que se pierde". Mais non todo o que se foi está perdido. Queda a memoria e o froito en novas xeracións, como vemos ao percorrer a obra deste autor.
En "A semente" non é precisa a referencia a Ramón Otero Pedrayo para entender a mensaxe, pero axuda a situar o poema nun tempo e nun espazo determinados. Sabemos que Otero viviu a noite de pedra condenado ao exilio interior. Os vencedores da guerra civil respectáronlle a vida --era católico e conservador--, pero depurárono e quitáronlle a cátedra. Tardaron una década en lla devolver. Coma outros vellos galeguistas, procurou non perder a esperanza e fixo sementeira agardando tempos 
Imaxe: alberguería.es
mellores.
O soneto de Víctor Campio Pereira comunica poeticamente esa situación: xeracións prometedoras ("trigo de luz"; "lentura de terra") que non puideron dar o froito esperado porque foron abafados nun "tempo de tebras" con "cascallos de odio"; recibiron o trato do inimigo vencido. Aínda así, nos tercetos ábrese o camiño da esperanza sementada pola voz do petrucio.

___________________
Víctor Campio Pereira, Quince sonetos de amor e once poemas máis. Antoloxía. Xunta de Galicia, 2011. Edición e limiar de Xesús Alonso Montero.

17.9.14

Durmido sobre os espellos. Léxico

Brincadeira léxica para lectores de Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra i Fabra.
As palabras e expresións están tiradas desta obra. O exercicio -que non rouba moito tempo- consiste en elixir o significado máis axeitado de entre os tres que se propoñen.

31.8.14

Noticias de literatura-152. Agosto de 2014

A viaxe de Gagarin é o máis recente título narrativo saído do maxín do incansable Agustín Fernández Paz, unha novela que ten un moito de libro de memorias ficcional e un non pouco de bildungsroman, de novela de aprendizaxe na que a infancia e adolescencia do mozo protagonista (un rapazolo da quinta do 1952 que, dende o 2011, lembra feitos e momentos acaecidos na década dos sesenta) son o territorio vivencial no que se desenvolve este relato. (Armando Requeixo, Praza Pública, 01-08-2014).
Dende hai uns anos a Asociación Cultural Morreu o Demo traballa en distintos eidos para
recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. Ademais, reivindica a vixencia de Barriga Verde para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquendanzas da sociedade e ás actuais posibilidades de difusión (Praza Pública, 06-08-2014).
O libro Cantata a Ramón Cabanillas, presentado onte en Cambados, recolle poemas do autor cambadés, ilustracións e anotacións en xaponés para que os lectores do sol nacente poidan comprender globalmente os paisaxes descritos polo poeta (Rosario Ferreira, El Correo Gallego, 07-08-2014).
A obra foi traducida por a poeta búlgara Tsvetanka Elenkova, responsable tamén da tradución de 'A poesía completa' de Lois Pereiro (Galicia Hoxe, 08-08-2014).
Hимбъі é o título co que un equipo de tradutores do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo traduciu ao ruso os Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor do que se cumpre o primeiro centenario e ao que consagramos o ano en curso e o pasado Día das Letras Galegas (en Criticalia, blog de Armando Requeixo).
Os televisores estrábicos non é un libro da crise económica, senón dos procesos
 todos da vida, a cal ten cousas boas e duras. Os relatos, dalgunha maneira, tratan de contar que, por moito que queime, a vida hai que pelexala, disfrutala... (entrevista con Patricia Blanco, La Voz de Galicia, 18-08-2014).

Antón de Santiago, Custodio ou  a fe do carboeiro
recrea dende un punto de vista humorístico o célebre roubo do Códice Calixtino (La Voz de Galicia, 26-08-2014).

31.7.14

Noticias de literatura-151. Xullo de 2014


O relato ideado por Kiko Da Silva, baixo o título de O inferno de debuxante, conta a historia de Manuel Pardo, un debuxante que nunca é quen de publicar ningunha das súas creacións porque sempre se atopa con que algunha outra persoa xa o fixera antes (Javier García, El Correo Gallego, 01-07-2014).

Como xa fixera hai tres anos con Beowulf, o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo Jorge Luis Bueno, aceptou o reto de acometer unha tradución na que investiu tres anos e na que tivo que enfrontar importantes retos: formais para adaptar o estilo poético; textuais, derivados dun léxico complexo en oitos campos semánticos e mesmo editoriais, ao tratarse dun texto complexo á hora de ser editado (Mª del Carmen Echevarría, Galicia Hoxe, 01-97-2014).


Hai dúas cousas que sobresaen -e marcan- na narrativa de Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952), a súa condición de historiador -e o seu gusto polo estudo do período contemporáneo en Galicia- e súa pericia para conxugar feitos reais e ficción (La Voz de Galicia, 08-07-2014).

Reigosa define o seu traballo como "poesía confesional, con poemas cargados de pasado, nos que "un se ispe gratuitamente", xa que tras escribilos se preguntou: "¿Por que teño eu que andar contando isto "? " (Galicia Hoxe, 12-07-2014).
Dos tempos sombrizos, o último libro do poeta e xornalista Daniel Salgado, é un capítulo máis dunha crónica que o seu autor iniciou xa nos seus primeiros poemarios. O relato dunha guerra en curso na que o medo non é só dos que se saben dominados, senón tamén dos que ventan que poden ser varridos do poder (Praza Publica, 11-07-2014).

“El título del libro y lo que quiero plasmar en los poemas se podría explicar a diario cuando llego al puerto de Oza y veo a los viejos lobos de mar con esa mirada nostálgica perdida en el horizonte”, dice Iglesias para tratar de explicar ese sentimiento (Alfonso Pato, El País, 07-07-2014).

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, nacido en Berna en 1964, vén de gañar a segunda edición do premio Gonzalo López Abente co que será o seu primeiro libro de poesía, Os días condenados. Fragmentos para un devocionario. Da súa man chegaron ao galego desde o alemán obras como A morte en Venecia de Thomas Mann ou Opinións dun pallaso de Heinrich Böll (Sermos Galiza, 14-07-2014).

o seu último traballo, Máscaras rotas para Sebastian Nell, que este xoves recibiu o premio García Barros que convoca o Concello da Estrada por, en opinión do xurado, a "grande orixinalidade estrutural da obra" e a "poderosa historia" que contén e que será publicada por Galaxia (Praza Pública, 17-07-2014).
Abusos sexuais, corrupción política, denuncia social, conflitos psicolóxicos, intriga, tensión desde a ollada dunha muller... E todo iso nun escenario de máxima actualidade narrado cun pulso narrativo moi áxil. Estes son os ingredientes de A dúbida (La Voz de Galicia, 18-07-2014).

Con Stret Art Symphony, Fernando Epelde convertiuse en gañador da nova edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. [...] unha historia arredor de situacións conflitivas da nosa contemporaneidade como o illamento ou os desencontros xeracionais (Sermos Galiza, 24-07-2014).


O achado do castro estreouse en 1983 nunha función escolar e dende entón a obra foi representada en numerosos centros. Publicada orixinariamente en 1991, Manuel Núñez Singala volver dar ao prelo esta peza, con lixeiros cambios (La Voz de Galicia, 25-07-2014).

Trátase dun relato en cinco capítulos que resolvín dunha forma que me gustaba, toda ela a través de diálogos para que a historia saíse a partir do que os propios personaxes din. Quixen facer un pequeno “thriller”da corrupción, coa contemporaneidade do tema aínda que o tratamento sexa clásico (entrevista con Carme Vidal, Sermos Galiza, 30-07-2014).

30.7.14

Berta Dávila. O derradeiro libro de Emma Olsen

Sacar á luz “todo o que pasou” é o obxectivo que se propón Emma Olsen co que será o seu derradeiro libro. Cadencialmente, capítulo a capítulo, a voz narradora váinolo recordando ata converter esa necesaria explicación de “todo o que pasou” no leitmotiv da novela.
Cando inicia o relato Emma Olsen é unha escritora célebre que retorna á súa vida natal (Faith) para morrer. A pouca vida que lle queda serviralle para explicar o pasado e quedar en paz consigo mesma. A narradora conta dun personaxe (o señor Montana) que volveu a Faith “coa esperanza de atopar algo ou alguén que lle lembrase quen era en realidade” (p. 74); podía telo dito de si mesma. En ambos os dous casos, o regreso é a explicación dunha fuxida, a volta ás raíces, o arranxo de contas co pasado. Para a protagonista tamén significará “baleirar a conciencia agora que o final se achega” (p. 80) e cobrar cobrar as débedas das lealdades rotas.
Lugar e personaxes van intimamente unidos no relato. Faith (Fe) “non é un lugar para gañadores de ningún tipo; formamos parte dunha longa tradición de fracasos e oportunidades perdidas e non estamos afeitos a outra cousa” (p. 93). A cidade é descrita pola narradora como un espazo terminal: a vía férrea remata alí; quen nace en Faith, aí morre; o ciclo vital dos habitantes parece estar marcado pola predestinación. Destino inicial e futuro soñado: escola de secretariado, oficina da fábrica de pneumáticos, casa prefabricada (p. 104). Por iso a narradora propón a fuxida como condición necesaria para romper esa cadea.
Na derradeira historia que nos conta Emma ten un papel principal a figura de Clarissa -veciña, amiga, parella-, dotada dun carácter ferozmente posesivo que a leva a converterse no deus do seu mundo.

A historia “que tiña que ser contada”, prometida no primeiro capítulo, remata explicada no décimo: Clarissa suicídase e leva canda si a Bill o día que este rapaz ía casar con Emma. Na colección de formas de matarse xa estaba anunciada. A promesa que se fixeran Emma e Clarissa cúmprese, pero tamén se converte na peor traizón.
O relato desenvólvese nunha estrutura lineal. Ante o lector preséntase como unha tradución, acompañada de notas que relacionan e aclaran as confesións do “derradeiro libro” de Emma Olsen coa súa “obra literaria” anterior. A ficción aliméntase doutra ficción.

Falan da novela
  • O derradeiro libro de Emma Olsen, no blogTrafegando ronseis.
  • O derradeiro libro de Emma Olsen, entrrada na Galipedia.
  • Dolores Vázquez, “Berta Dávila gana Premio de Narrativa Breve de Repso”, La Voz de Galicia, 18-09-2013.
  • Tensy Gesteira, “Eu atopei Fait...”, en Ruasmagazine.
  • Ramón Nicolás, “O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila”.
  • “Reto de lectura: literatura gallega con O derradeiro libro de Emma Olsen”, en Librópatas.com.


Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen. Vigo, Galaxia, 2014