30.9.14

Xosé Filgueira Valverde / Ramón Otero Pedrayo. Epistolario


Quen se debruce neste Epistolario recompilado por María Jesús Fortes Alén decatarase do enorme desequilibrio de cartas escritas por Ramón Otero Pedrayo fronte ao número case que simbólico das escritas por Filgueira Valverde. De usarmos estes documentos como fonte para o coñecemento destas figuras senlleiras, fariámonos unha idea bastante cabal de Otero, pero a Filgueira só poderiamos intuílo.
No estudo preliminar (bilingüe), Ramón Villares destaca:
  1. as diverxencias de formación e sensibilidade dos dous persoeiros.
  2. as diferenzas xeracionais.
  3. as diferenzas de estilo: metáforas “a cachón” en Otero; “prosa eficiente” e erudita en Filgueira (p. 21).
  4. os asuntos tratados tamén van cambiando segundo o tempo e as circunstancias:
  • a depuración, restitución no posto e cátedra de Xeografía na USC, tras “once anos de ostracismo” (p. 26);
  • o silencio sobre a cuestión política;
  • os asuntos do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega;
  • as diferentes visións dos proxectos Historia de Galiza / Galicia Histórica; o primeiro viu a luz en Bos Aires, o segundo gorouse.
A guerra e a inmediata posguerra supuxeron un cambio de lingua e un
ralentamento na frecuencia epistolar. O cambio de lingua tamén é un trazo que caracteriza as cartas de ou para as mulleres. Tamén é significativa a escolla lingüística nos grandes proxectos históricos: a Historia dirixida por Otero, editada na emigración, redáctase en galego; para o proxecto do Instituto Padre Sarmiento, agarimado por Filgueira, “o vehículo expresivo non sería o galego” (p. 164).
Especialmente tristes son as referencias de Otero a Castelao: enfermidade, ocultación ás irmás, imposibilidade de viaxe á Terra, saudade pola morte, incautación e venda dos bens, falta de retrato no Boletín da RAG, as cousiñas que piden as irmás de Castelao (pp. 290, 391-1) para teren un recordo… Nesas cartas reflíctese o estado de ánimo que a desaparición do guieiro provoca nun exiliado do interior.
O carácter de Otero Pedrayo, esixente consigo mesmo e xeneroso cos demais, aparece a miúdo nestes escritos. Como anécdota abonda citar o desazo que lle producen os suspensos dos examinandos de reválida. Otero pide máis para outros que para si e recorre a Filgueira, a quen presenta como home ben relacionado nas altas esferas, para que bote unha man en situacións precarias ou mesmo hostís.
Dada a lonxevidade dos protagonistas, as cartas cobren un longo período da nosa historia (1927-1976): unha longa noite de pedra enmarcada entre dous tempos de esperanza.


Noticia da presentación da obra:
Foto:
Ramón Leiro/La Voz de Galicia





Xosé Filgueira Valverde / Ramón Otero Pedrayo, Epistolario. Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2009.

Ningún comentario: