Sacar á luz “todo o que pasou” é o obxectivo que se propón Emma Olsen co que será o seu derradeiro libro. Cadencialmente, capítulo a capítulo, a voz narradora váinolo recordando ata converter esa necesaria explicación de “todo o que pasou” no leitmotiv da novela.
Cando inicia o relato Emma Olsen é unha escritora célebre que retorna á súa vida natal (Faith) para morrer. A pouca vida que lle queda serviralle para explicar o pasado e quedar en paz consigo mesma. A narradora conta dun personaxe (o señor Montana) que volveu a Faith “coa esperanza de atopar algo ou alguén que lle lembrase quen era en realidade” (p. 74); podía telo dito de si mesma. En ambos os dous casos, o regreso é a explicación dunha fuxida, a volta ás raíces, o arranxo de contas co pasado. Para a protagonista tamén significará “baleirar a conciencia agora que o final se achega” (p. 80) e cobrar cobrar as débedas das lealdades rotas.
Lugar e personaxes van intimamente unidos no relato. Faith (Fe) “non é un lugar para gañadores de ningún tipo; formamos parte dunha longa tradición de fracasos e oportunidades perdidas e non estamos afeitos a outra cousa” (p. 93). A cidade é descrita pola narradora como un espazo terminal: a vía férrea remata alí; quen nace en Faith, aí morre; o ciclo vital dos habitantes parece estar marcado pola predestinación. Destino inicial e futuro soñado: escola de secretariado, oficina da fábrica de pneumáticos, casa prefabricada (p. 104). Por iso a narradora propón a fuxida como condición necesaria para romper esa cadea.
Na derradeira historia que nos conta Emma ten un papel principal a figura de Clarissa -veciña, amiga, parella-, dotada dun carácter ferozmente posesivo que a leva a converterse no deus do seu mundo.
O relato desenvólvese nunha estrutura lineal. Ante o lector preséntase como unha tradución, acompañada de notas que relacionan e aclaran as confesións do “derradeiro libro” de Emma Olsen coa súa “obra literaria” anterior. A ficción aliméntase doutra ficción.
Falan da novela
- O derradeiro libro de Emma Olsen, no blogTrafegando ronseis.
- Dolores Vázquez, “Berta Dávila gana Premio de Narrativa Breve de Repso”, La Voz de Galicia, 18-09-2013.
- Tensy Gesteira, “Eu atopei Fait...”, en Ruasmagazine.
- Ramón Nicolás, “O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila”.
- “Reto de lectura: literatura gallega con O derradeiro libro de Emma Olsen”, en Librópatas.com.
Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen. Vigo, Galaxia, 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario