30.6.11

Agasallo de Arquivos do trasno

Recibín este agarimoso agasallo do blog amigo Arquivos do trasno. Agradézollo de corazón e colócoo aquí, permítaseme dicilo, con orgullo. Tamén é unha grande satisfacción dar cumprimento ós requisitos esixidos: facer partícipes desta distinción a outros doce blogs, avisalos do agasallo e publicar o seu enderezo. Velaquí van os meus, de entre os moitos que merecen ser agasallados:


21.6.11

Noticias de literatura-106

Manuel Rivas reedita Ela, maldita alma. Entrevista co escritor no Faro de Vigo (08-06-2011).
Natsumi Soseki publicado en galego:
Botchan é un mestre criado en Toquio que vai traballar a un afastado colexio de provincias. Alí converterase en vítima das malvadas falcatruadas dos seus alumnos e das escuras manobras dos seus colegas. A obra de Natsumi Soseki presenta unha galería de personaxes singulares, e mestura o grotesco co sarcástico de xeito único, dando forma a un estilo persoal e sorprendente para o lector occidental (Xornal de Galicia, (11-06-2011).
Xabier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña, gañadores dos Xerais 2011. Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia (12-06-2011). Noticia no Galicia Hoxe (12-06-2011): “Unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Así presentou Xabier Queipo Extramunde, a novela coa que acaba de gañar o Premio Xerais”. Artigo de Teresa Cuíñas en El País (12-06-2011). Artigo de E. Ocampo no Faro de Vigo. Entrevista de Xabier Queipo con Iago Martínez (Xornal de Galicia, 13-06-2011). Entrevista de Xavier Queipo con Montse Dopico no Galicia Hoxe (15-06-2011). Entrevista con Anxo Fariña, gañador do Merlín (Xornal de Galicia, 16-06-2011).
Miguel Anxo Fernández presenta Lume de cobiza e fala do seu investigador:
En Lume de Cobiza, recoñécese o Soutelo de sempre, con trazos da súa personalidade como a retranca, ou a súa afección polo cinema. Pero os anos van pasando por el. "Hai cuestións, como a súa relación con Pat, que se van ir resolvendo de cara ó quinto libro, no que tamén coñecerá algúns dos seus parentes paternos", sinalou (Galicia Hoxe, 12-06-2011).
María do Carme Kurckenberg publicará dous novos poemarios en Barbantesa:
A editorial Barbantesa publicará este ano dous novos poemarios da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926). O primeiro deles verá a luz nas próximas semanas e titúlase O enigma do segredo. Esta obra reúne un feixe de cincuenta poemas que estaban no caixón á espera de seren publicados. (...)
Cara ao final de ano, Barbantesa lanzará outro poemario da escritora María do Carme Kruckenberg. Neste caso, o tema central será o jazz, un estilo musical que a autora xa analizara dende un punto de vista poética en 1999 (Xornal de Galicia, 13-06-2011).
Agustín Fernández Paz fala con Montse Dopico sobre a novela Non hai noite tan longa:
A miseria moral dunha sociedade hipócrita, clasista e demasiadas veces sumisa ante o poder, a das últimas décadas do franquismo. Pero tamén os xeitos de resistencia, a loita por preservar a dignidade nun medio hostil, o da ditadura (Galicia Hoxe, 13-05-2011).
Os ideólogos e beneficiarios do sistema afirman que esa rede, coñecida como Globalización, conducirá á riqueza para todos e, ademais, é consecuencia inevitable do progreso técnico.
Fronte a esa filosofía de mercado sen controis érguense numerosos obxectores que lembran que cada ano é maior o foso entre os países ricos e os pobres, referíndose ademais a problemas planetarios que só se resolverán globalizando todo o importante para a existencia humana e non só a rendibilidade económica (Xornal de Galicia, 14-06-2011).
Noticia de O mercado e a globalización no Galicia Hoxe, 14-06-2011).
A Universidade Complutense promove o libro Dúas vidas e un exilio. Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde:
artellada a partir de oitos traballos nos que se inclúe documentación inédita -na súa maioría procedente do arquivo de María Victoria Villaverde- e fotografías familiares dos dous escritores que lles amosan ao lector os seus tempos do exilio (Galicia Hoxe, 14-06-2011).
A proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas, demostra que todo pode ser cociñado. Un volume para, da man dalgúns dos nosos máis sobranceiros escritores, aprendermos pratos suxestivos (Galicia Hoxe, 14-06-2011).
Noticia de Cociñando ao pé da letra en La Voz de Galicia (15-06-2011):
Racha coa imaxe tradicional que temos dun escritor, detrás dun atril ou nunha cadeira en actitude distante, para achegalo picando cebola e amasando. A obra nace co espírito de mesturar xéneros e disciplinas, porque a literatura, como a cociña, tamén se fai coas mans e precisa de adobos e tempo para levedar».
Golfiño retorna:
Golfiño volve ás librarías galegas da man de El Patito Editorial co álbum Golfiño e os invasores, un regreso que conforta por igual os novos leitores e aos vellos seareiros deste personaxe, que naceu un día da man do debuxante e deseñador Fausto Isorna (Galicia Hoxe, 16-06-2011).
Manuel Portas, Un dedo manchado de tinta: comentario sobre esta novela no Xornal de Galicia (17-06-2011):
“Un dedo manchado de tinta non é unha novela”, afirma categórico Gonzalo Salgueiro, “ou polo menos non é unha novela ao uso”, aclara el mesmo despois. E vai ser que si, que ten razón. Que isto non é unha novela e que el tampouco é un escritor que responda aos canons establecidos, nin Alberte vai ser un funcionario municipal arquetípico, nin Malulú un vendedor ambulante calquera, nin Carme, nin Cristina, nin Chus serán mulleres con historias do común.
Xavier Rodríguez Barrio gaña o Cidade de Ourense de poesía con Calado testamento:
Como poeta deuse a coñecer no ano 1973 co libro Pranto irmán, ao que seguiron Antífona da redención, que foi galardoado co Premio Galicia en 1977, e Herdo e alucinación en Fisterra, publicado na Editorial Akal de Madrid en 1981 (Xornal de Galicia, 19-06-2011).
Noticia do premio en La Voz de Galicia: “O poeta volve con «Calado testamento» á actualidade editorial despois de case vinte anos”.
Sobre Xavier Rodríguez Barrio e a súa obra publica Vanesa Oliveira o artigo “O testamento calado”, Galicia Hoxe, 21-06-2011.
María Reimóndez fala con Manuel Vidal no Galicia Hoxe (20-06-2011):
Eu teño toda a fe do mundo na inmersión lingüística e no amor polas linguas pero iso só é posible cando comezas pola propia. Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota e ademais un absurdo só coherente nun mundo dominado por certos idiomas. As linguas só “valen” nos seus contextos e, para falar coa xente que temos preto e que nos importa, a lingua máis importante é o galego.

Imaxes: Rivas (Jorge Leal / Faro de Vigo); Miguel Anxo Fernández (Galicia Hoxe); Xavier Rodríguez Barrio (Eduardo Castro / La Voz de Galicia).

5.6.11

Noticias de literatura-105

Agustín Fernández Paz fala con Teresa Cuíñas da intrahistoria de Non hai noite tan longa:
Non hai noite tan longa é unha novela negra, inzada de referencias literarias, cinematográficas e sociais contemporáneas ás personaxes nun esforzo de verosimilitude contado con axilidade e detalle, as marcas da casa. O propio Fernández Paz liquida tamén unha débeda, que lle ronda desde antes de Corredores de sombra, a novela que se inicia coa descuberta dun esquelete entre as paredes do pazo de Vilarelle: "É abrir unha fosa, un axuste de contas coa miña xeración; non podemos esquecer o que nunca se soubo. Aínda hogano seguimos alucinando cos roubos dos nenos". Explícao Gabriel Lamas: "A verdade doe, pero tamén nos fai máis libres. O delito prescribe, pero a indignidade non" (El País, 27-05-2011).
Tinta de lura ou a poesía en camisola:
Afirman que: "Cremos na cultura galega. Non somos un país. Somos un exército de poetas". Eles sentiron esa complicidade metálica cos escritores galegos e queren sacar a poesía dos altares e levala aos colexios, aos festivais, ás asociacións culturais. Devolverlle á xente o que é da xente (Galicia Hoxe, 28-05-2011).
Salma presenta a novela Despois da medianoite:
Despois da medianoite supón un fito na literatura támil e propuxo un controvertido berro crítico dende o interior da minoría musulmá, un berro nidio e complexo. Cunha prosa de fiar moi fino, atenta ao detalle, aos tirapuxas de quen loita con forzas desiguais contra cumprir as normas e rachar con elas, a voz destemida de Salma axúdanos a penetrar no escuro, lonxe dos estereotipos e máis preto dun entendemento liberador (Xornal de Galicia, 29-05-2011).
Emma Pedreira fala no Galicia Hoxe (30-05-2011) da lingua e da súa escrita:
é unha poeta encadrada na Xeración dos 90. En 1999 obtivo o Premio Faustino Rey Romero e Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, aos que seguiron o Johán Carballeira (2000), o Fermín Bouza Brey (2001), o Modesto R. Figueiredo, o Certame Manuel Murguía de narracións breves (2002), o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño (2005). En 2010 gañou o IX premio de poesía Novacaixagalicia coa obra Antítese da ruína. Ademais, ten publicado Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), Grimorio (2000), Bestiario de silencios (2001), Velenarias (2001), As posturas do día (2001), Os cadernos d’amor e os velenos (2002), As cinzas adentras (2004) e Casa de orfas (2006).
Manuel Vilariño publica Ruínas ao despertar: 
"un libro de amor e de dor" no que o poeta espido que sempre estivo presente en Vilariño emerxe con toda a súa forza para falar sobre a morte e a ausencia (El País, 03-06-2011).
A Italo Svevo podemos lerlle en galego Senectude (Rinoceronte):
De verdadeiro nome Aron Hector Schmitz, Italo Svevo naceu en Trieste en 1861, cando a cidade pertencía ao imperio austrohúngaro. En 1892 publicou a súa primeira novela, titulada Unha vida­. Tras casar cunha curmá súa en 1896, comezou a colaborar en distintos xornais, e publicou por entregas nun deles a súa segunda novela, Senectude (1898) (Xornal de Galicia, 04-06-2011).

25.5.11

Manolo López Poy e Miguel Fernández. Mamed Casanova. O fillo da furia

1. Comeza esta novela gráfica co primeiro plano do perfil dun vello e canso Mamed Casanova, alias Toribio. Póñeno fóra do penal, onde botara os últimos 25 anos da súa vida. Metérano na cadea con 22. Pouco se sabe del des que foi posto en liberdade. A novela recrea aqueles anos nos que a forza bruta de Toribio amedrentara veciños, alcaldes, cregos e forzas de orde da comarca ortegana e amargara a vida da súa pobre nai.
O Casanova d’ O fillo da furia é un mozo de mal xorne e descomunal forza, sen medios nin sorte na vida, pero que tampouco acepta resignadamente a situación que lle tocou vivir.
Gustáballe moito a boa vida e pouco o traballo. En cuestión de mulleres, tamén apuntaba alto. Como nin sequera tiña medios para intentar facerse rico na emigración, optou polo bandoleirismo: se cadra a única actividade para obter os maiores beneficios co menor esforzo.
Pero o país é unha vaca fraca da que pouco se podía tirar. Os delitos de Mamed Casanova, sacando os asasinatos que lle apoñen, dan pena: róuballe o traxe a un morto, asalta algunha reitoral, fai a colecta a punta de pistola nunha misa... A morte da criada do cura posiblemente llo cargaron na conta por ser menor de idade, aínda que non fose obra súa. Acabou condenado á morte. O rei Afonso XIII conmutoulle a condena por cadea perpetua logo de que a nai lle pedira clemencia cando o monarca visitou a catedral de Compostela. Cumprida a condena, perdéuselle a pista. Pero esta é outra historia.
2. O que debía intranquilizar a sociedade selecta do seu tempo non eran tato as “fazañas” que lle atribuían coma o desexo manifesto de fuxir da súa condición social. Que un morto de fame pretendese emparentar con alguén da boa sociedade suporía o esborrallamento da orde no mundo. Un individuo coma Mamed Casanova, pobre e bastardo, só tiña tres saídas na vida: resignarse a traballar coma un escravo para malcomer, arriscarse na aventura da emigración ou botarse ó monte. As poucas opcións das clases desfavorecidas e o desprezo que por elas sentían os acomodados queda maxistralmente debuxado nesta novela gráfica.

3. A vida de Casanova coincide con momentos convulsos da nosa historia de finais do século XIX e do primeiro terzo do século XX. O noso protagonista padece os acontecementos, pero non semella ser consciente de pertencer ó colectivo dos perdedores da historia. Pola contra, a nai si que se decata de estar vivindo nunha abafadora sociedade clasista: “¿Pensas logo que ti vas poder con eles?” (p. 30). Os “señoritingos” fan a política de casino propia da Restauración e moven todos os seus recursos para que ninguén ouse rebaixarlle os privilexios: “Se os fillos dos labregos e dos mortos de fame poñen os ollos nas nosas fillas, un día sentarán a cear nas nosas mesas” (p. 29). O desprezo que senten polas clases baixas patentéase neste relato.
A xustiza da época era concibida como escarmento e non como árbitro de convivencia social. A fame e os malos tratos ían asociados á condición de reo. A fame tamén estaba instalada na casa de labregos e mariñeiros. Contra a fame aínda quedaba a esperanza da emigración, pero contra a xustiza non había moito que facer. María Casanova mendígaa para o seu fillo.
4. Os personaxes desta novela gráfica podemos encadralos en tres grupos. Por un lado, os membros da sociedade que frecuenta o casino, incluídos os administradores de xustiza, ós que lles podemos sumar os membros das forzas da orde, que proceden dun estamento pero serven a outro. Doutro lado, a xente do común (labregos e mariñeiros), grupo ó que pertence o noso protagonista, a nai e algún outro personaxe individualizado como Balseiro ou o mesmo cura.
Ambos os dous grupos desempeñan no relato un labor coral. Dos personaxes principais, o lector percibe o carácter simple, brutal e arroutado do protagonista, a maldade de Balseiro pero, sobre todo, destaca a fortaleza de María Casanova.

5. Sitiografía:




Manolo López Poy e Miguel Fernández , Mamed Casanova. O fillo da furia. Demo Editorial, 2010.

Etiquetas: , , , ,

19.5.11

Noticias de literatura-104

Premios AELG 2011: narrativa, poesía, ensaio e tradución.
Camilo Franco e Balada triste de moqueta: folletín 2.0:
Balada triste de moque­ta -tamén hai camisola- é o título desta fresca e des­prexuiciada incursión nun novo xeito de narrar, que acode ás redes sociais e ás posibilidades de interac­ción que oferta a virtua­lidade. "Decidín xuntar o revés da crónica política e o dereito do folletín", dicía onte Camilo Franco duran­te a presentación (Galicia Hoxe, 05-05-2011).
O escritor Camilo Franco escribirá ao longo da campaña electoral unha crónica política de ficción a modo de “folletín 2.0”. Baixo o título de Balada triste de moqueta, o escritor intentará levar a cabo un exercicio de innovación literaria. Un dos seus obxectivos é, segundo Camilo Franco, “darlle a volta á información electoral” e demostrar que “aínda que a literatura oficial sempre se ocupa de temas importantes, os escritores tamén podemos ocuparnos das cousas que pasan todos os días”. O escritor empregará o Facebook da Casa das Crechas para elaborar o seu folletín nas próximas semanas. O primeiro capítulo xa está dispoñible
Xornal de Galicia, 05-05-2011).
Ramón Nicolás fala en La Voz de Galicia (08-05-2011) sobre crítica literaria.
Manuel Rivas fala en Bogotá do poder, do narcotráfico e de literatura na presentación de Todo é silencio:
Rivas confesou ter "a sensación preocupante de que o que está pasando no mundo, no que derivou a globalización, é que o mercado honesto acaba sendo depredado polas zonas grises ou delituosas". É o mesmo que ocorre "coa moeda falsa, que se pega á verdadeira para pasar desapercibida" (Galicia Hoxe, 09-05-2011).
Quico Cadaval gaña o premio Max  con Shakespeare para ignorantes. Artigo de A. R. López sobre o teatro de Quico Cadaval (Galicia Hoxe, 11-05-2011)
Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel Pizcueta presentan Un home impuntual:
A peripecia narrada xi­ra ao redor da impuntuali­dade constante dun home sen nome, pero asenta nun texto de gran profundida­de e carga emocional, que traspasa o interese do lec­torado máis novo para se dirixir aos adultos, situán­dose na imprecisa inter­sección entre a Literatura Infantil e Xuvenil e a insti­tucionalizada que ocupan os denominados crossover ou dual adressee, fenóme­no do que ultimamente se está a falar con asiduidade (Galicia Hoxe, 10-05-2011).
Marcel Proust en galego: Sobre a lectura e Días de lectura (Trifolium). “dous textos nos que a lectura como comunicación en ausencia se confronta con outras formas de comunicación nas que a presenza se impón ou nas que se simula mediante a técnica” (Xornal de Galicia, 10-05-2011).
Xulia Alonso Díaz: artigo de Anxo Tarrío sobre a novela Futuro imperfecto (Galaxia).
Ana Romaní: entrevista en El Mundo (11-05-2011) na que nos fala do seu poemario Estremas.
A colleita da cultura, antes das Letras” (El País, 13-05-2011) é un artigo de Teresa Cuíñas e Óscar Iglesias que recolle os destaques do último ano no campo da cultura: “Por voluntarismo, porén, ninguén salva a política cultural do Goberno galego”.
Rosa Aneiros, entrevistada no mesmo medio, fala, entre outras cousas, da “imposición” lingüística.
Manuel Rivas: reedición de Ela, maldita alma:
Nesta nova edición de Ela, maldita alma –lanzada orixinalmente no ano 1999–, reprodúcese en cuberta un cadro do pintor arxentino Eduardo Sívori, cadro do que parte Manuel Rivas para escribir o relato O espertar da criada, conto inédito até o de agora co que se abre o libro. En Ela, maldita alma, Manuel Rivas achega a súa ollada para descubrir o que hai detrás da realidade aparente. Cunha escritura que reclama atención para o que pasa desapercibido, as historias e os personaxes reviven co mesmo fulgor das experiencias novas (Xornal de Galicia, 14-05-2011).
Aos seus oito anos, Noah pensa que é máis doado facerlles fronte aos seus problemas se non pensa neles. E por iso escapa da casa. Por un camiño inexplorado a través da fraga (Xornal de Galicia, 14-05-2011).
Cociñando ao pé da letra (Galaxia e Gadis):
Un percorrido por todo o país coa guía desta obra literaria/receitario de cociña que leva os lectores até a cociña onde se cocen os bos xantares e a boa literatura galega (Galicia Hoxe, 14-05-2011).
Xabier P. Docampo fala para Galicia Hoxe (16-05-2011):
O escritor lugués asegura que escribe libros que poden ler adultos e rapaces. "A única diferenza formal, práctica ou mesmo estrutural cun texto dirixido só a adultos é o equilibrio entre o implícito e o explícito. O rapaz non ten experiencias compartidas comigo ao ser eu un adulto cheo de experiencias e el un individuo en formación, entón non comprende todos os meus implícitos e eu teño que facer explícitas cousas que non explicitaría se esa obra fose para adultos". Ao seu ver, a idade non é un impedimento. "Eu sempre digo "nunca escribas noite escura, escribe noite e se o lector non é parvo xa se dá conta de que é escura". Hai unha listaxe inmensa de obras xeniais na historia da literatura que foron escritas para lectores novos, comezando por unha obra absolutamente redonda e canónica dentro da novela de aventuras, como é A illa do tesouro, de Stevenson."
Marisol Gándara faise co Francisco Añón de poesía por Manuscrito segundo da poeta caníbal (Galicia Hoxe, 18-05-2011).
A noticia sorpresa dánola Feijoo: non tiñamos nin idea de que Lois Pereiro era un modelo de galeguista cordial, porque xa levaba un tempo enterrado cando alguén inventou tal etiqueta. A noticia recóllena uns cantos xornais:
-Feijoo también aplica a Lois Pereiro la etiqueta de galleguista cordial
-Feijoo aprópiase de Pereiro como emblema do galeguismo cordial
-(...) representante do galeguismo cordial
En fin...

Etiquetas: , , , , , , , ,