30.11.16

Noticias de literatura-179. Novembro de 2016

Todo ser humano é un río é o libro de quen leva toda a vida tratando de entender un pasado. Un espazo adicado á Galiza en xeral, e aos labregos en concreto (Noelia Gómez, Sermos Galiza, 03-11-2016).

[...] baixo coordinación de Afonso Becerra, érguese como “un espazo onde realizar unha análise e partillar coñecementos sobre literatura dramática galega”, un encontro idóneo para poñer sobre a mesa a situación actual deste xénero en Galiza e “sacar algunha acción que nós poidamos levar adiante porque eu non creo que as institucións nos vaian a quitar as castañas do lume” (Sermos Galiza, 05-11-2016).

O vindeiro sábado farase o 130.º aniversario da publicación dunha das obras máis importantes da literatura galega, Queixumes dos Pinos, de Eduardo María González-Pondal e Abente, o autor do Himno de Galicia. O 12 de novembro de 1886 a Biblioteca Gallega, de Juan Fernández Latorre (fundador de La Voz de Galicia) e Andrés Martínez de Salazar, editaba o poemario do bardo de Ponteceso (Xosé Ameixeiras, La Voz de Galicia, 06-11-2016).
A poesía de Chus Pato conta con traducións ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell’Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry ( Salmon Poetry, 2010). (Praza Pública, 05-11-2016).
O pleno da Real Academia Galega elixiu onte a Chus Pato (Ourense, 1955), como académica numeraria. Libros como m-Talá, Hordas de escritura ou Secesión destacan nunha longa traxectoria poética na que a institución ve «un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país» e «unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais» (entrevista de Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 06-11-2016)
O escritor e colaborador de Sermos Galiza Xavier Queipo acaba de ser distinguido co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por un poemario intitulado O Home Invisíbel (Sermos Galiza, 06-11-2016).

“Crónica Córnica” é unha novela contemporánea, que pode ser lida en moitas claves, que pivota sobre a tríade lingua, identidade e sociedade, e foi enunciada non desde o discurso científico, senón desde a fabulación murmurada de boca a orella. “Un intenso e metafórico berro literario a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades económicas, culturais e sociais entre colectivos e pobos” (Galicia Confidencial, 08-11-2016).

Galicia non contaría nin á morte de Franco nin hoxe coas bases que permitiron a reconstrución do teatro galego se non fose grazas ao traballo de exiliados como Blanco Amor, Luís Seoane, 'Tacholas' ou o equipo Varela Buxán-Maruxa Villanueva. Estas son algunhas das ideas que recolle a profesora Inma López Silva nun artigo integrado no volume colectivo ‘El teatro gallego en el exilio republicano de 1939’, coordenado por ela mesma e polo dramaturgo Euloxio Ruibal e publicado pola editorial Renacimiento na colección Biblioteca del exilio (Montse Dopico, Praza Pública, 09-11-2016).

Ao contrario que na Galiza, onde é difícil para un dramaturgo estrear un texto a non ser que conte cunha compañía propia, en Portugal aínda prevalece a condición do dramaturgo como un simple profesional, de feito o Carlos asegura que a meirande parte dos traballos que fixo neste país foron encargas (Carlos Meixide, Praza Pública, 11-11-2016).

[...] narra con deleite o que verdadeiramente importa: o xogo e a actividade física fronte á vida sedentaria das pantallas de ordenador e videoxogos, o bo comer, o amor pola natureza, a importancia da lectura, a descuberta de mundos a través da viaxe e a importancia dos afectos para superar a apatía vital (Ánxela Gracián,  El Correo Gallego. 13-11-2016).

Converter o inmoble no que viviu Castelao en Rianxo nunha casa-museo é un vello proxecto aínda pendente de realización (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 14-11-2016).

A min tamén me gusta moito debuxar e a idea do libro veume á cabeza un día que estaba garabateando uns bonequiños nun caderno. Ocorréuseme facer uns zombis e pensei que como en Galicia non había ningunha novela infantil con esa temática, eles tiñan que ser os protagonistas (entrevista de Begoña R. Sotelino, La Voz de Galicia, 16-11-2016).

Manuel Lourenzo resultou elixido ­gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro de textos ­teatrais coa súa obra Suite ­Artabria (El Correo Gallego, 17-11-2016).

[...] coordinado por Luis Cochón. "Un libro de boa fe", como el mesmo di, non exhaustivo, pero que ve abondo a través de trinta miradas; atravesado por unha profunda ollada coral arredor da historia do galeguismo e o nacionalismo, que relata e interpreta o fenómeno do principio da modernidade en Galicia no século XX (El Correo Gallego, 17-11-2016).

Sae á rúa o número 87 da Revista Galega de Teatro (RGT) e faino cun novo deseño, nome e equipo. A RGT, agora transformada en erregueté, continuará coas súas seccións habituais mais, como novidade, recuperará a sección de Banda Deseñada con “A Pataca Quente de Rubina Kenéve” e tamén incorporará un novo espazo de creación baixo o nome de “Ruxerruxe” (Belén Bouzas, Sermos Galiza, 16-11-2016).

Trátase dunha novela curta de misterio que el deixou lista para editar, mesmo a portada foi elixida por el, tal e como nos contan desde a editora. 'A casa do medo' é unha cabana que lles pon os pelos de punta aos mozos e mozas de Valverde (R, C., Sermos Galiza, 18-11-2016).
Durante dúas horas, alumnos, familiares, amigos e, sobre todo, lectores de Agustín Fernández Paz participaron en diversos actos arredor da presentación desta novela póstuma que o autor «foi escribindo aos poucos, entre visitas aos médicos», lembraba Isabel Soto, tradutora das súas obras (Rodri García, La Voz de Galicia, 19-11-2016).

'Cartas de inverno', publicada en 1995, é o que se coñece no sector como un 'long seller'. Xa no mesmo ano de publicación, a novela acadou o premio Rañolas ao Libro Infantil e Xuvenil do Ano (R. C., Sermos Galiza, 25-11-2016).

O Patronato da Cultura Galega de Montevideo, histórica asociación dos emigrantes galegos en Uruguai, dedicará ao poeta lucense Claudio Rodríguez Fer [...] A obra poética deste escritor consta de quince libros: catorce poemarios reunidos en Amores e clamores (Ediciós do Castro, 2011) máis a obra poético-visual Cinepoemas (1983), recentemente ampliada en reedición gráfica de Cristina Fiaño (Ouvirmos, 2016) (El Correo Gallego, 21-11-2016). 

En España a Transición tampouco está ben estudada, pero si houbo un revival, nos 90, de libros, memorias persoais… Poden ser mellores ou peores, pero en Galicia é unha etapa moito menos estudada. Por iso tiven un dobre traballo: a análise da actuación da prensa neste período e en paralelo un labor que se cadra non me correspondía tanto, pero que había que facer para a tese, que é un relato da Transición en Galicia, da historia da Transición. O obxectivo era analizar a prensa e a súa estrutura, tan importante para explicar o presente (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 21-11-2016).

Era posible o amor en Birkenau? É gran pregunta que asaltaba ao perruqueiro berlinés Thomas Münch cada vez que visitaba a fábrica de munición de exterminio de Auschwitz para cortarlle o cabelo ás presas (El Correo Gallego, 21-11-2016).

[...] ligada profesionalmente ao teatro, que acadou este recoñecemento grazas ao libro 'Entullo'. O xurado [...] valorou na obra premiada a “orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional” (Sermos Galiza, 23-11-2016).
A narrativa, o xornalismo cultural, a historia no teatro, a súa condición de “pedra angular na creación da música galega contemporánea”, as achegas á construción dunha educación literaria en galego e a importancia da lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María foron parte dos temas abordados (Mario Álvarez, El Correo Gallego, 24-11-2016).

El escritor, ensayista e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) ha sido elegido “por mayoría” ganador del premio de novela larga Eduardo Blanco Amor con la obra Blues para Moraima, por su “agilidad narrativa, y el tratamiento histórico de una época”, así como el “punto de vista sobre el exilio” que, en palabras del jurado, es “coincidente” con la visión que tenía Eduardo Blanco Amor (Mario Álvarez, El Correo Gallego, 27-11-2016).
  • Miguel Anxo Fernández, premio Blanco Amor coa súa novela Blues para Moraima” (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 27-11-2016): “[...] Blues para Moraima está ambientada en dúas épocas diferentes, que vai alternando en cada capítulo: nos tempos da República e a Guerra Civil e nos anos oitenta, aínda que non fai referencia cronolóxica explícita (nin tampouco toponímica). Combina ingredientes de relato histórico, fantásticos, de thriller, de drama, políticos e de comedia negra”.

[...] unha novela de iniciación que recupera aqueles toliños como personaxes secundarios, aos que se suma un moi especial, o propio Casares (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 26-11-2016).

O libro narra a historia dun neno que descobre a aldea nunhas vacacións cos seus avós (Galicia Confidencial, 25-11-2016).

La historia de Cándido, un trabajador del astillero Vulcano que desea el fin del régimen de Franco y que convive con un cura fascista, es el vehículo que utiliza Francisco Castro (Vigo, 1966) para abordar las grandes huelgas obreras de 1972 y el papel represor de la Iglesia católica en su último libro, "Barricadas de sal" (A. Blasco, Faro de Vigo, 29-11-2016).

Estruturada en dous lances, catorce escenas e un epílogo, esta comedia caracterízase fundamentalmente pola orixinalidade e polos seus estrafalarios protagonistas que conseguen cativar deseguido ao lector: dous pallasos medorentos e escandalosos, un desasosegado director, unha trapecista zampeira, un mago ao que case nunca lle saen os trucos, un domador inxenuo e unha cabra que toca o violín (Verónica Pousada, El Correo Gallego, 30-11-2016).

[...] a través da intriga, dá forma literaria a esa antiga oposición entre superstición e raciocinio. «O libro formula unha contraposición entre un personaxe que provén do mundo da racionalidade, o escritor, e a vila, que representa esa harmonía total e completa que se acada pola crenza nunha realidade máxica ou a superstición», explica Reigosa (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 30-11-2016).

25.11.16

Leandro Carré Alvarellos. Un caso compricado. Comedia en dous actos

Imaxe: Grupo de
 Investigación Lingüística e Literaria Galega
0. Lemos a peza na antoloxía publicada por Laura Tato Fontaíña. Infórmanos na introdución que non foi publicada en vida de Leandro Carré Alvarellos. A peza é necesariamente curta (comedia en dous actos) porque foi escrita para ser representada por un coro; isto esixía unhas dimensións reducidas.

 1. Feliciano e Cecilia son noivos, pero teñen que verse ás escondidas debido ao "xenio condenado" do pai da rapaza (Bonifacio), que non traga o rapaz porque o considera un monicreque para a filla. Os mozos contan coa complicidade de Engracia (irmá de Cecilia) e, sobre todo, de Lucas ("criado da casa, pillabán de conta"). Como Bonifacio non está disposto a criar as fillas para darllas a un parvo, decide resolver a situación botando man da escopeta: descobre a Feliciano e dispáralle. Non lle atina, pero o rapaz desmáiase do susto e todos o dan por morto. Entra en escena o xuíz don Modesto ("moi petulante"), un alpabarda que se considera excelente investigador. Atopan unha camaisa manchada de sangue, pero seguen botando en falta o cadáver do mozo e mais un porco, do que tentaba tirar proveito o espelido Lucas. Ao final todo se aclara, triunfa o amor, o xuíz celebra o éxito da súa investigación e os namorados casan (por decisión paterna).

2. A obra desenvólvese en dous actos de parella extensión. O segundo dispón dunha escena máis, a derradeira, que pon  ramo á obra: todo se aclara, os antagonistas cambian de actitude e anuncian un final feliz.

3. Os personaxes están construídos con poucos trazos, pero eficaces para crear un estereotipo: fillas doces e obedientes; pretendente que se derrete de amor pola noiva, pero que se escagarruza de medo ante o pai dela; pais que son cabezas de familia en exercicio, que só pensan no mellor para a súa prole... aínda que a prole non pense o mesmo.
Curiosamente, non aparece na peza unha figura materna que comparta ou equilibre o exercicio da autoridade na familia. Se cadra, a súa ausencia explica os paus de cego que dá o pai na relación coas fillas. ¿Trátase dunha ausencia necesaria para o desenvolvemento desta trama?

4. A actualidade da obra cómpre entendela situándose en 1922. Hoxe en día resulta ideoloxicamente inadmisible o papel secundario da muller, a case propiedade das fillas en relación cos pais (que llas "dan" aos futuros maridos), os matrimonios baseados no interese económico dos contraentes, a impermeabilidade entre clases sociais (amos / criados), o predominio da amizade sobre a xustiza...
Malia que a obra non represente o cen por cen do ideario das Irmandades da Fala, aínda hoxe resulta divertida: ese era o seu principal obxectivo. Tampouco se pode considerar absolutamente escapista, pois axuda a entender unha época e representa un chanzo máis na historia do noso teatro.

5. Sobre esta peza, ademais do estudo introdutorio de Laura Tato Fontaíña para a antoloxía citada, podemos ler:
___________________________________________________
Laura Tato Fontaíña (ed), O teatro nas Irmandades da Fala. Antoloxía. RAG, 2016.
Personaxes: 2 mulleres e 6 homes.

24.11.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-2

http://www.daypo.com/coma-unha-ancora-lexico-2.html#informacion
Coma unha áncora. Léxico-2

Actividade para xogar co léxico da novela de Iria Collazo López. Consiste o divertimento en adiviñar a palabra que falta na expresión que se copia da novela citada. Digo "adiviñar" porque nalgúns casos poderían valer varias das solucións que se propoñen. Así e todo, creo que o ton da novela dá a pista para atinar coa palabra orixinal.
A palabra faltosa sinálase con [...]
Pasádeo ben.

18.11.16

Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-1

http://www.daypo.com/coma-unha-ancora-lexico-1.html
Coma unha áncora. Léxico-1

Actividade para xogar co léxico da novela Coma unha áncora, de Iria Collazo López.
Como vén sendo habitual, o exercicio non ocupará moito máis alá de tres ou catro minutiños.

4.11.16

Miguel Anxo Fernández. Un dente sen cadáver

Imaxe: Editorial Galaxia 
Nesta sexta entrega da serie de Frank Soutelo, o detective viaxa a Galicia para facerse cargo dunha herencia inesperada. Por tal motivo coñeceremos algúns detalles das súas relacións familiares, lastradas en boa parte polo escolla de bando na guerra civil, e ata o mesmo protagonista descubrirá algúns datos que se mantiveran ocultos durante moitos anos.
Frank procura o asesoramento dun avogado para resolver a cuestión da herencia e, aproveitando a estadía no país, encárganlle a resolución do caso da aparición dun dente humano nun chourizo e un anaco de anel nuns callos.
Coa axuda desa especie de fraternidade de personaxes coñecidos (Dalia, Poncio, Franeiras, Pat…) o investigador pon en marcha o proceso de pescuda de datos para a resolución dos dous asuntos que agora ten entre mans. Aparentemente nada teñen que ver entre si, pero o detective acabará por descubrir que son dúas caras da mesma trama e que o encargo da investigación do crime só tiña a función de despistalo do asunto da herencia.
Na procura do criminal, Frank Soutelo atópase nunha canella sen saída. O clásico xiro inesperado que o levará á resolución do caso dáse cando entra en escena a familia dunha muller desaparecida. No ir e vir polo xeografía do país en procura de pistas, o detective iranos ofrecendo unha fotografía actualizada con aspectos salientables como a explotación de mulleres, a violencia doméstica, a explotación laboral de inmigrantes, a especulación urbanística, a corrupción política, o turismo termal, a industria cárnica… Asuntos manipulados por xentes sen escrúpulos que contan coa amizade de xentes poderosas e coa axuda de marxinais ou mesmo tarados psicolóxicos.
Nese mesmo deambular atopamos outros ingredientes típicos da novela negra: viaxes, cultura, lectura, usos e costumes, gastronomía… Frank Soutelo é un detective que amosa un gusto salientable pola lectura e pola cociña caseira, da que recolle receitas para facilitárllelas ao seu amigo restaurador de Los Angeles (EUA). Confésase como detective da vella escola, dos que se deixan levar polo instinto de sabuxo, pero non descoñece nin despreza os modernos métodos de investigación baseados na ciencia e na técnica. Esta mesma forma de ser é aplicable ao seu relato: Frank Soutelo dános unha visión dun país en evolución.
Remata a novela cunha nota do autor que nos lembra aqueles avisos iniciais de que todo parecido coa realidade era pura coincidencia. Aquí a nota é unha desculpa ante a industria cárnica, da que nos podemos sentir orgullosos, e o recoñecemento de que toda realidade novelesca é pura “imaxinación do autor”.

Dictiografía

Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver. Vigo, Galaxia, 2016.

31.10.16

Noticias de literatura-178. Outubro de 2016

En el encuentro musical y literario, organizado por la Real Academia Galega y el Concello de Monforte, miembros de la RAG, jóvenes escolares y amigos compartieron la palabra para honrar al poeta al que este año se dedicó el Día de la Letras Gallegas. Un escritor gracias al que "hoxe hai máis lectores e lectoras de literatura galega", destacó Xesús Alonso Montero, presidente de la RAG (Ángel Arnáiz, el Correo Gallego, 02-10-2016).
Teijeiro fala nas súas obras de sereas poetas, nenas caladas, dun neno algo raro que dialoga co mar desde o seu barco de papel, da fauna e flora mariña, do mar como soño, do mar inquedo que xoga coa lúa, que se move bulideiro, do mar que ronca e molla con poemas, do mar ferido que chora por dentro e cala por fóra…(Rocío García Pedreira, El Correo Gallego, 02-10-2016).
[...] con “Música e poesía desde a primeira infancia”, queremos que o alumnado coñeza obras de poesía, coleccións en que se combine poesía e música, como traballar eses materiais nas aulas, cal é a importancia de achegar a música e a poesía á infancia… (M. Obelleiro, Sermos Galiza, 03-10-2016).
O escritor puido ver rematada a súa derradeira obra, Suicidas, editada por Chan da Pólvora. Precisamente, o mesmo día que falecía na súa casa de Bora (Pontevedra) o autor, o seu poemario chegaba ás librarías do país (Sermos Galiza, 05-10-2016).
O Philogelos, título traducido como O amante da risa, foi orixinado, segundo parece, nos arredores do século IV despois da Era Común. Aparece asinado por Hieracles e Philagrios, aínda que sabemos que se trataría de simples recompiladores dunha práctica oral, achegándose moito á inauguración dun xénero que, como dixemos, non gozou nunca dun gran recoñecemento literario, e porén probabelmente si tivo unha gran popularidade persistente no tempo. (Mario Regueira, Sermos Galiza, 08-10-2016)
[...] nova edición do libro de Claudio Rodríguez Fer, que repasa a "súa particular" historia do cine facendo unha fusión definitiva coa poesía. O profesor da USC e crítico de cine publicou unha primeira edición co mesmo nome, de mano de Xerais editora no ano 1983. Agora, Máis de trinta anos despois, sae á luz unha "edición gráfica e ampliada daquela publicación inicial" (El Correo Gallego, 11-10-2016).
[...] novo manual práctico de fraseoloxía galega (El Correo Gallego, 12-10-2016).
[...] é unha “novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes (Sermos Galiza, 13-10-2016).
César Candelas (que durante anos escribiu o blog +dylan) enumera un e mil motivos que explican que Bob Dylan fose recoñecido este xoves co Nobel de literatura (Praza Pública, 13-10-2016).
O seu discurso pode parecer, por veces, doutro tempo. Mais é deste. O que reivindica, outra vez, a autonomía do campo poético. O que denuncia a impostura que revelou, ás veces, o relato da posmodernidade (Praza Pública, 14-10-2016).
Polo que respecta á vertente creativa é autor dos seguintes poemarios: Torres de amor (1943), Catro poemas pra catro grabados (1944), Lonxe (1954), Homenaje a Picasso (1963). Todos estes títulos foron recollidos nun imprescindíbel volume póstumo, publicado en 1979 en Ediciós do Castro por Isaac Díaz Pardo, co título de Poesía, que inclúe ilustracións orixinais de Luís Seoane e un limiar de Rafael Dieste (Xoán Carlos Domínguez Alberte, Sermos Galiza, 16-10-2016).
[...] un Samaín cheo de pesadelos e pavor encerradas en viñetas. Este cómic autoeditado é unha recompilación de material publicado polo autor na revista estadounidense Bloke's Terrible Tomb Of Terror. Un traballo pioneiro na B.D. galega do xénero do terror (Alfredo Pardo, Praza Pública, 18-10-2016).
O poema central de Elexías a Lola[---] conta cun significado especial para a autora, pois está dedicado á súa avoa que agora vestiu con novos textos. Outórgalle deste xeito unha nova fasquía de libro independente dentro dunha obra literaria admirada (M. O., Sermos Galiza, 17-10-2016).
[...] vén de reunir nun volume editado por Xerais 39 pezas de teatro breve que escribiu entre 1973 e 2015. O libro é, tamén, dalgún xeito, un repaso pola súa traxectoria, desde os tempos de O Facho e das primeiras mostras de Ribadavia. Unha carreira sen concesións ao que el, e non só el, considera os vicios do teatro galego, como eivas que arrastra desde os seus inicios e que puxeron os cimentos do seu actual desmantelamento (Montse Dopico, Praza Pública, 21-10-2016).
Unha das cousas que máis me alucinan da sociedade na que vivimos é como se conseguiu que a violencia fose algo tabú. Acéptase, sen emitir ningún xuízo de valor, o monopolio da violencia por parte do Estado. E desde aí é fácil manipular a xente co tema da violencia (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 28-10-2016).
Un monstro vén a verme, utiliza os pesadelos, os soños e a fantasía para trenzar unha historia chea de emoción e audacia que pon sobre a mesa a complexa relación nai-fillo e os elementos do amor, a perda, a dor, a esperanza, a amizade e o fascinador e salvífico poder dos que contan historias (H. J. P., La Voz de Galicia, 31-10-2016).

25.10.16

Julia Fernández Rodríguez. Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos

Imaxe: Editorial Galaxia
Julia Fernández estrutura este manual en tres capítulos. O terceiro, moi breve, contén a despedida e a expresión do desexo de conseguir o éxito na tarefa da educación emocional. O primeiro ten carácter teórico e ofrécenos as propostas e método para a educación dos sentimentos. No segundo, de carácter práctico e literario, atopamos o diario que narra a experiencia hospitalaria dunha rapaza  sobre a que se van propondo actividades para traballar sentimentos concretos.
Este manual para educación da emotividade nace en grande medida da experiencia do traballo hospitalario da autora, que define a emoción como “a cor da nosa mirada” (p. 22). Julia Fernández fainos ver a necesidade de aprender a enfrontarnos ás emocións, así como a necesidade de aprender a crear emocións positivas porque son a base para gozar da vida.
Sostén que o proceso educativo das emocións comeza por un mesmo, porque as emocións tamén se herdan e, daquela, cómpre mellorar a herencia antes de lla ir pasando aos sucesores.
O seu método sinala os seguintes pasos:
  1. Poñerlle nome ás emocións (teño medo, estou triste, contento, anoxado…) coa maior precisión posible, porque é o primeiro paso para facer o diagnóstico do estado anímico de cadaquén.
  2. Analizar os efectos somáticos das emocións: tremer, arrubiar, suar…
  3. Estudar a conduta que provocan as emocións: fuxir, quedar varados, gritar…
  4. Analizar as consecuencias da conduta nos seus aspectos positivos e negativos.
  5. Buscar respostas ás condutas provocadas polas emocións.
  6. Adestrarse en técnicas de control, en especial das condutas inadecuadas e
  7. Analizar as causas das emocións.
O método apóiase na soleira do optimismo. Cómpre deixar de enzoufarse na lama da desgraza para potenciar todo aquilo que funciona e nos senta ben. Os optimistas non son parvos e a actitude optimista axuda na resolución dos problemas que vaian xurdindo e, insiste a autora, o optimismo tamén se aprende.
Para ir levando a termo esta aprendizaxe emocional, Julia Fernández vai debullando técnicas e consellos, exemplificados con casos prácticos que, aínda sendo cotiáns, sinxelos e de sentido común, case que sempre se esquecen na tarefa educadora: aprender a gozar das cousas boas da vida, aceptar normas e límites, saber afrontar a frustración, manter boas relacións sociais partindo do coñecemento de si mesmo, desenvolver a autoestima.
Lémbrasenos no libro un antigo adaxio que nestes tempos tan ensimesmados que vivimos cómpre ter moi presente: a educación é tarefa da tribo enteira.

Dictiografía

Julia Fernández Rodríguez, Pequenas historias para falar de emocións e sentimentos. Vigo, Galaxia, 2015.

14.10.16

Medios prudentes e eficaces para a extinción do idioma

Imaxe: El País
Collo esta cita de Isaías Lafuente, Y el verbo se hizo polvo, Barcelona, Espasa, 2014.

“En 1825, El Congreso Constituyente del Estado de Guatemala, ‘considerando que debe ser uno el idioma nacional, y que mientras sean tan diversos como escasos e imperfectos los que aún conservan los primeros indígenas, no son iguales ni comunes los medios de ilustrar a los pueblos, ni de perfeccionar la civilización en aquella apreciable porción del Estado, ha tenido a bien decretar y decreta: los párrocos, de acuerdo con las municipalidades de los pueblos procurarán por los medios más análogos, prudentes y eficaces, extinguir el idioma de los primeros indígenas’”.

Ao autor sóalle “muy fuerte” o de “procurar extinguir el idioma por medios prudentes”, e conclúe que “el eufemismo habitó siempre y en todo lugar entre nosotros” (pp. 194-5).
Non teño ningunha dúbida do amor de Isaías Lafuente pola súa lingua. Abondaría con ler este excelente e deleitoso libro do que falo para decatarse. Así que a cita non agocha ningunha atravesada intención. Sinxelamente recolle un  de tantos casos de oficialización dun proceso glotófago, que podería aplicarse tranquilamente ao noroeste ibérico ou a calquera outro punto do planeta onde se pretendese extinguir unha lingua.
Documento e idea son do dezanove, século no que se consideraba unha desgraza a variedade lingüística do mundo. O progreso arrombaría coas linguas peregrinas e deixaría unha única lingua: a do poder, obviamente.
O principio de autoridade sempre dá a razón a quen a ten (a autoridade). Pódenos expropiar, confiscar os bens, facer pagar impostos ou cambiar a lingua sen ter que dar xustificacións. E cando as dá, coma no caso da lingua, sería como para tomalas a risa se non resultasen tan tristes:
  • o idioma nacional só pode ser un
  • os idiomas dos indíxenas son escasos e imperfectos
  • inútiles para a ilustración e a civilización
Os sociolingüistas teñen recollido polo mundo adiante montes e moreas de razóns deste estilo; pero non deron recollido as demostracións nas que se basean.
Tamén resultan familiares os protagonistas do proceso glotófago: o cura e mais o alcalde, que nos recuados tempos decimonónicos controlaban ferramentas coma o púlpito, o pregón, a escola se a había...
O século XX proseguiría coa idea, corrixindo métodos e aumentando recursos. O século no que estamos agora cambiou o discurso, pero non a intención: quen avogue polas linguas minoradas é un abusón que conculca os dereitos lingüísticos dos pobres cidadáns que falan a lingua dun Estado. Non deixa de sorprender o actuais que resultan as ideas decimonónicas. Hoxe mesmo (14-10-2016) pódense ler en La Voz de Galicia afirmacións como a que recollemos:
“[...] y por eso, antes que nada y sobre todo, la defensa de las lenguas vernáculas allí donde existen se ha planteado por los nacionalistas como una acometida agresiva e intransigente para acabar con la lengua común a toda España”. E insiste: “Y es que tanto la defensa de los símbolos nacionalistas (banderas, fiestas, himnos) como las de las propias lenguas que aquellos consideran punta de lanza de su política divisiva y de discordia entre españoles no tienen otro objeto que afirmar lo propio frente a lo común, lo que nos separa frente a lo que nos une, lo que nos enfrenta y no lo que nos reconcilia”.
E os que, aínda sendo de aldea, non somos nin nacionalistas, nin periféricos, nin unidades centrais, nin andamos a teimar con sermos españois nin deixarmos de selo, nin levamos bandeira ningunha en camisolas ou calzóns, nin cantamos himnos con letra ou sen letra… ¿por que temos que deixar que acaben coa lingua que nos pon en comuñón cos pais, coa terra que nos viu nacer e cos veciños cos que vivimos acotío? ¿A santo de que non nos podemos permitir o luxo --por poñer un exemplo-- de que nos multen na lingua escasa e imperfecta de indíxenas primitivos?
¿Sabe alguén a quen se lle poden dirixir estas queixas? ¿Temos os indíxenas primitivos do século XXI follas de reclamación á disposición dos usuarios de idiomas non comúns? ¿E dende cando un falador vernáculo fai tremelicar os fundamentos do Estado? ¿Cando se convencerán os teimudos do idioma universal de que a lingua máis común para un indíxena periférico  é a que se mama? Supoñendo que antes non lle civilizaran a nai… Porque os predicadores contumaces do idioma único tenden a esquecer que a extinción dunha lingua sempre comeza con forza máis ou menos bruta. Exprésao moi poeticamente unha canción italiana: 

[...] quando saremo insieme a te
noi ti daremo un'altra legge e un altro Re.
La legge nostra è schiavitù d'amore [...]

E aos indíxenas primitivos non nos vai quedar outra que crelo, porque somos "una apreciable porción del Estado". Pois tamén a lingua vernácula, allí donde exista, debería ser obxecto do aprecio, prestado por medios prudentes e eficaces, aínda que non o diga a constitución. ¿Ou que?

7.10.16

J. Nicanor Alonso Álvarez. O kylix dos deuses

Imaxe: toxosoutos.com
O investigador Néstor Pinto lévanos de viaxe pola aínda viva Grecia clásica no cumprimento dunha estraña encomenda: atopar o lugar perfecto para deitar as cinsas dunha muller. No momento en que lle fan o encargo Néstor está a vivir unha situación delicada: nin ten traballo nin superou aínda a morte da súa dona. Así que acepta a encomenda, que considera fácil e ben paga, e toma a viaxe aos lugares visitados na lúa de mel coma se fose unha débeda que saldar coa defunta esposa.
Non tardará en descubrir que foi escolleito como chibo expiatorio nun complot organizado por un membro da seita dos pitagóricos, que aproveita a guerra interna polo poder para traficar clandestinamente coas obras de arte patrimonio da seita.
Nese mundo gobernado polos números e o poder na sombra, o investigador irase atopando con espías, traizóns, vinganzas e incógnitas que terá que ir resolvendo se quere salvar a pelella.
No remate da aventura, os protagonistas séntense persoas distintas a como eran cando comezaron, coa "íntima satisfacción do deber cumprido". E aos que quedaron polo camiño a xustiza poética colócaos no lugar que merecen porque, malia os erros cometidos, actuaron en vida con intelixencia (o traidor Zenón) e grande xenerosidade (o artista Marco).
_______________________________________________________________
J. Nicanor Alonso Álvarez, O kylix dos deuses. Noia, Toxosoutos, 2016.