Imaxe: Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega |
1. Feliciano e Cecilia son noivos, pero teñen que verse ás escondidas debido ao "xenio condenado" do pai da rapaza (Bonifacio), que non traga o rapaz porque o considera un monicreque para a filla. Os mozos contan coa complicidade de Engracia (irmá de Cecilia) e, sobre todo, de Lucas ("criado da casa, pillabán de conta"). Como Bonifacio non está disposto a criar as fillas para darllas a un parvo, decide resolver a situación botando man da escopeta: descobre a Feliciano e dispáralle. Non lle atina, pero o rapaz desmáiase do susto e todos o dan por morto. Entra en escena o xuíz don Modesto ("moi petulante"), un alpabarda que se considera excelente investigador. Atopan unha camaisa manchada de sangue, pero seguen botando en falta o cadáver do mozo e mais un porco, do que tentaba tirar proveito o espelido Lucas. Ao final todo se aclara, triunfa o amor, o xuíz celebra o éxito da súa investigación e os namorados casan (por decisión paterna).
2. A obra desenvólvese en dous actos de parella extensión. O segundo dispón dunha escena máis, a derradeira, que pon ramo á obra: todo se aclara, os antagonistas cambian de actitude e anuncian un final feliz.
3. Os personaxes están construídos con poucos trazos, pero eficaces para crear un estereotipo: fillas doces e obedientes; pretendente que se derrete de amor pola noiva, pero que se escagarruza de medo ante o pai dela; pais que son cabezas de familia en exercicio, que só pensan no mellor para a súa prole... aínda que a prole non pense o mesmo.
Curiosamente, non aparece na peza unha figura materna que comparta ou equilibre o exercicio da autoridade na familia. Se cadra, a súa ausencia explica os paus de cego que dá o pai na relación coas fillas. ¿Trátase dunha ausencia necesaria para o desenvolvemento desta trama?
4. A actualidade da obra cómpre entendela situándose en 1922. Hoxe en día resulta ideoloxicamente inadmisible o papel secundario da muller, a case propiedade das fillas en relación cos pais (que llas "dan" aos futuros maridos), os matrimonios baseados no interese económico dos contraentes, a impermeabilidade entre clases sociais (amos / criados), o predominio da amizade sobre a xustiza...
Malia que a obra non represente o cen por cen do ideario das Irmandades da Fala, aínda hoxe resulta divertida: ese era o seu principal obxectivo. Tampouco se pode considerar absolutamente escapista, pois axuda a entender unha época e representa un chanzo máis na historia do noso teatro.
5. Sobre esta peza, ademais do estudo introdutorio de Laura Tato Fontaíña para a antoloxía citada, podemos ler:
- Carlos-Caetano Biscainho Fernandes, "Un caso compricado: tensións repertoriais no teatro de Leandro Carré Alvarellos", Univesidade da Coruña, 2015.
Laura Tato Fontaíña (ed), O teatro nas Irmandades da Fala. Antoloxía. RAG, 2016.
Personaxes: 2 mulleres e 6 homes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario