4.11.16

Miguel Anxo Fernández. Un dente sen cadáver

Imaxe: Editorial Galaxia 
Nesta sexta entrega da serie de Frank Soutelo, o detective viaxa a Galicia para facerse cargo dunha herencia inesperada. Por tal motivo coñeceremos algúns detalles das súas relacións familiares, lastradas en boa parte polo escolla de bando na guerra civil, e ata o mesmo protagonista descubrirá algúns datos que se mantiveran ocultos durante moitos anos.
Frank procura o asesoramento dun avogado para resolver a cuestión da herencia e, aproveitando a estadía no país, encárganlle a resolución do caso da aparición dun dente humano nun chourizo e un anaco de anel nuns callos.
Coa axuda desa especie de fraternidade de personaxes coñecidos (Dalia, Poncio, Franeiras, Pat…) o investigador pon en marcha o proceso de pescuda de datos para a resolución dos dous asuntos que agora ten entre mans. Aparentemente nada teñen que ver entre si, pero o detective acabará por descubrir que son dúas caras da mesma trama e que o encargo da investigación do crime só tiña a función de despistalo do asunto da herencia.
Na procura do criminal, Frank Soutelo atópase nunha canella sen saída. O clásico xiro inesperado que o levará á resolución do caso dáse cando entra en escena a familia dunha muller desaparecida. No ir e vir polo xeografía do país en procura de pistas, o detective iranos ofrecendo unha fotografía actualizada con aspectos salientables como a explotación de mulleres, a violencia doméstica, a explotación laboral de inmigrantes, a especulación urbanística, a corrupción política, o turismo termal, a industria cárnica… Asuntos manipulados por xentes sen escrúpulos que contan coa amizade de xentes poderosas e coa axuda de marxinais ou mesmo tarados psicolóxicos.
Nese mesmo deambular atopamos outros ingredientes típicos da novela negra: viaxes, cultura, lectura, usos e costumes, gastronomía… Frank Soutelo é un detective que amosa un gusto salientable pola lectura e pola cociña caseira, da que recolle receitas para facilitárllelas ao seu amigo restaurador de Los Angeles (EUA). Confésase como detective da vella escola, dos que se deixan levar polo instinto de sabuxo, pero non descoñece nin despreza os modernos métodos de investigación baseados na ciencia e na técnica. Esta mesma forma de ser é aplicable ao seu relato: Frank Soutelo dános unha visión dun país en evolución.
Remata a novela cunha nota do autor que nos lembra aqueles avisos iniciais de que todo parecido coa realidade era pura coincidencia. Aquí a nota é unha desculpa ante a industria cárnica, da que nos podemos sentir orgullosos, e o recoñecemento de que toda realidade novelesca é pura “imaxinación do autor”.

Dictiografía

Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver. Vigo, Galaxia, 2016.

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Ten boa pinta!

Páginas de Nieve dixo...

Moitísimas grazas pola cita, de verdade, é moito! Un moi bo libro! Saúdos.