21.12.15

Mi casa gallega en Sangenjo

Unha das razóns para lle cambiar o nome a un lugar é a imposibilidade de reproducilo na lingua orixinal. Teoricamente toda boca pode reproducir calquera son humano, pero só teoricamente. Na realidade abonda con lembrar as dificultades para imitar os sons da lingua estranxeira que estamos a deprender para confirmar o lonxe que queda a práctica da teoría, aínda tratándose de linguas da mesma familia.
Moitas veces os topónimos chégannos de lonxe por mediación doutras linguas, co que xa contamos con máis dunha vía de cambio.
Así e todo, nestes casos entre o orixinal e os resultados noutras linguas adoitan gardar semellanza: Spain, Spanien, Espagne, Spagna, Espanha, España… E debemos descartar nestas deturpacións do orixinal calquera sombra de mala fe, independentemente da consideración que cadaquén teña da marca.
Pero estas consideracións non teñen ningún valor para explicar o uso que Mariano Rajoy fixo da toponimia galega no programa de TVE En la tuya o en la mía. Calquera habitante da península Ibérica, incluídos os do Peñón, darían pronunciado con notable solvencia os nomes de Sanxenxo, O Carballiño e Ourense. Poida que nin se lle atrancasen a quen teña problemas na lingua, beizos, dentes, queixadas ou padal. 


No caso que nos ocupa nin faría falla lembrarlle a normativa sobre a toponimia de Galicia. Aprobouna o seu partido.
Resulta dificilmente comprensible nestes tempos esta teimosía en empregar un nomenclátor coma se este territorio aínda fose a leira de Felipe V (Quinto). Diremos na súa desculpa que, se cadra, aprendeu a xeografía do país nalgún mapa colgado na parede dunha escola unitaria nos tempos da España Una, Grande y Libre que practicaba o monolingüismo excluínte e non o bilingüismo cordial. Pero son ganas de desculpalo.
Calquera malpensado diría que Rajoy sente noxo polos topónimos que fan visible a lingua do oeste do telón de grelos e que practica sen ningún miramento o proceso glotófago, asistido polo dereito que o vencedor ten sobre o vencido.
Mais non sexamos malpensados, porque en España ningún goberno actuou nunca contra os vencidos. E no que portén ás linguas regionales é ben sabido que que se foron deixando para abrazar amorosamente o idioma común e os galegos, por non ser menos ca os demais, fomos bautizando fillos e leiras en cristiano.
Amén.

2.12.15

Manuel Álvarez Torneiro. Onde nunca é mañá. ("Ofrenda")

Trátase dun poemario que segue na liña da poetización da memoria, iniciada Por Álvarez Torneiro en obras anteriores.
Onde nunca é mañá expresa liricamente a  loita contra os efectos do paso do tempo: “A vida que remata sendo historia / proclive ao esquecemento” (p. 11). A nosa existencia está garantida  mentres viven os que nos coñecen (“Coñecinos”). Para o poeta somos río (“pasando igual ca un río”; p. 46).

Onde nunca é mañá tampouco non é un poemario de memoria acrítica. O tempo vivido dá a experiencia e a autoridade necesarias para facer unha análise crítica do humano (“Os malditos”, p. ex.) e do divino (“Ese Deus…”). A senectude convértese en “Sabedoría”.

Esta obra estrutúrase en dúas partes ( O mandato do tempo e Para un final sen fin). Na primeira, a voz poética reflexiona sobre os temas dende unha certa distancia; na segunda, a voz poética diríxese predominantemente a un ti, que pode ser o lector, alguén coñecido ou o propio poeta.

Reparo no poema “Ofrenda” porque resulta unha excelente forma lírica de lembrarnos que, ademais de sermos memoria, tamén somos fala.

Fálase da obra en

Manuel Álvarez Torneiro, Onde nunca é mañá. Pontevedra, Kalandraka Editora, 2014.

30.11.15

Noticias de literatura-167. Novembro de 2015

Imaxe: Através Editora
un libro editado por Através editora e que reúne deseños e escritos deste preso independentista, algúns xa publicados nos medios nos que Carlos Calvo colabora, e outros inéditos, que ven luz por vez primeira (X. M. Piñeiro, Sermos Galiza, 03-11-2015).
"Tres feridas", cuyo título hace alusión al poema de Miguel Hernández, se desarrolla en torno a las ideas de la vida, el amor y la muerte. La falta de comunicación de sus tres personajes les marcará su existencia con profundas heridas emocionales (Faro de Vigo, 04-11-2015).
O que si sei é que na miña vida a poesía é fundamental. Para min é como ese amigo que sempre está aí, que nunca falla e do que, polo tanto, sempre vou botar man para contarlle as miñas penas e tamén as miñas alegrías (Isabel Blanco, El Correo Gallego, 04-11-2015).
El ilustrador y dibujante Fernando Llorente, canario afincado en O Milladoiro, ha seducido al jurado del X Premio Castelao de Cómic que por unanimidad ha distinguido su trabajo A carreta do diaño (Xabier Sanmartín, El Correo Gallego, 05-11-2015).
Aínda que ten algún tinte autobiográfico, é unha ficción absoluta que conta os últimos anos de vida do protagonista, que fala de como ese xornalista encaixa a enfermidade terminal que padece e de que xeito intenta facer unha vida normal (Xabier Sanmartín, El Correo Gallego, 07-11-2015).
é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña (El Correo Gallego, 12-11-2015).
Unha obra a catro mans, que asina co fotógrafo Ignacio Castro, sobre as pegadas das persoas nos espazos que habitan. Sobre a nosa relación coa memoria, coa perda. Co tempo. Sobre a poesía como aquilo que non se di pero que está (Praza Pública, 12-11-2015).
Vento mareiro, publicouse por primeira vez en 1915 na Habana. O autor dedicoullo ao seu Cambados "pobre, fidalgo e soñador" (Alba Lago, El Correo Gallego, 15-11-2015).
Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante é unha obra ambientada no Vigo do século XIX. Nela recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade cuxa ría o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas de viaxe submarina. Porén, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884, non é fortuíta (Sermos Galiza, 16-11-2015).
A poeta gañadora [do premio Leiras Pulpeiro] ten publicado en verso até o momento Andar ao leu, Arxilosa, Cania Haikai e Corpos transitivos; e en prosa un par de libros infantís: PaLaBrAs BrAnCas e As redes de Inés, ademais do ensaio Descubrir Pontevedra (Sermos Galiza, 19-11-2015).
Trátase da súa nova obra narrativa na que nos presenta a libraría Terranova, un lugar que serviu sempre de refuxio para os náufragos de vida (Alberto Ramos, Praza Pública, 20-11-2015).
Recupera la atmósfera viguesa, centrando la trama en la desaparición de una profesora de la Escola de Artes e Oficios, por lo que reproduce todo el universo del centro con luthiers, artistas y orfebres. El otro lado de la Ría también estará presente, ya que la víctima residía en Tirán (Moaña). Pasó algún tiempo y el detective ha cambiado (Ana Baena, Atlántico, 17-11-2015).
Jesús Castro Yáñez, Os nomes e os himnos (Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé)
É un poemario que presta moita atención á natureza en xeral, e en especial á auga. Non sei en que medida son imaxes que aparecen de forma inconsciente ou son buscadas, pero nun poema será difícil que fale de semáforos ou tráfico. Falarei, por exemplo, dun pomar ou dunha muller debullando fabas. Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi (Praza Pública, 22-11-2015).
[...] publícase en edición bilingüe galego/castelán. Antón Reixa, músico e cantante, produtor e director audiovisual, conta cun extenso catálogo de poesía editada en volumes como Látego de Algas, Escarnio, Silabario da Turbina, As ladillas do travesti, Viva Galicia Beibe, Ringo Rango, Fóra ás vosas suxas mans de Manoel Antonio e A dama que fala (El Correo Gallego, 24-11-2015).
[...] polo seu traballo  ‘Duración da penumbra’ (Galicia Hoxe, 24-11-2015).

Deixáronnos Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego. Viviron de amor á Terra.

25.11.15

Ousmane Sembène. O xiro postal

Imaxe: Rinoceronte Editora
“Quen o vai cambiar? Pasei un ano sen traballar porque fixera folga. Teño dúas mulleres e nove cativos. O único que dá cartos son as trampas”.  Isto é o que lle contesta Ibrahim Dieng ao carteiro cando lle manifesta que a situación ten que cambiar porque nin os que teñen traballo están contentos.
Ibrahim ⎼⎼⎼indocumentado e analfabeto⎼⎼⎼ vive no Senegal poscolonial. Unha nova xeración africana rexe os destinos do país, pero leva unha deriva que fai pensar ao protagonista que a honradez é un delito e que vivir en paz convértese en cativo consolo.
Os problemas deste atribulado home aumentan cando recibe un xiro do seu sobriño, emigrante en Francia, que lle encomenda cobrar e administrar ese diñeiro. Pero Dieng tropeza coa burocracia e a pillería dos que o terían que axudar e non chega a tocar os cartos. Acaba roubado e pandando coa responsabilidade.
O protagonista vén sendo a personificación de toda aquela xente que nin sequera logra vivir ao día. Dieng ponlle voz a todos os desesperados que non vén futuro na súa terra. A frase que pecha o relato tampouco agoira grandes esperanzas de cambio: “Todos gardaron silencio”.

Dictiografía

Ousmane Sembène, O xiro postal. Cangas, Rinoceronte, 2008. Tradución de Isabel García Fernández.

23.11.15

Co grelo ás envoltas

Imaxe: Davila/Faro de Vigo
Non hai moito puidemos ler na prensa unha simpática noticia relacionada coa festa do grelo das Pontes.Recollemos, como exemplo, as seguintes ligazóns:
 O trasno do tradutor de Google púxolle un toque erótico á festa e fíxolle aos organizadores unha ampla propaganda abondo máis barata có polémico vídeo musical de Enrique Iglesias.
O trabucamento explícase na identificación que no Brasil fan entre "grelo" e "clítoris". E o tradutor, se cadra influído polo clima, a potencia do país e a expansión da súa lingua, optou polo disfemismo.
Non me opoño a nada do dito, pero ¿seguro que só medran tales grelos no Brasil?
Quero lembrar a este respecto o dito por Valentín Paz Andrade na obra A galecidade na obra de Guimaraes Rosa: na outra beira do Atlántico abrollan usos, costumes e palabras que teñen as súas raíces neste vello país.
Lembro tamén, a maior abondamento, o alcuño dunha muller que viviu hai uns cincuenta anos na aldea de H. Rebautizárona como A Grela. Aos cativos non nos daban moitas explicacións, pero o motivo do sobrenome seica se debeu a que, tocante ao divertimento, facía o que lle saía do grelo. Non estou agora mesmo en condicións de procurar máis información ao respecto. Tampouco sei se hai máis xente bautizada desta sorte (se cadra han ter máis información no CRPIH). A señora emigrou da aldea canda o home e o resto da familia na procura de mellor vida. Ata onde eu sei, finou hai anos e non deixou o alcuño en herencia.
Para mellor información véxase o artigo "A Feira do Clítoris", no blog Dúbidas do galego.  Para non quedarmos con dúbida ningunha.

4.11.15

Fran P. Lorenzo. Cabalos e lobos

Imaxe: Edicións Xerais
O título desta novela obedece á taxonomía que o tío da protagonista fai dos seres humanos (p. 85), baseada no seu comportamento: os lobos non se comen entre si, pero os cabalos poden ser as súas vítimas. En troques, os cabalos (coma os de xadrez) poden adoptar unha estratexia especial para saíren airosos no xogo da vida (p. 112) grazas, entre outras cousas, ao seu movemento máis libre e menos previsible. Basicamente, este é o principio que rexe a vida dos personaxes que se moven neste relato.
Cando o médico decide facerlle á protagonista unhas probas para determinar a natureza dunha sombra sospeitosa nos pulmóns, ademais de meterlle o medo no corpo, actívalle a necesidade de coñecer as sombras da súa propia familia. Porque as familias precisan dunha versión oficial propia (capítulo XIV). Na procura desta versión oficial e o seu contraste coa real desenvólvese o relato que estamos a ler.
Fran P. Lorenzo estrutura a novela en tres partes (“Gran Vía, 2”, “Descampado” e “Alba de Gloria”), distintas en extensión e ritmo narrativo, e cédelle a voz a dous narradores (á protagonista, Paula Costa Beckmann, na primeira e terceira,  e ao seu tío Álvaro na segunda). Nesta segunda parte radica a principal “sombra” que a familia pretendeu esconxurar: a homosexualidade e a súa vivencia. No tempo histórico en que se sitúa o desenvolvemento da novela esta “sombra” pesa moitísimo máis que o pasado nazi (visto como glorioso por momentos) ou a honorabilidade da fortuna acumulada.
A esta estrutura tripartita cómpre engadirlle tres datas significadas no decorrer do relato:
  1. 1960. “Noite da Caída” (p. 11), “ano no que oficialmente todo acaba para todos” (p. 19). O lector saberá finalmente que a caída só foi “oficial”.
  2. 1989. Ano en que a protagonista decide retornar á súa casa e darlle un novo rumbo á súa vida. “Chegaches en mal ano” (p. 42), dille o seu tío Álvaro, referíndose ao derrubamento do muro de Berlín. A protagonista derruba simbolicamente o seu propio muro.
  3. 2007. Xuño. Datación da carta que Álvaro escribe para o seu sobriño neto. Este documento varre a sombra que avergoña a familia e convértese nunha sorte de testamento vital para Paula e o seu fillo.
Espazo literario e personaxes están intimamente relacionados. Trátase dun espazo urbano, perfectamente identificable, e de interior doméstico. Casa e cidade configuran os personaxes. O recoñecemento do papel relevante da cidade é constante ao longo da novela: as vidas das persoas son coma as das cidades ou países (p. 77); as cidades son, ás veces, un estado mental; compara o entullo das cidades alemás bombardeadas co entullo das súas propias vidas (p. 79); dáse unha identificación protagonista-fogar-cidade (p. 95). As citas iniciais son un aviso claro da importancia que se lle vai dar ao espazo no relato.
A homosexualidade convértese no fío temático principal da novela, pero non ten menor importancia o tratamento da miseria moral de España e da Europa dos totalitarismos: exclusión e persecución de persoas pola súa condición social, racial, ideolóxica…; exercicio do poder sen ningún tipo de freo nin escrúpulo; contrabando a favor das castes poderosas; represión, campos de concentración, cárceres…
O relato, porén, aposta por un futuro sen prexuízos e sen dobres vidas que precisen do pano encubridor unha versión oficial propia.


Dictiografía

Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos. Vigo, Xerais, 2015. Premio Blanco Amor 2014.