4.11.15

Fran P. Lorenzo. Cabalos e lobos

Imaxe: Edicións Xerais
O título desta novela obedece á taxonomía que o tío da protagonista fai dos seres humanos (p. 85), baseada no seu comportamento: os lobos non se comen entre si, pero os cabalos poden ser as súas vítimas. En troques, os cabalos (coma os de xadrez) poden adoptar unha estratexia especial para saíren airosos no xogo da vida (p. 112) grazas, entre outras cousas, ao seu movemento máis libre e menos previsible. Basicamente, este é o principio que rexe a vida dos personaxes que se moven neste relato.
Cando o médico decide facerlle á protagonista unhas probas para determinar a natureza dunha sombra sospeitosa nos pulmóns, ademais de meterlle o medo no corpo, actívalle a necesidade de coñecer as sombras da súa propia familia. Porque as familias precisan dunha versión oficial propia (capítulo XIV). Na procura desta versión oficial e o seu contraste coa real desenvólvese o relato que estamos a ler.
Fran P. Lorenzo estrutura a novela en tres partes (“Gran Vía, 2”, “Descampado” e “Alba de Gloria”), distintas en extensión e ritmo narrativo, e cédelle a voz a dous narradores (á protagonista, Paula Costa Beckmann, na primeira e terceira,  e ao seu tío Álvaro na segunda). Nesta segunda parte radica a principal “sombra” que a familia pretendeu esconxurar: a homosexualidade e a súa vivencia. No tempo histórico en que se sitúa o desenvolvemento da novela esta “sombra” pesa moitísimo máis que o pasado nazi (visto como glorioso por momentos) ou a honorabilidade da fortuna acumulada.
A esta estrutura tripartita cómpre engadirlle tres datas significadas no decorrer do relato:
  1. 1960. “Noite da Caída” (p. 11), “ano no que oficialmente todo acaba para todos” (p. 19). O lector saberá finalmente que a caída só foi “oficial”.
  2. 1989. Ano en que a protagonista decide retornar á súa casa e darlle un novo rumbo á súa vida. “Chegaches en mal ano” (p. 42), dille o seu tío Álvaro, referíndose ao derrubamento do muro de Berlín. A protagonista derruba simbolicamente o seu propio muro.
  3. 2007. Xuño. Datación da carta que Álvaro escribe para o seu sobriño neto. Este documento varre a sombra que avergoña a familia e convértese nunha sorte de testamento vital para Paula e o seu fillo.
Espazo literario e personaxes están intimamente relacionados. Trátase dun espazo urbano, perfectamente identificable, e de interior doméstico. Casa e cidade configuran os personaxes. O recoñecemento do papel relevante da cidade é constante ao longo da novela: as vidas das persoas son coma as das cidades ou países (p. 77); as cidades son, ás veces, un estado mental; compara o entullo das cidades alemás bombardeadas co entullo das súas propias vidas (p. 79); dáse unha identificación protagonista-fogar-cidade (p. 95). As citas iniciais son un aviso claro da importancia que se lle vai dar ao espazo no relato.
A homosexualidade convértese no fío temático principal da novela, pero non ten menor importancia o tratamento da miseria moral de España e da Europa dos totalitarismos: exclusión e persecución de persoas pola súa condición social, racial, ideolóxica…; exercicio do poder sen ningún tipo de freo nin escrúpulo; contrabando a favor das castes poderosas; represión, campos de concentración, cárceres…
O relato, porén, aposta por un futuro sen prexuízos e sen dobres vidas que precisen do pano encubridor unha versión oficial propia.


Dictiografía

Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos. Vigo, Xerais, 2015. Premio Blanco Amor 2014.

31.10.15

Noticias de literatura-166. Outubro de 2015

O xurado da décima edición do premio de ensaio Manuel Murguía [...]  premiou a obra 'Historia do pensamento galego contemporáneo' do profesor da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago (USC) Marcelino Agís Villaverde (Galicia Hoxe, 01-10-2015).
El jurado ha valorado la labor del traductor y crítico literario lancarés en favor de la lengua y cultura gallegas y su contribución, desde la Universidad de Barcelona (UB), a través del ensayo y la crítica literaria para difundir la identidad gallega por diferentes países (El Correo Gallego, 01-10-2015).
Marcos Calveiro vén de gañar o IX Premio Repsol de Narrativa Breve con Fontán, novela biográfica de corte histórico que percorre a vida de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia (entrevista con Alberto Ramos, Praza Pública, 03-10-2015).
[...] é un premio que da visibilidade, algo difícil de acadar. Pero tamén é unha alegría colectiva. Entendo que é un xeito de dicir: aquí estamos os autores de literatura galega, que apostamos por ela e que temos presenza mais alá de Galicia. Sinto orgullo (La Voz de Galicia, 06-10-2015).
[...] unha novela escrita polo autor inglés  Charles Lutwidge Dodgson baixo o pseudónimo de Lewis Carroll. E 145 anos máis tarde comezou nos Estados Unidos un proxecto de facer un compendio de ¨Alicias¨ en todas as linguas do mundo (Sermos Galiza, 13-10-2015).
[...] a obra com a que Charo Lopes ganhou o Premio Fiz Vergara Vilariño. Falamos com a sua autora, cujo discurso guarda uma enorme coerência coa sua escrita: uma autentica descoberta para quem goste de ler poesia (Montse Dopico, Praza Pública, 13-10-2015).
El resultado es una obra en la que el inconformismo y la rebeldía de la protagonista -Paula- van marcando el discurrir de la historia, una historia actual, basada en problemas de hoy, «porque probablemente todos precisamos cambiar cousas na nosa vida, porque non podemos esperar a que o tempo as cambie. O tempo poucas veces arranxa as cousas», afirmó (Ana Lorenzo, La Voz de Galicia, 16-10-2015).
É unha historia tola, chea de personaxes curiosos, que xira arredor do roubo da Moreneta (Atlántico, 17-10-2015).
[...] unha novela na que abrolla, como nas anteriores, o maltrato. E o amor como procura. Mais non só volveron os libros. Tamén o fixo Manuel, segundo conta el mesmo. Un Manuel novo que pasou a súa “longa noite de pedra”. Porque, di el mesmo, os milagres -laicos- existen. E pódese regresar da escuridade (Montse Dopico, Praza Publica, 19-10-2015).
[...] unha historia na que se conta que "Bombona –que na realidade responde ao nome de Ulla– é a cadela máis lista do mundo. E Vic, un pequeño desastre de neno (María Almodóvar, El Correo Gallego, 20-10-2015).
Celebración é o segundo poemario de Hermo após o aparecimento en 2011 de Crac (Barbantesa), embora o autor considera aquel realmente como o seu primeiro traballo (Sermos Galiza, 20-10-2015).
En Ons catro rapaces comezan as súas vacacións na illa que pecha o horizonte da ría de Pontevedra. "Mais o primeiro día -reza a sinopse da contracapa- un arrepiante descubrimento na praia converterá o seu verán nunha aventura trepidante e inesquecíbel..." (Fran P. Lorenzo, El Correo Gallego, 21-10-2015).
Manel Cráneo explica as súas sensacións ante o novo proxecto que ten entre mans: a adaptación á novela gráfica da célebre A nosa cinza, de Xavier Alcalá (Alberto Ramos, Praza Pública, 24-10-2015).
La tesis de Caballero destaca la significación de Marín en el humor gráfico gallego del último medio siglo, al tiempo que sostiene que el dibujante ferrolano puede ser considerado como «o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao». La razón, para el investigador, reside en que ningún otro innovó tanto gráficamente ni tampoco fue capaz de hacer una obra de valores universales con la temática «dun pequeno país» (Cristina Barral, La Voz de Galicia, 25-10-2015).
A historia arrinca no 1906, cando tivo lugar un dos feitos máis descoñecidos da historia compostelá, o roubo da cruz de Afonso III, da que nunca nada máis se soubo  (Xurxo Melchor, La Voz de Galicia, 27-10-2015).

28.10.15

"Estuve en Órdenes..."

"Estuve en Órdenes, que es un pueblo de la provincia de La Coruña".

Así mesmiño o dixo don Mariano Rajoy no programa especial informativo de TVE (minuto 28:40-5). La Voz de Galicia (27-10-2015) recolle a expresión e comenta "que ha tropezado dos veces en una misma frase con la toponimia gallega".
Tropezar tropeza calquera. Pero coñecendo a traxectoria lingüística do personaxe e exercendo o meu dereito a ser malpensado, inclínome a consideralo como o consabido trato irrespectuoso co idioma "regional". Sobre a cuestión da toponimia, en España, discutiuse e debateuse ata cansar, e aprobáronse tantas propostas políticas que resulta difícil pensar que o de Rajoy fose un lapsus. Se cadra ao mellor, Fomento aínda non cambiou os carteis da estrada do "pueblo", pero así e todo...
A maior abondamento, direi que ata unha memoria fráxil e senil coma a miña lembra a defensa que un coñecido líder popular fixo das traducións aberrantes da toponimia dándolles a consideración de "sinónimos enriquecedores". Aínda está a tinta fresca. E tamén está fresca na memoria a despedida que lle fixeron cantándolle o lalalá a outro polìtico, tamén de alto rango. Así que, tanto se se ameniza con música lixeira en minisaia ou canto gregoriano en sotana, o couce sempre lle cae á toponimia da lingua minorada. Para que se saiba quen manda.
Os sociolingüistas (polo menos os que non teñen carné de partido) describiron este comportamento como típico e xeral para coas sociedades colonizadas. ¿Que han saber os indíxenas dos nomes do seu propio territorio? O menos que adoitan facer é "traducilo" ou grafalo contranatura, pero tamén lle poden amañar un ben xeitosiño que non o recoñeza nin a nai que o pariu (dispensando): Lalala Coruña, Órdenes, Seijo, Carballino (onde se admite pulpo como animal de compañía), Puenteareas, Niño de la Guía, Sangenjo, Toro, Desván de los Monjes... E hai próceres que esganarían a nai con tal de xustificalo. O importante é que o indíxena non recoñeza o terreo que pisa.
En Galicia --como saben os estudantes de FP Básica--, este proceso de resetear a toponimia e a antroponimia acelerouse dende o século XVIII. E aí estamos, e seguiremos porque os intentos de volver as cousas ao rego son considerados actividades antipatrióticas. Sempre domina a lingua de quen pon o letreiro (malia la imposición del gallego). E por estes lares hai moita afección a cambiar os postes e os marcos.
Así e todo, no programa enriba sinalado don Mariano Rajoy respectou Palas de Rei. Algo lle hai que deixar á oposición...

20.10.15

MEIRANDE (Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande)


Imaxe: Facebook do nuseo
O Museo de Rande, coma quen di, acaba de nacer: inaugurouse en 2013. Ainda é un naipelo, pero amosa posibilidades de medrar en moitos aspectos. Nós visitámolo no primeiro aniversario e agasalláronnos cun trato exquisito.
Soamente pola paisaxe xa paga a pena a visita. Para os docentes presenta ademais unhas excelentes ferramentas didácticas á hora de explicar etapas e feitos fundamentais na historia europea e local.
O cometido principal do museo é a batalla de Rande (23-10-1702), vista tanto nos seus aspectos locais coma na súa importancia dentro da política europea do século XVIII: decadencia do imperio español, cambio de dinastía, España singular centralizada... Outro dos aspectos estudados no museo está relacionado coa axuda da Nova España á Alemaña nacionalsocialista. Non menos interese ten a actividade económica da fábrica que acolle o museo e da súa contorna, tanto contemplada dende a perspectiva histórica como actual.
MEIRANDE adoita ser noticia na prensa por actividades como as rutas culturais pola contorna ou as escenificacións históricas.



14.10.15

"Pedino de rodillas"

A expresión completa, tal e como a recolle La Voz de Galicia (08-10-2015. Actualizado a las 18:39 horas) di textualmente: "Pedino de rodillas e agora se me toma o pelo".
Expresións coma esta escóitanse e lense  a miúdo e fanlle saltar os automáticos ao gramático represor.
  1. En galego pídese de xeonllos (así nos vai). Non debe entenderse en sentido literal porque o alcalde non iría á reunión coma quen vai ofrecido á Virxe da Franqueira. Aquí ten o sentido de "pedir encarecidamente" ou algo similar. Tamén considero que se trata de algo máis que unha simple cuestión léxica. Lembro o caso dunha persoa culta que lles chamaba naranxas ás laranxas porque lle soaba menos "bruto". Así que por un prurito social tododiós ten rodillas e non xeonllos, abuelos e non avós ou nindiós ten Deus. As recuperacións, se se dan, pola vía académica.
  2. E agora *se me toma o pelo. O tomado é o pelo (complemento directo); daquela, sobra o se. En galego estándar: e agora tómanme o pelo.
Noutra ocasión falaremos dos complementos directos introducidos pola preposición a e da colocación dos pronomes átonos.

Malia o dito enriba, agradezo ao alcalde o uso da nosa lingua, mesmo para encabuxarse cos seus compañeiros de oficio. E prégolle que desculpe a miña deformación profesional. Ás veces os profesores somos tan atravesados coma os políticos.

1.10.15

Noticias de literatura-165. Setembro de 2015

Ledicia Costas (Vigo, 1979), que ri lembrando a resposta, non  perdeu a súa paixón pola literatura. Ao contrario, foi medrando con ela (entrevista con Rodri García, La Voz de Galicia, 04-09.2015).
Trátase dunha “traxicomedia” na que o humor vai corcosendo as imaxes propias dun Nadal calquera, no que as aparencias, o simulacro familiar e a soidade sobre a epiderme servirannos de espello (Alberte Ramos, Praza Pública, 04-09-2015).
El viejo sueño de crear un museo dedicado a Álvaro Cunqueiro en el edificio que ocupa el número 13 de la praza da Catedral de Mondoñedo -donde el narrador vivió y escribió alguna de sus obras más geniales- está un poco más cerca (La Voz de Galicia, 13-09-2015).
Proxectar luz sobre esa verdade silenciada é a nosa homenaxe ás vítimas, que non foron só as que perderon a vida, senón todas aquelas que viviron o desgarro, o trauma de perder un ser querido e soportaron o estigma social, padecendo penurias e humillacións por riba de tanta dor (Isabel González, Praza Pública, 20-09-2015).
Sobresale la buena construcción de los personajes, con personalidades complementarias, que empatizan con el público joven, el sentido del humor, el carácter intergeneracional y el final circular son otros alicientes de esta obra (El Correo Gallego, 22-09-2015).
[...] un policía pouco experimentado, Miguel Santos, encárgase dunha investigación na que a corrupción, os conflitos empresarias e os asuntos familiares parecen ser as principais vías de pescuda. Mais as orixes do crime lévanos até a República e a Guerra Civil, cando os asasinados eran mozos e participaban no movemento falanxista (Fernández Leiceaga entrevistado por Alberto Ramos, Praza Pública, 25-09-2015).
O autor galego Marcos S. Calveiro e a súa obra Fontán veñen de acadar un salientable galardón (El Correo Gallego, 30-09-2015).

31.8.15

Noticias de literatura-164. Agosto de 2015

[...] Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, o seu último libro, Xograr Martin Codax, unha tradución ao xaponés das sete cantigas de amigo do trobador medieval vigués publicado pola editorial nipona Ronso (La Voz de Galicia, 01-08-2015).
[...] a obra coa que a escritora e actriz Esther F. Carrodeguas vén de gañar o Premio Abrente de Textos Teatrais. Cando o recolleu, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, lembrou que as populares Marías non son unha estatua de postal, senón unha lembranza do que non debería volver pasar (Montse Dopico, Praza Pública, 01-08-2015).
A novela de Beatriz Maceda evoca a historia do futbolista brasileiro en O álbum de Garrincha, unha novela que fala de fútbol mais tamén de integración, de superación das dificultades e de solidariedade. “Son mestra e desde hai anos temos aulas multiculturais e dinme conta de que chegan coa morriña nos ollos, cunha tristura inmensa, sen ser referente de nada e vin que o fútbol é un deporte democrático co que a integración pode ser rápida”, explica a escritora (Carme Vidal, Sermos Galiza, 03-08-2015).
[...] os presentes fixeron un percorrido pola creación literaria desta profesora nacida en Cáceres pero que viviu grande parte da súa vida na cidade do Lérez onde participou activamente na vida cultural e política (Galicia Hoxe, 16-08-2015).

A necesidade de expresarnos e lembrar, o poder da linguaxe e o cruzamento incesante de camiños que a vida é, percorren este discurso poético de Manuel Rivas que casa, en feliz confluencia, o popular, os haikus e as luzadas surrealistas (Ramón Nicolás, La Voz de Galicia, 21-08-2015).
O escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, como recoñecemento á súa traxectoria vital e profesional (Galicia Hoxe, 21-08-2015).

22.8.15

Kruckenberg, homenaxeada


A imaxe e o poema están nas escaleiras da rúa Roupeiro, en Vigo. Trátase dun traballo do Proxecto EWA.
O texto pertence ao poemario A sombra ergueita, editado por Castrelos en 1976. Neste libro, os poemas aparecen numerados. O da fotografía vai encabezado co número 39 e pecha a obra. Unha obra que reflexiona sobre o sentido da existencia, que rezuma intimismo e, por veces, desespero.

Curiosamente, o poemario arrinca con estes versos:
Nin os muros de pedra
do camiño
paran o vento.
Ninguén para o vento.
O muro que sostén o traballo artístico é de formigón e, se non pode parar o vento, si pode soster un grito poético de fe e esperanza no ser humano.
Que dure.

Máis información:


20.8.15

Santiago Cortegoso. Raclette

Imaxe: Edicións Xerais
Ao redor do simbólico aparello que dá título á obra reúnense cinco personaxes (dúas parellas e a convidada dunha delas). Malia usaren unha única mesa, o autor organiza a escena coma se se tratase de dúas obras diferentes; os dous grupos non comparten nada entre si, actúan coma se vivisen en mundos paralelos. Non será ata as escenas finais cando o espectador descubrirá que os fillos son o elemento de relación deses dous mundos.
Sobre as táboas desenvólvese unha ampla temática propia da sociedade de hoxe en día. Salta á vista a incomunicación que padecen os personaxes, paradoxal nun mundo intercomunicado cada segundo do día. Os personaxes fannos ver que a incomunicación non é un problema de aparellos, senón de actitudes.
A crise económica amarga a vida e a relación de parella dos personaxes masculinos, que sofren o drama do paro. Os dous que temos en escena viven do salario das mulleres.
Os fillos --hai dous que non aparecen en escena, pero son motivo central na conversa-- convértense en motivo de fricción entre as parellas. O espectador decátase de que se trata de preadolescentes sobreprotexidos polos pais e consentidos máis alá do que a prudencia e a boa crianza aconsellan. Os nenos aplican instintivamente a máxima de que o fin xustifica os medios cando se trata de lograr os propios obxectivos. Cando o espectador descobre que a morte dun dos rapaces foi causada pola acción acosadora do rival ten á vista o tema principal da peza. O redentor espírito maternal evita que as cousas acaben na xustiza e a vida siga máis ou menos igual, pero no fondo son pais e nais os que manifestan un maior sentimento de culpabilidade.
O grupo humano que temos en escena fórmano persoas adultas, maduras e na flor da vida (andan entre 32 e 42 anos). Amosan as neuras típicas da xente nestes tempos de crise: sentido crítico, compromiso social, preocupapción pola conservación do medio ambiente e dieta sa… pero con escasos recursos para controlar os acontecementos que os arrastran irremisiblemente.
Dictiografía

Santiago Cortegoso Calvar, Raclette. Vigo, Xerais, 2015.
Personaxes: 5 (tres mulleres e dous homes).