Imaxe: Edicións Xerais |
Ao redor do simbólico aparello que dá título á obra reúnense cinco personaxes (dúas parellas e a convidada dunha delas). Malia usaren unha única mesa, o autor organiza a escena coma se se tratase de dúas obras diferentes; os dous grupos non comparten nada entre si, actúan coma se vivisen en mundos paralelos. Non será ata as escenas finais cando o espectador descubrirá que os fillos son o elemento de relación deses dous mundos.
Sobre as táboas desenvólvese unha ampla temática propia da sociedade de hoxe en día. Salta á vista a incomunicación que padecen os personaxes, paradoxal nun mundo intercomunicado cada segundo do día. Os personaxes fannos ver que a incomunicación non é un problema de aparellos, senón de actitudes.
A crise económica amarga a vida e a relación de parella dos personaxes masculinos, que sofren o drama do paro. Os dous que temos en escena viven do salario das mulleres.
Os fillos --hai dous que non aparecen en escena, pero son motivo central na conversa-- convértense en motivo de fricción entre as parellas. O espectador decátase de que se trata de preadolescentes sobreprotexidos polos pais e consentidos máis alá do que a prudencia e a boa crianza aconsellan. Os nenos aplican instintivamente a máxima de que o fin xustifica os medios cando se trata de lograr os propios obxectivos. Cando o espectador descobre que a morte dun dos rapaces foi causada pola acción acosadora do rival ten á vista o tema principal da peza. O redentor espírito maternal evita que as cousas acaben na xustiza e a vida siga máis ou menos igual, pero no fondo son pais e nais os que manifestan un maior sentimento de culpabilidade.
O grupo humano que temos en escena fórmano persoas adultas, maduras e na flor da vida (andan entre 32 e 42 anos). Amosan as neuras típicas da xente nestes tempos de crise: sentido crítico, compromiso social, preocupapción pola conservación do medio ambiente e dieta sa… pero con escasos recursos para controlar os acontecementos que os arrastran irremisiblemente.
Dictiografía
- Raclette, de Santiago Cortegoso, no Telexornal de CRTVG, 10-11-2014.
- “Santiago Cortegoso y su obra Raclette ganan el XXII Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrales”, El Periódico, 10-11-2014.
- Montse Dopico, “Santiago Cortegoso gaña o Álvaro Cunqueiro con Raclette, Magazine Cultural, 10-11-2014.
- “Santiago Cortegoso gaña o Premio Álvaro Cunqueiro de teatro coa obra Raclette”, Faro de Vigo, 11-11-2014.
Santiago Cortegoso Calvar, Raclette. Vigo, Xerais, 2015.
Personaxes: 5 (tres mulleres e dous homes).
Ningún comentario:
Publicar un comentario